Eleccións e cultura (III)

O Partido Popular quere recuperar o ballet Rey de Viana

Reformar AGADIC, recuperar o ballet galego Rey de Viana, elaborar un mapa das artes escénicas de Galicia… estas son algunhas das medidas propostas polos partidos políticos de cara ás eleccións do primeiro de marzo. Neste repaso polas propostas en materia cultura hoxe é a quenda das artes escénicas e musicais.

Apoio como manifestación cultural e apoio como industria xeradora de emprego e negocio. Estas son as dúas vertentes que recollen os diferentes partidos políticos no seu programa político, agora ben, cada que ten a súa forma de facelo.

Partido Popular: reformar AGADIC


Ignacio López Chaves, número 5 nas listas do Partido Popular pola provincia de Pontevedra explica que o seu partido “está preocupado pola situación das Artes Escénicas e musicais, hai un limbo das unidades de produción propias a través da creación de AGADIC”. Por ese motivo, o Partido Popular considera necesario recuperar o Rei de Viana, así como a creación de compañías de danza residentes na comunidade autónoma. “Pensamos que as artes escénica e musicais deben ser obxecto de atención por parte da consellaría e é necesario que non estean vencellados a ningunha ideoloxía” apunta. Para iso o Partido Popular anuncia a necesidade de reestruturar o organismo que se encarga deste tipo de temática “Hoxe tanto as unidades e compañías da Xunta están nunha disposición adicional dunha lei” apunta López Chaves.

Polo demais, o PP tamén pretende realizar un plan aberto, con profesionalidade e consenso para o sector das artes musicais “tal e como fixemos no seu momento co libro”.

PsdG-PSOE: estabilidade para o teatro


Francisco Cerviño, número 7 pola Provincia da Coruña, explica que no PSdG-PSOE “partimos da concepción de que son un ben cultural e un importante factor de labor social e un ámbito crecente na creación de novos empregos. Queremos facer fincapé e no noso programa e dedicámoslle un apartado ao que chamamos economía creativa”. Para o PSOE a transformación do IGAEM na AGADIC foi un paso importante na modernización das estruturas de xestión, pero só é un paso inicial. Para a próxima lexislatura cómpre elaborar un mapa das artes escénicas de Galicia, promover a estabilidade de compañías residente e compañías estables. Para o PSOE a creación sen a exhibición non tería moito futuro, polo que pretenden mellorar a Rede Galega de Teatros e Auditorios. Outras iniciativas concretas pasan por promover a escrita de obras de teatro, a creación contemporánea, impulsar a edición de textos para fomentar a investigación en artes escénicas, ou a posta en marcha de programas de formación permanente.

BNG:Elaboración do plan galego das industrias musicais


“A idea nosa é continuar co traballo iniciado e co apoio á música e á danza apunta Xosé Ramón Paz Antón, número 5 do Bloque Nacionalista pola provincia de Pontevedra, que consideraba que ao IGAEM lle faltaba o M de música”. Por todo isto, non é de estrañar que unha das propostas do BNG pase por crear un Plan Galego das Industria Musical. “Serían políticas de continuar co labor que xa se leva desenvolvido e que tería moito que ver coa internacionalización da cultura. Temos que conquistar públicos no exterior. Non quere dicir que haxa que descoidar aos públicos dentro de Galicia, onde se teñen desenvolto iniciativas dentro do formato de circuíto”. E nesa liña van as medidas concretas que figuran no programa de goberno do BNG: reforzamento de programas de acción exterior, pero sobre todo, reforzamento da marca Cultura Vai coa unificación de todas as programacións existentes nun único sistema de 3 redes (A, B, C). Pero, sobre todo, elaboración de políticas estratéxicas e consensuadas nos sectores culturais non-profesionais: corais, bandas, teatro amador coa elaboración de plans directores para cada un dos ámbitos.