O novo CGAC

Miguel von Hafe “sería esquizofrénico que na mesma estrutura se creasen dúas entidades (Cidade da Cultura e CGAC) que puideran competir”

Miguel von Hafe, director do CGAG. Foto: Mark Ritchie
Miguel von Hafe, director do CGAG. Foto: Mark Ritchie
É o primeiro director do CGAC escollido por un xurado internacional logo dun concurso de méritos. Presume de coñecer ben a arte galega e trae un proxecto debaixo do brazo que desvela a contagotas. Incomódalle que se dubide de que o CGAC é un museo con nome de centro de arte e chega coa intención de pór o acento na colección. Miguel von Hafe (Porto, 1967) comeza a súa andaina coa única consigna de atraer ao público.

Chega por primeira vez na historia do CGAC por un concurso de méritos, pero… ¿déronlle algunha consigna ou indicación desde a Consellaría de Cultura?
Déronme a consigna de partida da necesidade de incrementar o público. Pero é lóxico, porque se ti acreditas no teu proxecto que tes un equipo que traballa con calidade, loxicamente queres que máis xente o vexa. É unha consigna perfectamente comprensible. En todo caso, non é unha cuestión de baixar en termos cualitativos a programación tentando atraer máis público, como fixo caso máis paradigmático e polémico da exposición de Harley Davidson no Guggenheim, senón facendo cousas interesantes. Tamén é certo que ao tempo que tentamos manter un leitmotiv no discurso temos que tentar que o CGAC continúe a súa traxectoria. Non é partir dun estado cero, xa que o CGAC ten un lazo histórico, ten a súa identidade definida que hai que continuar.

¿Cales son as claves do seu proxecto para o CGAG?
Primeiro, respectar a identidade atlántica do centro. As persoas entenden facilmente a historia do CGAC que o distingue doutros centros de arte en España. Así eu propoño traballar tanto con artistas consagrados como cos máis novos e, fundamentalmente, crear a través de exposicións colectivas un determinado discurso que sublime a temporalidade actual, de aí que o traballo con comisarios vai ser fundamental. En termos xerais, algo que me parece latente en todo o contexto creativo é a nosa relación coa modernidade, de cómo nos relacionamos co século XX, e como de repente os cambios xeopolíticos descubren modernidades ideosincráticas. Procuraremos revisións críticas da modernidade. Isto implica un certo cinismo da posmodernidade como vivir nun tempo global con estas historias que son tan locais. E esta atención é o que nun momento nos parece interesante e hai que subliñar.

Temos un centro que funciona como museo ¿existe un problema conceptual?
Non hai un conflito e ninguén pode colocar esta cuestión como tal. A definición de museo está establecida por ICOM e ancórase na cuestión de ter ou non unha colección. O centro comezou con Gloria Moure tendo en depósito a colección de arte da Xunta e, dezaseis anos despois, hai unha colección propia e, polo tanto, é un museo que se chama Centro Galego de Arte Contemporánea. Con independencia de que as súas políticas se basearan en exposicións temporais, a colección ten unha identidade clara: traballa desde os anos sesenta e ten un ámbito xeográfico ben definido. A colección non aborda a arte sudasiática nin oriental, senón que fai unha aposta polo contexto europeo de maneira xenérica e con olladas a Latinoamérica; o que me parece que ten moito sentido e, ademais, marca unha posición diferente doutros centros e museos de arte do contexto español. Esta visión de achegamento cara América latina está de moda nos últimos anos, pero no CGAC xa existía de antes e creo que cómpre continuar nesa liña porque tamén se explica en termos históricos e conceptuais.
__
“NON SE PODE CONTAR SÓ COA MIRADA ÚNICA DUNHA PERSOA, POLO QUE CONTAREI CUNHA COMISIÓN EXTERNA QUE ASESORARÁ NA POLÍTICA DE COMPRAS DA COLECCIÓN”
___

Falando da colección, nos últimos tempos había unha intención clara por volver os ollos á década dos sesenta e, aínda que acaba de aterrar, pensa que ten algunha eiva?
Vin os catálogos que se fixeron sobre a colección e creo que hai moitos desequilibrios. Temos que pensar en dúas cousas: a primeira é a circunstancia económica que nos tocará vivir, e a segunda é o feito de que o centro estivo moi dependente dunha visión personalista. Unha das cousas que me gustaría establecer é unha plataforma/comisión de compras/consello consultivo de colección, o nome é o menos importante, de carácter público que deixara claro os obxectivos. Non se pode contar só coa mirada única dunha persoa, e aínda que aquí se traballaron con asesores para a colección, eu opto por contar cun equipo que traballará en cooperación co director. Só así se poderá ter unha visión máis abranxente, máis discutida sobre as adquisicións que se pode facer. Será unha comisión externa porque interesa traer xente que teña un peso no contexto galego pero tamén no internacional.

Na súa presentación avanzou que o CGAC traballará en presentar unha gran exposición de colección institucionais no 2010?
No 2010 imos ter unha particular atención ao feito de que a cidade vai ser visitada por un montón de persoas e para iso hai que facer unha programación forte que teña a capacidade de atraer as persoas. Tanto para a conciencia do Xacobeo en todo o tecido da oferta cultural de Galicia, hai que empezar a pensar algo desde todas as persoas involucradas. A cuestión das coleccións institucionais é diferente e comezará no 2011. España e Portugal teñen unha historia democrática no século XX que coincidiu temporalmente dunha forma moi evidente, e que fixo que para a arte contemporánea e o desenvolvemento institucional teña creado unha realidade moi próxima. Se se comparan hai moitas entidades irmás e mesmo xemelgas en termos de idade, personalidade… o cambio de paradigma (en canto a creación e a recepción) ten unha historia propia neste período. A miña idea é que sería importante facer un balance de todo este traballo a nivel discursivo e expositivo. Trataríase dunha selección de obra das grandes coleccións institucionais que, ao ser tan grande non entraría nun centro como o CGAC, de aí que se estea pensar nun tríptico que se desenvolve nos tres anos seguintes; no 2011 abordaranse as décadas dos sesenta e setenta, no 2012 as dos oitenta e noventa, para pasar no 2013 a reflectir dos anos noventa a hoxe. Por outra banda, creo que a suposta periferia do CGAC pode ser unha vantaxe, porque non o fas desde un punto de vista centralista e esta posición estratéxica podería ser moi importante. Ademais, creo que ten sentido facelo co contexto ibérico, non só español que dará pé a interesantes exposicións. Se o podemos facer ben sería fantástico. Nas dúas primeiras convidaremos a comisarios e a terceira será asumida por min.

E no 2010….
As persoas teñen que ser conscientes que é traballar sobre un planning de urxencia. Ningunha institución da talla do CGAC traballan a menos de un ou dous anos, e facelo con tres meses é unha loucura. Temos que ter unha estratexia e atopar parceiros que axuden a facer a programación. A adscrición dun centro nun ámbito internacional que pasa por coproducións ou acollementos de mostras que están máis ou menos estruturadas.

Hai pequenas cousas pendentes como pode ser renovar o sitio web, máis acorde co nivel da entidade
Unha das cousas importantes e prioritarias é traballar coa colección no sitio web porque é unha enorme sala do museo con moitos máis visitantes. Ademais, hai que traballar moitos os contidos.

___
“FAREMOS PEQUENAS EXPOSICIÓNS DA COLECCIÓN DO CGAC QUE ITINERARÁN POLAS VILAS DE GALICIA”
___
Traballouse moito en colaboración con outras entidades, o Proxecto Edición foi un exemplo. ¿No seu proxecto entra a colaboración con entidades públicas e privadas?
O que quero é percibir cal é a historia recente da súa colaboración desde un punto de vista interno. Sei que o Proxecto Edición foi a primeira vez que se uniron os tres centros, e algo semellante pasa por reunirnos os directores e ver como nos podemos traballar neste contexto de solidariedade institucional. Coas outras entidades, hai que estar atentos para ver que tipo de parcerías se poden establecer. Hai moitas outras entidades que tamén pode desenvolver traballos co CGAC. De feito, estamos a preparar o proxecto de que a presenza do centro no territorio galego debería ser moito máis continuada e prepararemos un programa de itinerancia de pequenas exposicións da colección do CGAG. Serán moi importantes porque é unha especie de cumprimento ao esforzo que fan os pequenos pobos por ter unha pequena sala de exposición.

A Cidade da Cultura ten un espazo previsto como un centro de arte, ¿falou co conselleiro da posibilidade de compatibilizar ambas cousas?
O único que falei co conselleiro neste tema foi o tema de como colaborar no prazo inmediato máis que calquera outro tipo de competencias. Está pendente de falar con outras persoas responsables para ver que tipo de colaboración se pode establecer. En todo caso, sería esquizofrénico que na mesma estrutura que dirixe unha persoa, se creasen dúas entidades que poderían competir.

Algunha mensaxe para as galerías de arte privada
É moi importante que saiban que se están todos os esforzos para executar todos os compromisos adquiridos. Ademais, con respecto á feira de Vigo (Espazo Atlántica, que se desenvolverá en xaneiro) o CGAC vai acompañar e apoiar as súas propostas, que esa é a función do centro.

Por último, ¿como van esas clases de galego?
Son clases prácticas. Moitas veces na cotidianeidade non sabes se escoller o castelán ou o portugués e mentres tanto eu falo portuñol que é unha das linguas máis democráticas que podo ofrecer.
Ligazóns