Camiños naturais con historia

A Consellaría de Medio Ambiente recuperará 746 quilómetros de vías

Recuperar máis de 700 quilómetros de vías tradicionais no país é en por si un proxecto interesante. Agora, a Consellaría de Medio Ambiente, en colaboración do Ministerio, bota a andar Camiños Naturais un proxecto que, alén de sinalizar e mellorar o firme dalgunhas rutas, permitirá recuperar e pór en valor un bo feixe de elementos patrimoniais.

É evidente que o proceso de recuperación dun camiño tradicional implica tarefas de roza, drenaxe e mellora do firme entres outros procesos máis ou menos mecánicos. No entanto, o proxecto de Rutas Naturais prevé a instalación de valados de protección en zonas con pendentes perigosas, diferentes carteis e sinais informativos sobre a rua e o seu contorno e mais bancos e mesas para o descanso dos camiñantes. A maiores, esta iniciativa terá un impacto directo nos elementos patrimoniais próximos ás vías. Reconstrución de muros, rehabilitación de lavadoiros ou restauración de fontes e de mananciais son outras das obras que se abordarán no seo deste proxecto.

As vías que voltan
Segundo explica a Consellaría de Medio Ambiente, con esta inciativa “quérese contribuír á observación e conservación dos espazos naturais mediante a recuperación e adecuación de camiños que resulten de interese”. Dentro dos Camiños Naturais inclúense itinerarios históricos, vías pecuarias, sendeiros de ribeira ou outro tipo de carreiros en desuso. Segundo asegura o departamento na presentación do programa, este “facilitará o acceso da poboación ao contorno natural” e “impulsará a articulación do territorio de xeito equilibrado e sostible”.

Os itinerarios
O programa contempla catro grandes rutas que percorren o país en diferentes sentidos. O Camiño Natural da Costa da Morte constará de 160 quilómetros e bordeará o litoral atlántico desde Laxe ata Muros. Tamén pola costa transcorrerá a Ruta do Cantábrico, que percorrerá 174 quilómetros entre Ribadeo e o Cabo Ortegal. Na altura de Foz, esta ruta conecta co máis longo dos percorridos previstos. O Camiño Natural de San Rosendo une, mediante 225 quilómetros, a vila mariñá coa aldea de Portela do Home, en Pleno Parque Natural do Xurés, pasando por Lugo e Ourense entre outras moitas localidades. En chegando ao final desta ruta podemos conectar coa ultimo dos camiños planificados. O Camiño Natural da Vía Nova aproveita o precorrido desta ruta romana pola provincia de Ourense e achega aos camiñantes ata o parque de Enciña da Lastra, xa na fronteira do país.

As obras
Polo momento, está a se traballar nos tramos de van de Laxe a Camariñas, na Costa da Morte e, en Ourense na ruta que une Portela do Home co campamento romano de Aquis Querquennis, e este co a Cidade das Burgas. No outro extremo da ruta da San Rosendo está en marcha o tramo Foz-Mondoñedo, e no da Vía Nova, o que transcorre entre a Lastra e Petín. Como é óbvio, fica pendente aínda a maior parte dos tramos. Na proposta inicial, o programa prevé rematar os traballos nun prazo de cinco anos, cun investimento de sete millóns de euros que se reparten entre o Ministerio e a Consellaría.

Historia
Ademais da importancia ecolóxica e natural do contorno, o proxecto das vías abrangue diferentes elementos dunha grande importancia cultural. Entre eles están o camiños en si, que en diferentes tramos supoñen todo un ben patrimonial que ata hai ben pouco non se tivo en consideración no noso país. Canda ás vías, atópanse todo tipo de elementos con interse cultural e históricos. Dólmens, os restos romanos de Aquis Originis ou Aquis Querquennis, castros, mosteiros coma o de San Rosendo ou a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande son algúns dos atractivos deste tipo que se localizan unicamente nalgúns dos tramos que xa están en obras.

Sexa facendo as rutas completas ou abordándoas aos poucos, non cabe dúbida de que a iniciativa supón un xeito diferente de se achegar a algúns dos valores culturais, naturais e paisaxísticos máis destacados que existen no noso país.

Fonte: Consellaría de Medio Ambiente

Fonte: Consellaría de Medio Ambiente