O sector editorial evolúe de xeito positivo

Os editores poñen na rede o Informe sobre o Comercio Interior do Libro

A Asociación Galega de Editores (AGE) acaba de subir ao seu web o Informe do Comercio Interior do Libro que analiza a situación galega de 2007. A teor dos datos deste estudo, que a AGE presentou o pasado venres, en xeral a sitaución do sector está a mellorar. Segundo a análise que fixo a partir deles Håkan Casares, do Observatorio da Cultura Galega, "a evolución do sector é positiva en termos xerais, segundo a maioría dos indicadores". Tanto a facturación, coma o número de exemplares editados, por exemplo, suben na edición galega. Ao tempo, constátase un predominio do libro en galego dentro da edición do noso país (2,13 millóns de exemplares dos 2.97 millóns editados).

No entando, en xeral continúa a perda de peso da edición en galego, tanto en títulos publicados como exemplares, catálogo e facturación. A política de proxección ao exterior semella que xa deixou a súa pegada en 2007. Segundo explica Casares "detéctase un incremento na venda exterior, aínda que pequeno. O groso do mercado está no país". En canto a canles de venda, baixa a facturación nas canles tradicionais, e sube levemente na venda directa ou a través da Internet. En xeral, o Informe revela a grande dependencia do sector a respecto da literatura infantil e xuvenil e mais do libro de texto, especialmente no caso das obras en galego.

Informe sobre o Comercio Interior do Libro 2007.