Curas catódicos

Recuperamos os curas máis famosos do audiovisual galego

A sotana, a súa forma particular de comprender o mundo, os seus consellos pero, sobre todo, a súa problemática. Os curas son tamén personaxes atraíntes para o sector audiovisual. Non hai máis que ver que o inicio da última temporada de Padre Casares conseguiu un 36.4% de share, un dos máximos rexistros da historia da TVG, para percatarse do seu tirón. Pero non todo é Padre Casares.

Do documental á ficción, desde a gran pantalla á pequena, a relixión (tamén a relixiosidade) sempre ocuparon un papel importante no noso audiovisual. No caso das series, non hai case ningunha historia que suceda nunha vila do noso país que non teña un cura. Protagonistas, secundarios, meros figurantes, son unha figura indispensable na cinematografía.

As producións
Non fai falla máis que botarlle unha ollada ao noso catálogo (AVG, o soportal do audiovisual galego) para percatarse de que son moitos os títulos que teñen curas no seu reparto. Os xirasois cegos, Os mortos van ás présas, Sobre a morte do Bieito, Maitines, A morte ten un prezo son só algunhas das múltiples producións audiovisuais que teñen reservado un papel para o cura que, acostuma a cumprir con múltiples estereotipos: cura maior, despreocupado das problemáticas da súa parroquia, egoísta, apegado ao poder político. Quen racha con todos eses tópicos é Horacio Casares. O cura máis famoso da televisión actual é novo, amable, simpático e, no fondo, como ben se dixo nalgún capítulo da serie que se emite todos os luns “non parece un cura”. Precisamente son as series da pequena pantalla as que lle prestaron, de sempre, un papel máis importante aos sacerdotes. Practicamente todas teñen reservado un papel para o sacerdote, chámese Don Venancio (Libro de familia), Don Amador(Terras de Miranda), Padre Nicanor(Pratos Combinados), Dos Cosme (Libro de Familia) ou Don Tomás (As leis de Celavella).

Personaxe de ficción pero tamén de realidade, varios documentais (e as súas variantes, como docuseries, docudramas…) se centraron nos últimos tempos neste perfil. Ao fío de Padre Casares, naceu Trece badaladas, unha serie documental (emitida antes do inicio do popular serial) que busca curas atípicos, máis próximos ao perfil que Horacio Casares exhibe na serie da Galicia actual. Os 13 curas que se recollen nesa serie documental son homes que desenvolven outras actividades alén do sacerdocio. Son futbolistas, profesores de universidade, zahorís, exorcistas, músicos de orquestra…. Unha nova faceta que está a dar moi bos resultados de audiencia. Canda estes, outros protagonizan outros produtos puntuais como Historia dunha parroquia de Marcos Nine ou O cura das Encrobas de Jorge Bouza, Xes García e Roi Carballido.

Os actores
O cura de moda chámase Pedro Alonso, mellor dito, Padre Horacio, o nome do papel que o fixo coñecido na pequena pantalla. Traballara previamente en Rias Baixas, pero non foi como poñer os hábitos para que pasase a ser un dos actores máis populares de hoxe. Canda el, existen moitos outros autores que nalgún momento da súa carreira puxeron os hábitos. Son Antonio Durán “Morris” que é Don Daniel, o cura de Fariño do Mar, a vila mariñeira na que transcorre Os Mortos van ás présas pero tamén foi o capelán de A mariñeira, o telefilme de Antón Dobao; Gonzalo Uriarte fixo de Don Crisanto en Libro de familia, serie na que Manolo Romón fixo de Don Venancio (caracterización que repetiu na curtametraxe Mancheas de terra); Xosé Manuel Olveira (Pico) foi Don Amancio en Mareas Vivas e a día de hoxe é o bispo de Padre Casares; Víctor Mosqueira tamén tivo o seu papel de cura na película de Héctor Carré, A promesa; Manquiña foi o padre Leoncio de Pata Negra dirixida por Luis Oliveros e Don Aurelio en Matías juez de línea, mentres que Manuel Millán fixo de Padre Nicanor, amante das empanadas de dona Carmen de Pratos combinados, e de Padre Miguel en Aquí no hay quien viva. As leis de Celavella, outra serie destacada do país, contou cun cura, do Tomás, protagonizado por Salvador del Río. Celso Bugallo tamén desempeñou papeis de cura nos filmes O lapis do carpinteiro, Entre Bateas e A linguas das bolboretas. Pechamos este pequeno repaso pola nosa cinematografía con Luís Tosar que fixo de Bautista, un antigo cura que perdeu a fe na humanidade e se converte en cociñeiro en Cargo.

Os mortos van ás présas

Os mortos van ás présas

Os mortos van ás présas

Os mortos van ás présas

Sobre a morte do Bieito

Sobre a morte do Bieito

Libro de Familia

Libro de Familia

Libro de Familia

Libro de Familia

Mancheas de terra

Mancheas de terra

Padre Casares

Padre Casares