As mulleres incorpóranse con forza ao traballo no sector cultural

Observación: Cultura con sexos

As mulleres están chamadas a desempeñar un papel crucial no noso desenvolvemento cultural, segundo se desprende dos seus hábitos e da súa crecente incorporación ao emprego neste sector. Facemos unha análise sobre cultura e xénero da man do Observatorio da Cultura Galega e iniciamos así unha serie que analizará as tendencias neste ámbito.


As mulleres están a se incorporar con forza ao traballo no sector cultural galego. Así o aseguran os datos do Instituto Galego de Estatística. Se en 2001 eran só 6.220 fronte a 11.957 homes as empregadas neste ámbito, en 2006 os datos revelaban que xa eran 10.105 fronte a 14.048 traballadores. De feito, nese ano produciuse un lixeiro descenso no emprego de homes no sector mentres a presenza de mulleres continuou o seu ascenso. Estes datos fan prever un crecemento destacado na importancia que as donas vai acadar no mundo cultural.


Porcentaxes de homes e de mulleres que traballan no sector cultural (2001-2006)




Os hábitos
É tópico xa dicir que as mulleres teñen uns hábitos culturais máis activos do que os dos homes. No noso país, cando menos, é así en practicamente todos os indicadores aínda que as diferencias son escasas. Destaca, segundo os datos da Enquisa de Condicións de Vida das Familias do Instituto Galego de Estadística, o hábito de lectura. Un 55,2% das mulleres len varias veces á semana ou diariamente libros non relacionados co seu traballo e estudos, mentres que só un 50,4% dos homes o fan. En canto a visitas ao teatro, as cifras están nun 23,6% de donas que van cada ano ou máis, mentres no caso dos cabaleiros só acode un 21%. A falar da ópera a cousa queda en 14,5% e en 13,7% respectivamente. Se a función é de cine, a diferenza acúrtase ata un 0,4% máis mulleres que acuden ao cine unha vez ao mes como mínimo. Neste pequeno predominio destaca o dato segundo o cal asisten menos a concertos de música “moderna, tradicional ou solistas”: o 37% das mulleres asiste a estes espectáculos máis dunha vez ao ano mentres dos homes achéganse o 39.2%

A lingua
As mulleres galegas falan menos galego, enténdeno peor e dominan menos a escrita. Así o revelan os datos da Enquisa de Condicións de Vida das Familias correspondente a 2003: Mentres un 64,57% dos homes enquisados declaran falar só galego ou máis galego do que castelán, no caso das mulleres, a cifra redúcese a un 58,61% que ten eses hábitos lingüísticos.

O feito de que tamén sexan máis as mulleres que declaran ter aprendido a falar en castelán (un 32.03% fronte ao 28.97 dos homes) pode explicar ata certo punto eses resultados. En canto á razón pola que se produciu a mudanza de lingua cara ao castelán, destaca o número de mulleres que llo apón a unha decisión persoal (35.44% fronte ao 23.37% dos homes) e á menor influencia que se lles outorga a factores coma razóns de traballo e influxos de amizades ou do ensino.
Segundo explica Håkan Casares, do Observatorio da Cultura Galega “estes son uns datos normais nos procesos de substitución lingüística. As mulleres adoitan estar á cabeza neste tipo de cuestións”.

A rede
Á hora de falarmos do emprego de Internet, repítense en Galicia, aproximadamente, as diferenzas por sexos que se dan en todo o mundo. No noso país, segundo os datos do AIMC (Asociación de Investigadores de Medios de Comunicación), un 94% por cento dos homes enquisados en 2007 visitara a rede o día anterior, mentres só un 86,6% das mulleres o fixera. Fóra desta diferenza xeral, as cifras revelan que a fenda vai ampliándose segundo se fala de empregos máis especializados: páxinas persoais (22% dos homes e 13,4% das mulleres), intercambio de arquivos P2P (48,5% fronte a 27,7%) ou emprego de FTP (28,8% e 21,2% respectivamente).

A única actividade que inverte lixeiramente esta tendencia son os blogs. Un 9,6% das mulleres declaran ter unha bitácora fronte a un 9,0% dos homes. Canda a isto, son as aplicacións dedicadas á comunicación directa entre persoas son as que semellan conseguir unha maior aceptación feminina. Así, empregan o correo electrónico 93,7% dos internautas e 92.2% por cento das usuarias, e a mensaxería instantánea o 47,3% e o 46%, respectivamente. No chat ou IRC, as cifras caen (13,6% e 12,7%) pero manteñen certa paridade.