No camiño, Bululú

Dous actores recuperan o bululú, un xénero teatral centenario facendo representacións mentres percorren o Camiño de Santiago

| Santiago. Xermán Hermida | Seccións: Espectáculo
Compartir:
No camiño, Bululú

Os dous membros da compañía de monicreques Seisdedos partiron onte mesmo do Cebreiro nunha peregrinación moi particular. Ata o vintecatro de xullo farán o Camiño de Santiago recollendo historias e representando en cada albergue no que paren unha sesión de bululú, un xénero teatral popular que se perdera no tempo.

Un cego e o seu guía

O camiño de Santiago conta estes días cun par de camiñantes moi especiais. Dous peregrinos aparentemente normais que ó chegar na fin do día a cada parada transfórmanse nun cego e no seu guía que anuncian a súa actuación polas rúas. Despois, ó caer a noite, no albergue ou na praza maior, comezan a contar e a representar historias para os demais peregrinos.
Cada etapa da ruta desde o Cebreiro acollerá pola noite unha obra na que o material escénico é mínimo. Dous corpos, uns pequenos monicreques e os disfraces e todo o material co que contan os dous estraños personaxes para conquistar a unha audiencia cansa e que compartiu parte do camiño con eles.
O cego o seu guía son en realidade Anxo García Fernández e Ignacio Vilariños Sanmartín, os dous membros do colectivo Seisdedos que, co apoio da Consellería de Cultura, están a recuperar unha tradición teatral perdida: O bululú.

O bululú

O bululú é un xénero teatral popular relacionada cos cantos de cego da que se ten rexistro aproximadamente desde o século XVI. Xa Fernando de Rojas, autor de “La Celestina”, menciona unha variedade deste espectáculo na súa obra “El viaje entretenido”. Desde aquela época, o bululú veuse practicando por feiras e romarías ata a súa desaparición de cara ó século XX. De feito aínda Valle-Inclán menciona este espectáculo na obra teatral “Los cuernos de don Friolera”. Tamén García Lorca se interesou por este xénero dentro da súa actividade teatral.
A representación consiste en que o cego se disfraza coma algún dos personaxes que interveñen a historia que vai contar e comeza a súa narración realizando acenos teatrais e interpretando determinados fragmentos da mesma. Mentres o cego conta a historia, o seu acompañante, desde detrás del e cuberto coa súa grande capa, represéntaa cuns pequenos monicreques.


Andar e colleitar


Esta iniciativa conta con varias peculiaridades, coma que os actores fan o camiño de Santiago en compaña dos peregrinos que atopan e na súa ruta van recompilando historias e lendas dos lugares polos que pasan ou dos seus propios compañeiros. A intención destes dous afoutados viaxeiros é incorporar ó espectáculo algunha das narracións que vaian coñecendo ó longo do camiño. Estas historias sumaríanse ás máis de tres horas de espectáculo que xa teñen preparadas e nas que se alternan cantos de cego (co correspondente cartel), romances e contos medievais, en ocasións acompañadas por instrumentos coma a zanfona, o cavaquiño, o tamboril ou a corneta, así coma dun particular monicreque de táboa que é ó tempo un boneco e un instrumento de percusión. Estes peculiares peregrinos van tamén armados con cámaras dixitais de fotografía e de vídeo, coas que capturan intres da vida no camiño para a súa posterior distribución nun dosier onda as historias recompiladas.
Por se fose pouco, Anxo e Ignacio dan aínda outra volta ó espectáculo coa escenificación das incidencias entre o cego e o seu guía ó tempo que contan a historia, introducindo novos niveis de realidade na representación.
Os dous actores contan co apoio cun coche no que vai o material e os disfraces, para facilitar unha ruta que xa é dura de por si.

A xestación

A idea desta aventura xurdiu dos propios membros de Seisdedos, que a través da productora Disctribu entraron en contacto coa Oficina de Promoción do Santiago que proporcionou apoio económico á iniciativa. Os dous membros de Seisdedos xa percorreran a zona Navarra do Camiño, entre Roncesvalles e A Rioxa cargando eles mesmos o material e sen que puidesen recoller moitas novas historias. Seisdedos naceu hai xa dez anos coa intención de representar pequenos espectáculos de monicreques. O seu interese pola historia deste xénero e pola xente que o practicou ó longo dos séculos levounos a coñecer vellos xéneros esquecidos coma o bululú e a tentar recuperalos.

O percorrido

A actividade comezou onte no Cebreiro, cunha actuación que se celebrou no albergue ás seis da tarde. A primeira etapa, entre O Cebreiro e o Hospital da Condesa está a cubrirse hoxe mesmo, e a actuación celebrarase ás sete da tarde nesta localidade. Triacastela, Samos, Sarria, Portomarín.... Ata rematar o día vintecatro de xuño en Compostela, como non.

Que che parece esta nova?
107 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Cantares de cego

Ver serie completa
Os vellos cegos de hoxe

Os vellos cegos de hoxe

Un feixe de profesionais da música e da escena manteñen vivo repertorio destes artistas ambulantes tradicionais

O universo do señor Florencio

O universo do señor Florencio

aCentral Folque leva a Lugo o seu espectáculo que versiona as melodías do Cego dos Vilares

Cos ollos nos cantares de cego

Cos ollos nos cantares de cego

Diferentes proxectos reivindican esta forma da nosa música popular

Do mesmo ámbito

Camiño de 2010

Camiño de 2010

Unha serie audiovisual recupera os sete trazados xacobeos do Camiño de Santiago

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Bululú, Xénero, Camiño de Santiago, Cebreiro...