A candidatura renovadora fíxose coa presidencia da Mesa pola Normalización

Mesa renovada

Carlos Callón foi elexido presidente da Mesa pola Normalización Lingüística o pasado sábado con cento corenta e dous votos fronte ós noventa e seis que apoiaron a Emilio Ínsua. A pesar de que á Asemblea Xeral Extraordinaria só acudiron arredor de trescentos dos tres mil socios cos que conta esta entidade, o encontro foi un dos máis numerosos que viu a Mesa. Ata o día da asemblea continuou a polémica entre as dúas candidaturas, publicándonse un manifesto de apoio a Insua e unha proposta de Callón para unificar candidaturas.




A asemblea


A Asemblea Xeral Extraordinaria que celebrou a Mesa pola Normalización Lingüística o sábado quince na Facultade de Filoloxía de Compostela revelou o grado de enfrontamento entre as diferentes candidaturas.
A xuntanza iniciouse ás catro e media da tarde e transcorreu nun intenso clima de debate con dous únicos puntos na orde do día. Por unha banda tratábase o informe de xestión e a demisión da Comisión Permanente saínte e pola outra elexíase a nova Comisión Permanente.
A xestión da directiva demisionaria foi aprobada por noventa e un votos a favor e trece en branco, aínda que se rexistraron noventa e nove abstencións.
Pola contra, a participación nas votacións para elexir á nova Comisión Permanente foi moi superior, nada menos que douscentos cincuenta e dous votos, dos que cento corenta e dous apoiaron a candidatura de Carlos Callón e outros noventa e seis a de Ínsua, sendo trece os votos en branco e un nulo.
Durante o debate Emilio Ínsua declinou o ofrecemento que fixera Callón o día catorce para conformar unha única Comisión Permanente na que estivesen representadas as dúas candidaturas proporcionalmente ó número de votos obtido por cada unha. Ínsua lembrou que esa posibilidade non se recolle nos estatutos da Mesa e sinalou que non recibira directamente esa proposta.
Noutras intervencións lamentouse o clima de crispación no que se estaba a desenvolver o relevo nesta asociación e incidiuse na semellanza existente entre os dous programas presentados.











A nova directiva




Logo das votacións, a Comisión Permanente da Mesa pola Normalización queda constituída por Carlos Callón coma presidente, Xosé Manuel Sarille coma encargado do Proxecto Alén Miño, Luz Castro Pena coma vicepresidenta primeira, Dores Sánchez Alegre coma segunda vicepresidenta e Francisco González Lousada coma secretario. Ademais, Roberto López-Iglesias encargarase da Secretaría de Campañas, Elas Quintas será a nova secretaria de Administración, Mónica Baleirón ocupará a vocalía de Onomástica e Xosé Manuel Sánchez Rei a de Sinaléctica Urbana. Pola súa banda, Iria Taibo será a nova responsable de Mocidade e Isabel Kerdudo coordinara Nais e Pais polo Ensino en Galego.
No día seguinte á súa elección, o domingo dezasete de xuño, a nova Comisión Permanente remitiu un comunicado ós medios no que solicita a participación de todos os galegos no proceso de normalización do noso idioma. Ademais, salienta a súa intención facer "un particular esforzo de integración" de cara a todas as persoas que participaban na lista derrotada. No mesmo texo califica de "proveitoso" o diálogo que se desenvolveu con ocasión da asemblea do sábado e manifesta a súa intención de pór en práctica "nos próximos meses" moitas das propostas que xurdiron nesta xuntanza.






As últimas polémicas



O pasado día doce entraba no debate sobre as eleccións á Mesa Xosé Baldomir, ex-vicepresidente da Asociación, criticando nun artigo en "O Correo Galego" o mesianismo da candidatura renovadora. A este artigo seguiu unha resposta de Carlos Callón no mesmo medio o sábado no que incidía na necesidade de superar o voluntarismo na organización e sinalaba a necesidade de profesionalizar a xestión da asociación.
O día anterior á Asemblea Xeral, o pasado venres catorce, facíase público un manifesto de apoio á candidatura de Emilio Ínsua asinado por vintecinco destacados socios da Mesa, entre os que se atopaba Suso de Toro, Francisco Fernández Rei, Manuel Bragado, Marilar Aleixandre, Carlos Negro, Avelino Pousa Antelo ou Márcos Valcárcel entre outros nomes do mundo cultural. Este mesmo día coñeceuse a través dos medios a proposta de Carlos Callón de formar unha directiva única na que as dúas candidaturas tivesen unha representación proporcional ó número de votos recibido.