O teatro busca os seus valores

Os autores dramáticos galegos cobran cada vez máis peso nas producións escénicas

Na idade media, no andar número cen dun rañaceos, na exótica cidade de Sezuán… as historias desta edición dos Premios María Casares, os máis importantes da dramática galega, transcorren en lugares ben alonxados e afastados da realidade galega. Unha edición nas os traballos creados por autores do país, acaparan as candidaturas dun galardóns que se entregarán a vindeira semana.

Á falta dunha semana para que os actores e actrices do país premien a produción escénica do ano 2008, revisamos as claves desta edición. Uns galardóns que se entregarán o 25 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña e que este ano teñen un marcado carácter “autóctono”. Apréciase nos últimos tempos unha tendencia crecente da escrita dramática do país. Os esforzos por parte do Centro Dramático Galego (os obradoiros “Pistas para unha dramaturxia de actualidade”, así como as numerosas convocatorias de premios á escrita teatral), a aparición e consolidación de edicións teatrais específicas ou a creación dunha Escola de Arte Dramático por prestarlle atención aos creadores parecen recoller os seus esforzos e a escrita teatral vive un dos seus mellores momentos. Non hai máis que ollar para as montaxes que teñen un maior número de candidaturas nos María Casares para atopar a pegada galega. Unha primavera para Aldara é obra de Teresa Moure, mentres que Obra (No comment) é unha proposta de Quico Cadaval. Entre os dous, suman 16 candidaturas, entre as que figura, como non podía ser doutra maneira, a de mellor texto orixinal. Completa esta categoría E ti, de quen vés sendo? doutro clásico da escrita do país, Cándido Pazó.

Teatro de autor
Xulio Lago, director de Teatro do Atlántico, compañía que representou Unha primavera para Aldara destacou o enorme traballo de redución e adaptación da obra escrita por Teresa Moure. “Era un texto extenso e documentado que tivemos que simplificar (como a eliminación de personaxes) para poder levalo ás táboas” explicou Lago na presentación da obra, no marco da Feira das Artes Escénicas. Gañadora do XIII Premio Rafael Dieste de teatro que convoca a Deputación da Coruña, a obra dá un salto atrás no tempo para situar conflitos de amor, políticos e sociais que ben poderían ser os de hoxe, na época das revoltas irmandiñas.

Moi diferente é Obra (No comment) de Quico Cadaval. Unha historia que tamén dá un salto atrás no tempo e no espazo, no Nova York dos anos trinta (exactamente no 29) e se sitúa a douscentos metros do chan, na construción dun rañaceos, no que uns “operarios da construción civil” falan do amor, das esperanzas e do futuro. Ata que, como dixo Quico Cadaval na presentación da obra no marco da Feira das Artes Escénicas, “cando chega a crise do 29, que nos permite relacionar unha época convulsa e a aparición dunha cultura popular moi excitante”. Con Obra ábrese unha triloxía na que os membros de Excéntricas queren explorar formas teatrais mestizas e fronteirizas, nas cales convivan e choquen diversas formas teatrais de facer comedia que normalmente non se mesturan: cabaré, música en directo, teatro, cine mudo…

Completa a categoría de “mellor autor teatral” o making of que Quico Cadaval fai do Anfitrión de Plauto. Un festival de teatro organizado nun albergue de acollida, uns vagabundos ensaiando, o desencontro coa dirección da institución asistencial e o clásico de Plauto de fondo conforman os ingredientes desta obra coa que Talía Teatro cumpre os seus vinte anos enriba das táboas.

No fondo, a igualdade de xéneros, a crise, o amor, a soidade, a bondade… os valores universais están presentes nas montaxes desta edición. Entre todos eles, destaca a aposta de Sarabela Teatro por tratar o tema da eutanasia na man da historia “dun escritor de soños que fai un canto a vivir e morrer con dignidade”. A súa montaxe Dame veleno, eu tamén soñar conta con catro candidaturas.

Por último, destacar que as montaxes finalistas desta edición dos María Casares comparten outro fío común, que é a incorporación de moitos máis elementos parateatrais. Música en directo, actores que interpretan e cantan, acenos ao cabaré e a incorporación de vídeo e coreografías son elementos enriquecen cada vez máis as apostas teatrais.

Será o vindeiro mércores, na gala de entrega dos premios que se retransmitirá en falso directo pola Televisión de Galicia, cando se saberá o que deciden os 300 membros da asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) cos seus votos.