Román Raña faise coa XI Edición do Premio de Poesía Miguel González Garcés

Garcés XI

O profesor de literatura vigués Román Raña Lama fíxose coa XI edición do premio Miguel González Garcés de poesía, convocado cada dous anos pola Deputación da Coruña. O poemario "Eloxio da desorde" permitiulle gañar os 6.050 euros con que está dotado este premio. E axiña coñeceremos outros premiados. Xa se coñecen os finalistas do prmio Xerais de novela e do Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil que se entregarán o vindeiro sábado quince de xuño en Allariz. E precisamente o director de edicións Xerais, Manuel Bragado, pronunciouse recentemente sobre a, ó seu ver, excesiva cantidade de galardóns literarios que existen no país.


Eloxio da desorde





O vigués Román Raña Lama, profesor de literatura, fíxose onte co premio primeiro premio na décimo primeira edición do premio de poesía Miguel González Garcés que convoca cada dous anos a Deputación da Coruña. O poemario "Eloxio da desorde" impúxose sobre as outras setenta obras presentadas e valeulle ó seu autor a súa publicación e facerse cos 6.050 euros do premio.
Segundo Raña, neste poemario "tentei expresar os meus sentimentos dun xeito moito máis directo". O autor sinala que se presentou a este certame "porque era o único dos tres grandes premios de poesía galega que me faltaba" logo de ter gañado o Esquío e o Martín Códax.
O xurado, composto por Carlos López Crespo, Salvador García-Bodaño, Xulio López Valcárcel, Gonzalo Navaza, Xavier R. Baixeiras e Xohana Torres tamén outorgou un accésit a "O largo día acaba" de Lino Braxe.












Xerais e Merlín


Os lemas "Felisa Mata", "Concubinas", "Mundos concéntricos" agochan as tres obras que optan ó XIX premio Xerais de Novela. Será o vindeiro sábado quince de xuño cando se coñeza a decisión do xurado durante un acto musical e literario que se celebrará en Allariz que irá seguido por unha cea. Estas tres obras escolléronse entre vintedous manuscritos por un xurado formado por Caho Quintana, Xabier Paz Garza, Sonia Iglesias Martínez, Ánxeles Fernández Pérez, Juan Tallón Salgado e Fran Alonso. A novela gañadora farase con doce mil euros de premio.
Ademais este premio tamén se dará a coñecer o Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil, ó que optan tres obras cos lemas "Nube de azufre", "Pel de Lobo", "Roi Xordo" e "Historias do papagaio Prata". A este certame presentáronse vinteoito orixinais entre os que se escollerá un que levará os seis mil euros de premio. O xurado está composto por Iria Domínguez, Catuxa Seara e Roi García, todos eles menores de dezaseis anos, onda eles está o escritor Agustín Fernández Paz, Sabela Gago e Helena Pérez.
No mesmo acto entregarase o VI Premio Xerais á cooperación no labor editorial ó mellor labor para estender a cultura do país no ámbito editorial e da promoción.












Premios de máis

O director de Xerais, Manuel Bragado, sinalou onte nunha entrevista a Televisión Galega que a cantidade de premios literarios que existen en Galicia é "desmesurada". Sen embargo, Bragado recoñeceu a importancia destes premios para que a literatura sexa "un acontecemento social" e se achegue ós lectores e ós medios de comunicación.
De calquera xeito considerou ue existen "demasiados premios" ás obras inéditas e lamentou que "apenas existen iniciativas" destinadas a premiar obras xa publicadas.