Os vellos cegos de hoxe

Un feixe de profesionais da música e da escena manteñen vivo repertorio destes artistas ambulantes tradicionais

Un feixe de profesionais da música e da escena manteñen vivo repertorio destes artistas ambulantes tradicionais
Francisco Xabier Almuíña. Foto: Facebook persoal
A figura do cego ambulante, a cantar romances polas feiras acompañado da zanfona, semella propia do pasado. Non entanto, unhas poucas persoas apostan por manter vivo este formato da tradición escénica e musical do noso país. Desde hai máis de vinte anos, moitos destes "cegos" modernos atópanse no casco histórico de Lugo con ocasión das festas do San Froilán.

A Asociación de antigas alumnas e alumnos da escola de Arte e Superior de deseño Ramón Falcón organiza desde hai vinte e dous anos (con dous de pausa pola pandemia de Covid-19) unha feira medieval no marco das festas do San Froilán, en Lugo. Neste evento, contan con diferentes profesionais da música e das artes escénicas para recrear as actuacións de cegos e cegas habituais das feiras e festas tradicionais, con actuacións que combinan música, canción, recitados, teatro de rúa ou mesmo títeres. Segundo explica Suso Cao, un dos responsables da organización, "ocorréusenos facer un mercado medieval polas festas e quixemos recuperar os cegos neste contexto, como unha pequena homenaxe ao oficio". Deste xeito, comezaron a procurar quen desenvolvese este tipo de actuacións no noso país.

Punto de encontro
A cita, que comezou como unha contratación máis para estes profesionais, acabou por se transformar no único encontro específico dedicado ás persoas que se dedican a esta arte no noso país. Segundo lembra Luís O Caruncho, veterano da cita, a aproveitar estas actuacións "sempre falas con moita xente coñecida e intercambias experiencias, comemos e algún ano ata nos temos xuntado a facer unha peza todos, sobre todo cando ían Mini e Mero". A nómina de participantes ao longo dos anos abrangue, canda a eles tres, nomes como o Grupo Tundal, Tino Baz, Carlos do Viso, o Grupo Tradescola, Chus Iglesias, O cego de Matamá e Aldariña de Candeán, Maese Seisdedos, Xosé Macía ou Xavier Almuíña Chorén, que ten a peculiaridade de ser realmente invidente e ter apostado por recrear esta tradición coa súa zanfona. En total, en cada edición participan desta actividade media ducia de profesionais que, segundo explica Cao "sitúanse ao longo do tramo do Camiño de Santiago que atravesa o casco histórico, desde a Porta de San Pedro da Muralla, pola Praza Maior e ata a Porta de Santiago, que é onde de concentra o mercado".

Os formatos
Malia a unha coincidencia xeral polo recitado de romances e coplas e o canto como eixe das funcións, existe variedade nos xeitos nos que se recrea o oficio. Así, aínda que na maior parte dos casos as persoas que fan estas actuacións caracterízanse ao xeito dos cegos tradicionais, existen tamén casos nos que unicamente interpretan as pezas habituais destes espectáculos sen imitar o aspecto dos intérpretes, como facían no seu momento Mini e Mero. Canda a isto, "hai xente que emprega a gaita, outros apostan pola zanfona, e o violín tamén ten moito seguimento", lembra Cao. Para alén dos instrumentos, unhas poucas destas actuacións, como as de Antón Castro, O Cego de Matamá ou Maese Seisdedos contan tamén cos típicos carteis que representan mediante debuxos o que se narra oralmente. Títeres de luva e danzantes e mesmo reproducións de pregos coas letras de coplas e romances, fan parte tamén dalgúns números.

Espectáculo transmedia
Segundo lembra Antón Castro, veterano neste campo, xa Florencio da Fontaneira, o último cego tradicional en activo, "tocaba as culleres e empregaba un boneco de percusión articulado, que baila ao ritmo que se toca". A seguir esa mesma liña multidisciplinar "a miña idea é xuntar todos os recursos que empregaban para que quen vexa unha actuación miña saia tendo claro como era ese mundo". Castro apunta a dificultade de desenvolver un oficio que, para alén do aspecto musical, inclúe elementos teatrais, improvisación ou manexo de títeres. "Había que ser alguén moi completo para tocar todos os paus, e iso é algo que tamén me atraeu desta arte. Cómpre coidar a voz e cantar o mellor posible, tocar percusión e manexar un instrumento cun nivel aceptable. Son bastantes cousas a dominar, pero para alguén a quen lle encanta a música coma min, dá para traballar toda a vida". Canda a isto "hai levar carteis con boas ilustracións, os bonecos que aparecen teñen que ser bonitos e cómpre ter unha boa zanfona. Ao final es un home espectáculo e todo o que levas debería estar de punta en branco".

A transmisión
Á hora falar do xeito no que este patrimonio chegou ata os nosos días, Antón Castro lembra o traballo do grupo Fuxan os Ventos, ao que el mesmo pertence. "Xa desde antes de 1983 gravaron moitos romances da literatura de tradición oral que estaban agochados", explica. O traballo de investigadores como Xosé Luís Rivas Mini e Baldomero Iglesias Mero que publicaron en 1998 o duplo libro-CD Cantos, coplas e romances de cego, ou o disco que lanzou Pancho Álvarez no mesmo ano a partir do repertorio de Florencio, aparecen como fitos destacados.

A zanfona como porta
A zanfona, considerada como instrumento máis vencellado ao labor musical dos cegos tradicionais, aparece na actualidade como unha porta de entrada fundamental de moita xente ao repertorio deste colectivo. Por aí veu o achegamento de Xaneco Tubío, luthier e membro da directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos. Dentro deste colectivo a Tradescola posúe unha sección dedicada a este instrumento onde "se ensina a tocar e a cantar ao xeito no que a zanfona chegou a nós a comezos do século XX, tal e como a recuperou Faustino Santalices logo de que desaparecese do noso folclore", lembra Tubío. O vencello particular da zanfona cos romances débese a que "non existe un repertorio moi extenso vinculado a este instrumento. Consérvanse algunhas adaptacións doutras cantigas, como cantos de pandeireta, de seitura, alalás, muiñeiras ou jotas, e logo están coplas e cantigas" dos cegos. Luís O Caruncho, primeiro profesor desta escola, chegou á súa vez a esta tradición a través da zanfona, que no seu caso aprendeu da man de Manuel Fernández Postas, quen tiña o personaxe do Cego Casimiro. "Cando o vin por vez primeira sorprendeume moito coa súa capa, a caracterización e o que cantaba". Co tempo "fun incorporando cantares de cegos no grupo Os Carunchos e fixen o meu personaxe, O Cego de Matamá".

Aprender a ler cos cegos
No caso de Antón Castro, o interese por esta forma artística chegou vencellada ao seu traballo como mestre de primaria. "Sempre me gustou a literatura de tradición oral, cantada e falada. A mirar como incluír iso no currículo escolar, nun momento no que a presenza do galego nas aulas aínda era incipiente e non había nada de música, tentei meter contidos de música tradicional. Cando comecei a compilar historias neste campo, apareceron moitos pregos de cordel que levaban os cegos coas súas historias e que se conservaban nas casas familiares de moito alumnado", explica. "Hai que pensar que houbo xente que aprendeu a ler con estas pezas, e era un material estupendo para traballar a nivel educativo".

Aprender dos clásicos
Non entanto, o contacto directo con Florencio, o Cego da Fontaneira, durante diferentes visitas e actuacións musicais que levaron a Castro pola Montaña de Lugo contribuíu a completar o coñecemento sobre este patrimonio do músico e ensinante. "Moitas veces íamos con el cando tocabamos pola zona. El utilizaba unicamente o violín e contaba contos e historias. Tiña moi bo xeito para tocar e era quen de facer a festa el só, a intercalar pezas de baile cos romances. Tamén era bo improvisador, tiña todas as habilidades que precisaba alguén para gañar a vida deste xeito". Canda a el, Castro puido coñecer o traballo doutros antigos artistas ambulantes como a Cega de Miranda ou o Cego de Mondoñedo. A isto sumou a experiencia das representacións teatrais de cantares que se realizaban no marco do proxecto Galicia canta ao neno e que contribuíron á formación do músico neste ámbito. "Estas cousas foron as que me levaron a me dedicar case toda a vida a andar coa zanfona e cantar romances", lembra.

Alén do cego
Aínda que na maior parte dos casos as persoas que recrean na actualidade esta forma artística traballan en solitario, hai tamén quen incorpora a figura dos lazarillos que acompañaban en moitos casos os cegos tradicionais. É o caso de Lois O Caruncho, que toca con Aldariña de Candeán a o acompañar na percusión e nas voces. "Toca cunchas, pandeireta, pandeiro e ás veces interpretamos só con voces e percusión, sen zanfona". Coma el, Anxo García, Maese Seisdedos, conta en ocasións cun axudante co que arma o bululú, o antigo espectáculo de títeres de luva que se desenvolve por tras da capa estendida do cego.

Grupos e bonecos
A ampliar aínda máis o formato, nos últimos anos están a ser ver tamén formacións que traballan en conxunto esta tradición. É o caso do grupo da Tradescola da Asociación de Gaiteiros Galegos, no que participa Tubío. "Isto é algo novo, non hai moitas formacións deste estilo", explica. Acompañamos tamén algunhas cantigas con percusión". Coma eles, tamén Tundal, do que participa Antón Castro, fai interpretacións colectivas do material tradicional, a incorporar instrumentos coma o acordeón. Dentro do uso de monicreques, destaca o dúo Os Monifates que, sen se caracterizar como cegos nin incorporar romances ou coplas, centran o seu espectáculo nos títeres danzantes habituais do oficio. Diferentes formas desta arte con acompañamentos musicais elaborados ao xeito de auténticos homes orquestra definen esta proposta escénica.

A vixencia
Encol do interese actual por unha forma escénica vencellada ao mundo tradicional, existe coincidencia en sinalar que continúa a funcionar ben. Desde a organización do encontro do San Froilán, Suso Cao sinala que, "existe interese no público por este tipo de actuacións, comprobamos cada vez que o facemos como atrae xente". Na experiencia de Xaneco Tubío "hai unha acollida moi boa en todos os lugares onde fomos tocar". Este é un espectáculo "de rúa, non de escenario. A música de zanfona acompañada de canto atrae moito. Poste a cantar na Feira do Viño de Chantada ou no San Froilán e axiña se xunta un coro de 50 ou 100 persoas que non marcha ata que paramos de tocar". Pola súa banda, Castro recoñece que "se te pos nunha esquina a cantar coa zanfona, o público escoita un romance, pero dous ao mellor xa non. Entón despois do primeiro hai que sacar o boneco de percusión, e logo os títeres. E logo non sacas nada. E entón a xente queda a agardar a ver que vén logo. É un pouco dar un caramelo en cada parte. E así ao marcharen si que avisan a outros, dáse que falar". Tamén O Caruncho admite que "non é algo para se parar moito tempo. A xente pasa, para un anaco e continúa. Isto é algo propio do espectáculo de rúa, que non é algo estático, o público fai a súa vida", aínda que salienta que "se queres mover un espectáculo deste tipo, en Galicia hai infinidade de feiras e de mostras que artesanía que son moi axeitadas a este tipo de espectáculos. Ata se pode crear demanda indo a estes sitios de maneira espontánea, como facían os cegos tradicionais".

Un relativo bo momento
"Hoxe pode haber 12 ou 15 escolas de zanfona con centos de alumnos", apunta Xaneco Tubío sobre a transmisión actual deste repertorio. "Ademais, é xente que en moitos casos entra en contacto co instrumento cando é moi nova, e consegue un nivel moi alto con moi poucos anos", achegándose á tradición das coplas e romances de cego ao longo da súa formación. Segundo el, "nunca na historia desde comezos do século XX estivo a escena tan potente a nivel de músicos, de artesáns ou da cantidade de instrumentistas. O que lle queda agora é medrar e normalizarse, como fixo a gaita nos anos 90 ou o canto con pandeireta agora. A zanfona é un dos instrumentos que ten máis carga identitaria, enténdese como un instrumento noso", explica este artesán, que se esforza nas súas creacións en replicar a variedade galega destes dispositivos sonoros, con caixa aguitarrada. Coincide con el O Caruncho, que afirma que "Galicia é dos países onde máis se toca a zanfona".

Aposta instrumental
Malia á popularidade do instrumento, Tubío sinala que "para o meu gusto hai pouca aposta" polo repertorio de romances de coplas e romances entre esas novas xeracións. "Na música tradicional hai tamén modas, e hoxe en día os grandes referentes do instrumento a nivel europeo non cantan. Son virtuosos que tenden ao folk, jazz ou ás músicas contemporáneas, e iso acontece aquí tamén. Ao meu entender sería marabilloso que se contemplase o instrumento tamén para cantar, que é o uso que lle demos aquí desde a Idade Media". Con este panorama, Antón Castro non ten claro o futuro da tradición dos cantos de cego. "Non vexo que a xente nova que toca a zanfona teñan este repertorio. Agora están a tocar, moitas cousas instrumentais, impresionantes. Pero nisto eu vexo que seguimos máis ou menos os que estamos de sempre". Para O Caruncho "aínda que non se está a camiñar cara a este punto de cantar co instrumento, ao haber moita xente sempre haberá quen teñan a inquedanza de cantar e tocar e facer un repertorio de cantos e romances de cego".

Novos cantares
Este intérprete é unha das poucas persoas que apostan pola creación de novas letras para estas formas tradicionais. "Como son regueifeiro, o tema das rimas teñoo traballado, e sempre me gustou moito renovar o repertorio dos grupos nos que estou", explica O Caruncho. Na súa máis recente creación "fago mencións a Palestina, aí atrás fixeramos un romance sobre obras de Carlos Casares, temos posto na rede unha cantiga sobre Altri, e tamén metemos cousas sobre o idioma. Procuro manter o espírito que tiñan estas formas orixinalmente, que era cantar a actualidade. A tradición non pode quedar só no que había, temos que achegar tamén cousas e facer que sexa algo vivo". Malia a esta aposta, "o que máis se emprega é o repertorio popular de cancioneiros e recollidas", recoñece Tubío. Anxo García, Maese Seisdedos, incorpora tamén novas composicións que manteñen a estrutura clásica das coplas e romances de cego. Este formato artístico "tivo o seu sentido e hoxe tamén o tería, de se actualizar os temas, os romances e o xeito de os presentar", apunta Antón Castro. "Pódese facer un romance sobre Palestina, sobre os lumes forestais. Ao final os cegos cantaban sobre temas actualidade, e tamén de amores imposibles e historias de crimes, que son cousas que seguen vixentes" no interese do público. Como exemplo, Castro lembra o caso de Javier Tárraga, granadino que desenvolveu este oficio e que durante anos creou novos romances, a miúdo con temas políticos.

Futuro
As propostas de renovación aparecen pois como necesarias para que se perpetúe esta tradición. "Cando algo está vivo medra", apunta Tubío. "Cando eu comecei como luthier, as pandeiretas facíanse todas iguais e agora hai moita variedade. Tamén nisto se vai notar a demanda. Cando haxa máis intérpretes de zanfona, haberá repertorio novo, mellores instrumentos e máis variedade". En concreto, ao seu ver, "a zanfona está chamada a ter un lugar máis central neste século XXI. Cumpría máis implicación institucional para ter ben estudadas a nivel técnico e morfolóxico as preto de 40 zanfonas antigas que se conservan en coleccións publicas e facilitar que se poidan reproducir fielmente", reclama. Coma el, tamén O Caruncho apunta que de cara ao futuro "penso que vai haber de todo. Agora hai propostas máis ortodoxas e máis modernas" no ámbito da música de raíz, "tanto a nivel musical, como de letras ou de vestiario, e penso que vai acontecer o mesmo co repertorio dos cegos". Dentro das posibilidades que ve de renovar o oficio, Antón Castro apunta que "habería que contar con ilustradores actuais para os carteis, e facer debuxos que permitisen se dirixir á xente doutros xeitos, non só realistas. En lugares fechados ata se podería proxectar o romance e as ilustracións, a empregar os novos medios para actualizar estes contidos". Fica por ver como serán os cegos do futuro.