As amigas de María

Unha primavera para Aldara foi a gran vencedora da XII dos María Casares

A gran festa do teatro, os Premios María Casares, non tivo alfombra vermella senón lila. Deste xeito pretendíase reivindicar o papel da muller na dramática galega. E elas foron as grandes vencedoras: Ana Romaní como Premio de Honra e Teresa Moure coa escrita da súa primeira obra teatral Unha primavera para Aldara. A montaxe, dirixida por Xulio Lago, recibiu ata sete galardóns, entre os que destaba o de mellor espectáculo, mellor dirección e mellor texto orixinal.

A gran noite do teatro galego acostuma a ter un carácter avaliador, de lembranza de todos os logros conseguidos ao longo do ano. E este ano non foi unha excepción. Vicente Montoto, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (entidade que outorga os premios), encargouse de lembrar o fito máis importante dos últimos tempos: o convenio colectivo. “Foi un tempo importante para a asociación porque conseguimos ter un convenio colectivo. E somos a terceira comunidade, logo de Madrid e Cataluña, que o consegue” afirmou na súa intervención. Pero non foi o único logro acadado pola dramática galega no 2008, o outro, foi que conseguiron ter as mellores cifras de asistencia dos últimos anos. “O teatro galego cada vez ten máis espectadores, o incremento foi espectacular durante o ano pasado; temos público, non somos marxinais” engadiu. Ademais, apelou a que “o positivo que se leva feito non quede no esquecemento” en clara alusión ao novo contexto político que se aveciña. E así comezou o desfile dos galardóns dos que xa se anticipara o de Ana Romaní, premiada co Marisa Soto polo seu esforzo en prol da cultura no marco do Diario Cultural que emite de luns a venres na Radio Galega.

Os gañadores
Os gran vencedores desta XIII edición dos María Casares foron Teatro do Atlántico por levar as táboas, Unha primavera para Aldara. O texto escrito por Teresa Moure era un vello coñecido para a cidade da Coruña, máis que nada porque xa gañara outro premio que concede a deputación coruñesa, o Rafael Dieste. En total, a aposta teatral recibiu sete galardóns: vestiario, iluminación, escenografía, mellor texto orixinal, mellor actriz protagonista (María Bouzas), mellor dirección e, o máis codiciado, o de mellor espectáculo. A obra, que sitúa na época das revoltas irmandiñas historias de conflitos de amor, políticos e sociais que ben poderían ser os de hoxe, case fixo un pleno ao levar sete dos nove premios aos que era candidata.

Os actores e actrices de Galicia tamén valoraron a aposta de Quico Cadaval na mestura de xéneros fronteirizos entre o teatro e outras disciplinas artísticas. Obra (No comment) recibiu dous dos sete premios aos que ra candidata, o de mellor actor protagonista (Víctor Mosqueira) e o de mellor música orixinal (para Suso Alonso).

Os outros catro galardóns repartíronos Aeroplanos de Lagarta, Lagarta (mellor adaptación); A boa persoa de Sezuán do Centro Dramático Galego (Rebeca Montero como mellor actriz secundaria); Dame veleno, eu tamén soñar de Sarabela Teatro (mellor maquillaxe) e E ti, de quen ves sendo? de Talía Teatro (Artur Trillo, mellor actor secundario).

Manifesto galego
A entrega de premios ten lugar con motivo da efeméride do Día Mundial do Teatro, que se celebra cada 27 de marzo (aínda que cando coincide en venres ou fin de semana a gala se traslada a un día de semana). Unha celebración na que ten lugar a lectura do manifesto galego. Este ano, o encargado da súa lectura foi Gustavo Pernas, que comezou dicindo que “a palabra teatro vale para todo. Todo cabe nesta palabra amuleto, pero que para que abracadabra portas é preciso que o teatro deixe pouso, un aquel inefable, unha brasa imprevista”. O texto pretendía reivindicar o carácter crítico do teatro, ao tempo que esixía para el risco, provocación, humor e maxia que “non pode afogar na burocracia”.

A gala en imaxes

A gala en imaxes

Os zancudos sorprenderon coa súa aparición no transcurso da gala

Ana Romaní recolle o Premio de Honra Marisa Soto

Rubén Riós, Lucía Regueira, Fernando Morán e Estíbaliz Veiga

Vicente Montoto, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia durante a gala

Relación de gañadores dos Premios María Casares.