O grupo da comarca de Compostela presenta o seu primeiro disco

Os afoutados Ruxe-Ruxe

Despois de anos ensaiando nun cortello, o grupo Ruxe-Ruxe afronta a saída do seu primeiro disco cunha declaración de ánimo que lles serve como título: "Non temos medo". O disco presentarase ante o público o día 18 de outubro no Pub Moore´s de Santiago, aínda que é probable que adianten algo o día 12 en A Coruña no mítico pub "A cova Céltica", no que actuaron grupos que hoxe triunfan nos escenarios internacionais.


O cortello





Os Ruxe-Ruxe non pensan deixar o cortello, "ten boa acústica", din eles. Estes nove músicos da comarca compostelá misturan o son taberneiro do acordeón coa gaita de romería e as guitarras eléctricas. O resultado procura ser, ante todo, divertido, ou así o tentan amosar neste primeiro disco gravado e mesturado nun estudio madrileño, "Non temos medo"(Clave records, 2000).












Os sons e as letras



Nas súas letras falan do seu entorno máis próximo, un sitio, segundo eles, "tan real e contradictorio como a súa xente", que tentan retratar dende unha retranca.moi saudable. O grupo non rexeita o compromiso, pero sempre dende unha perspectiva fresca e divertida. As referencias musicais que os inspiran son moi anárquicas, e van dende a tradición máis sinxela da música galega ate o pop ou o rock de grupos anglosaxóns coma os "Smiths" ou "The Clash".






O futuro



O xeito de entender a música de Ruxe-Ruxe é o de usala como ferramenta de diversión, por riba de todo; así pensan encarar os seus vindeiros concertos esta formación musical. A xira de presentación do disco levara o seu directo por España e Portugal no mes de novembro, pero de ben seguro que estes nove músicos voltarán de novo a ese cortello onde conseguen a inspiración para as súas mesturas musicais.