Nace Espacio Editores, un colectivo de publicación autoxestionada

Edición aberta

Logo dunha experiencia de varios anos desenvolvendo cada luns recitais poéticos e performances no Pazo de Bendaña de Compostela, sede da Fundación Granell, os responsables da iniciativa poética Espacio veñen de dar o salto a edición constituíndo Espacio Editores. Trátase dun proxecto de edición autoxestionados que pretende dar unha saída a autores que non encaixan nas editoriais.

Autoxestión

Os promotores de Espacio Editorial, Roberto Abuín, Brais Ocampo e o mexicano Alberto Rojas, presentaron onte na Fudación Granell, no compostelán Pazo de Bendaña, Espacio Editores. Segundo eles, a súa intención é abrir un oco para a publicación de textos que non acadan difusión a través das editoras convencionais. Aínda que nun comezo preténdese editar fundamentalmente poesía, Espacio Editorial non desbota editar nun futuro obras de narrativa ou de ensaio, tanto en galego coma en castelán. Ademais, anuncian a súa intención de realizar traduccións de autores estranxeiros minoritarios.
A nova entidade pretende funcionar de xeito autoxestionado, tentando que os beneficios dunha obra e das actividades organizadas polos promotores permitan editar novos libros. A distribución tamén se fará por canles alternativas ás habituais.
Os tres promotores de Espacio Edixa levan varios anos achegando as máis diversas formas poéticas ó Pazo de Bendaña realizando na tarde de cada luns recitais e performances nos que interveñen desde novos poetas ata autores xa consagrados.












Obras



A primeira obra que publica Espacio Editorial é "La luz y su espejo", un poemario de dez páxinas de Brais Ocampo que conta con ilustracións a toda cor de Diego Fabeiro Rei. Segundo promotores da iniciativa, a obra ten unha grande sinxeleza de linguaxe e "aposta máis polas preguntas que polas respostas".
Segundo adiantaron os responsables da editora, o próximo proxecto que presentarán é un volume no que se combinan imaxes, música e soportes interactivos na busca de novos xeitos de comunicación co lector.
No capítulo de traduccións, adiantan a súa intención de presentar catro tomos de poetas africanos, pouco coñecidos no noso país.