Asasinato no museo

Os museos cambian no verán e ofrecen unha programación diferente

“Benvidos ao pazo, a Marquesa agárdalles, por favor, pasen”. Así comeza Misterio no museo, unha obra de teatro na que o público tamén é o sospeitoso dun crime e onde hai que descubrir quen é o asasino. Unha obra de teatro, con forma de xogo, que sucede nun atípico espazo: o Museo Quiñones de León. Unha das propostas máis suxestivas coas que os museos galegos preparan este verán.

Non é a primeira vez que o concello de Vigo prepara visitas teatralizadas polos seus espazos culturais (Marco, Verbum ou o Quiñones de León) pero si é novidoso que as entradas se esgoten en menos de dúas horas. Non é máis que un indicador de que a proposta chama a atención do público. Misterio no museo é unha iniciativa a medio camiño entre unha obra de teatro, unha visita guiada e un xogo. O público deixa de ser un mero espectador pasivo para facer parte dun xogo que pretende ir descubrindo quen é o asasino ao tempo que vai coñecendo os recunchos do Quiñones de León. Houbo unha especie de ensaio desta iniciativa polo San Xoan, con outras visitas teatralizadas que tamén tiveron moito éxito de público, e desde o concello de Vigo pretenden convertela nunha opción máis da oferta cultural da cidade. Esta é a liña que seguen moitos centros culturais (museos, fundacións, asociacións…) no verán, cunha programación moito máis atractiva. Repasamos algunhas desas iniciativas.

A cultura queda de vacacións
Son moitas as entidades que durante a época estival programan unha serie de actividades de lecer. Un exemplo claro é o Centro Galego de Arte Contemporánea, que durante os meses de xullo e de agosto ofrece unha proposta interesante tanto para grandes e pequenos. Son os pícaros os que teñen unha serie de obradoiros que trasladan as premisas claves das súas exposicións a unha serie de talleres para iniciar aos máis pequenos na arte contemporánea a ritmo de xogo. Por poñer un exemplo, a principios de xullo, a artista Marta Pereira partiu da mostra do artista mexicano Sebastián Romo para ofrecer un taller de danza creativa. Canda esta, Silvia López ensinou aos pícaros a escudriñar o que hai detrás dun videoxogo e este días a arquitecta Ruth Varela está a descubrir o universo da arquitectura a través da Illa dos lugares imaxinarios. Este último está a pechar uns obradoiros que, como aseguran nunha nota de prensa, é “unha proposta para a experimentación artística e a aprendizaxe coa que poder xogar, coñecer, comunicarse e crear ao longo de catro días en torno a diferentes linguaxes, sorportes, técnicas e conceptos da arte actual”.

Para os adultos, o CGAG organiza desde hai varios anos o programa Cine no verán, con diferentes temáticas. A deste verán, leva por título Xornalismo en 35 mm. A súa coordinadora, Ana González, explica no folleto que “Os xornalistas teñen nas súas mans o poder de contaren os feitos obxectivamente ou de os manipularen até que se adapten ás súas necesidades”. E estas son as dúas visións que se verán recollidas nos filmes que se exhiben cada mércores.

Existen outras iniciativas como as da Fundación María Martínez, vencellada á empresa de deseño e fabricación de mobiliario contemporáneo que organiza talleres dedicados para os máis pequenos. Neste ano destaca un de deseño de estruturas de papel (para nenos de 11ª 15 anos) e outro para a creación de mobles. Este caso resulta especialmente destacado polo papel cultural que desenvolve a fundación nunha parroquia do rural como é Callobre (A Estrada).