Peregrinos baixo as vides

A reivindicación do Camiño do Ribeiro acumula probas históricas desta ruta de peregrinación

Ponte da Cruz (Pazos de Arenteiro). Foto: Turgalicia
Ponte da Cruz (Pazos de Arenteiro). Foto: Turgalicia
Nos últimos anos estamos a ver como se comezan a reinvidicar rutas de peregrinación que ata hai pouco foran totalmente esquecidas. Nos últimos meses, ao Camiño Portugués da Costa e ao Camiño de Inverno, está a se sumar o Camiño do Ribeiro, unha vía que, co apoio da Asociación Castela Auriense e da Encomenda do Camiño Xacobeo do Ribeiro, agarda conseguir o recoñecemento das institucións.

Para este mes de xuño está previsto que se lle entregue á Xunta un voluminoso dosier no que se recollen as evidencias históricas do antigo roteiro de peregrinación que entraba en Galicia desde Portugal pola Comarca do Ribeiro. Detrás desta iniciativa, atopamos unha pequena asociación cultural da zona, Castela Auriense, que leva xa varios anos promovendo o coñecemento desta ruta. Segundo explica Pablo Lorenzo, da asociación, “Nós pensamos que o camiño é máis antigo que o Camiño Portugués, xa que este está documentado desde o século XVI, mentres que as relacións comerciais do Ribeiro con Santiago están rexistradas xa desde o X”. Canda a estas relacións, existen testemuños da importancia desta ruta, que foi a escolleita por Xelmírez para visitar Coimbra.

O percorrido
“O camiño entraba en Galicia por Melgaço e pasaría por Castro Leboreiro e Padrenda, para seguir por territorios do actual Concello de Arnoia. De aí pasaría a Castrelo de Miño, seguindo o río, e desivaríase cara ao Avia, ata chegar a Ribadavia, pasando por Beade, Leiro, Lebosende, Pazos do Arenteiro e logo Beariz”, explica Lorenzo. “Estamos aínda documentando esta parte, pero pensamos que sairía pola Ermida ata Soutelo de Montes e Forcarei para entrar en Compostela pola zona de Teo”, completa o percorrido. A zona do Ribeiro tiña daquela unha alta densidade de poboación, “practicamente a mesma que ten hoxe”, advirte Lorenzo, “se temos en conta a relixiosidade que había na Idade Media, é de pensar que unha alta porcentaxe daquela xente decidise peregrinar a Compostela e que non optasen por subir ata o Camiño Francés”.

Pegadas
Existen diferentes circunstancias que ligan esta rexión vinícola coa Cidade Santa. “No Ribeiro tiñan máis propiedades os mosteiros Composteláns, coma San Martiño Pinario ou San Paio de Antealtares que outros situados máis próximos”. Outro argumento que esgrimen os defensores da ruta é a distribución na nosa xeografía das ordes militares e hospitalarias. Templarios ou Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén dedicaron os seus esforzos á defensa dos peregrinos na Península, “·se ollamos nun mapa onde había templarios ou hospitalarios, atopámolos en puntos relativos ao Camiño Francés e mais en encomendas situadas nesta zona”, lembra Lorenzo. Ademais, no curso desta ruta de peregrinación atopamos o que, segundo Castela Auriense, “é o único cruceiro de Galicia cunha curz de Malta”, e que se atopa en Beade. “Tamén había tamén un hospital de peregrinos da orde en Ribadavia, e hai documentos que testemuñan outros establecementos deste tipo”.

Distribución xeográfica
Canda aos restos de ordes militares tamén se concentran nesta área advocacións a santos vencellados ao fenómeno da peregrinación.”Chama a atención, por exemplo, San Breixo, que foi un mártir que peregrinara a Roma. Se marcamos no mapa atopamos que se lle dedican igrexas en Triacastela e Portomarín e mais na zona do Ribeiro, mentres que no resto de Galicia apenas aparece”. De xeito semellante está distribuído o culto a Santa Isabel, raíña peregrina. Do mesmo xeito, abondan os topónimos coma Albergaría, Hospital, Porto ou Portela, que fan clara referencia ao camiño.

Decadencia
“Ao rematar as loitas entre Castela e Aragón estabilizouse un fluxo de xente por esa zona. Ademais, coincide con momentos de loitas moi fortes con Portugal, o que impide o paso de peregrinos”, explica Lorenzo o esmorecemento desta ruta. Outros factores que deron neste proceso foron a centralización de ordes monásticas en Valladolid ou a substitución de señoríos eclesiásticos polos laicos. Para alén, a importancia crecente da costa galega a partir do século XVI (motivada polos descubrimentos), favoreceu a creación do Camiño Portugués.

Recuperación
A asociación Castela Auriense, (que recupera o antigo nome que se lle daba ao Ribeiro pola súa grande cantidade de fortalezas) leva xa varios anos traballando pola recuperación deste trazado. Canda a eles, concellos, historiadores, empresas e outras institucións constitúen a Encomenda do Camiño Xacobeo do Ribeiro. Roteiros, recollida de documentación histórica ou a delimitación física do actual trazado son algúns dos traballos que se abordan desde estes colectivos. “Está a se preparar un dosier con vistas a que sexa oficialmente recoñecido en 2010”, apunta Lorenzo. Poida que para entón remate o esquecemento deste camiño.