
Na orixe desta curiosa proposta, Estévez apunta o seu empeño en ser quen de escribir sobre calquera tema, "tiña un profesor hai moitos anos que dicía que o admirable dun poeta era que fose capaz de escribir sobre calquera cousa, e quedoume a idea de que eu tiña que ser quen de facelo", explica, e "unha enciclopedia é unha fonte xenerosa de temas sobre os que se pode escribir".
No entanto, Estévez recoñece a dificultade que ten crear poesía sobre temas aleatorios. "Pensei que sería divertido obrigarme a escribir un texto sobre temas que nunca se me terían ocurrido. É un experimento, e para min penso que ousado. Ás veces teño a impresión de que me estou metendo en camisas de once varas, pero confío en saír dignamente. Cada vez que escribo un poema tento que sexa o mellor, pero a ver o que sae".
Encol da resposta dos lectores, o poeta apunta que "confío en que o público sexa tolerante. Non sempre se pode facer un poema magnífico sobre algunhas cousas. O mesmo no artigo aleatorio sae un papa ignoto do século II que non fixo nada importante e do que non hai notas biográficas. O que pode saír de aí non é doado".