Entrevistas a Benito Losada, Fran Jaraba e Xaquín Marín amosan a actualidade da BD

Marín deixará o seu posto coma director do Museo do Humor de Fene

A coincidir coas XX Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, o web Praza das Letras achega unha entrevista con Benito Losada, director da Casa da Xuventude da Cidade das Burgas. Este veterán dinamizador apunta a maior popularización da novena arte na sociedade e a variedade de estilos que se rexistran na produción actual. Pola súa banda, en La Voz de Galicia atopamos unha ampla entrevista na que Fran Jaraba explica polo miúdo Terra Libre, último volume da súa triloxía cubana. Para rematar, neste mesmo xornal atopabamos onte unha entrevista con Xaquín Marín na que o veterán debuxante anuncia a súa retirada da dirección do Museo do Humor de Fene. O autor adianta a vindeira publicación de dous novos volumes, un co seu personaxe Isolino e outro no que recupera as súas primeiras historias de BD que sairá da man de El Patito Editorial.