Testemuñas da vida nas marés de Terranova

Marés idas

Había un universo composto de bacallau, ondas e frío. Os bancos de pesca de Terranova acolleron durante décadas o traballo de moitos galegos dedicados á pesca de altura. Canda a eles, varios biólogos participaron naquelas duras mareas, antes do esgotamento do peixe. Agora, o Museo do Mar lembra aquela aventura e recupera o testemuño daqueles investigadores na mostra Onde o mundo se chama Terranova.



Esta experiencia recupera a cotidianidade daquela pescaría a partir das olladas de cinco científicos que se embarcaban para coñecer o estado daqueles bancos. Xavier Queipo, Anxo Fernández, Enrique Álvarez, Euloxio Vázquez e Lorenzo Suárez botaron meses coma un tripulante máis en diferentes arrastreiros, compartindo espazos, festas e penurias cos mariñeiros.

Con vistas a introducir o espectador nese mundo de ferro e mar, o Museo do Mar amosa a reconstrución dun camarote, do comedor e doutros espazos propios dun daqueles barcos que atravesaban o Atlántico. Do mesmo xeito, cabos, ferramentas, paneis explicativos e máis de 370 imaxes tomadas por aqueles biólogos ao longo de diferentes marés fan parte desta iniciativa, permitindo mergullarse nas peculiaridades dun traballo que xa non existe.

E é que os anos oitenta, cando se tomaron as imaxes da mostra, supuxeron as últimas marés dos arrastreiros galegos naquelas costas de Norteamérica. O esgotamento dos recursos pesqueiros provocou unha moratoria que aínda persiste. Hoxe, estas imaxes non se poderían tomar. Os interesados en as coñecer, teñen ata o 21 de setembro para se achegar a Vigo.



Acreditación das imaxes do vídeo. Aparecen en orde consecutiva.

1-8: Enrique Álvarez
9-16: Xavier Queipo
17-24: Lorenzo Suárez
24-35: Anxo Fernández
36-43: Euloxio Vázquez