Un plan programa a profesionalización das Artes Escénicas en catro anos

O teatro xa ten un plan

O teatro precisa promoción, reforzo a nivel industrial, ser obxecto de estudo e, por suposto, ser levado cara o exterior. Todas estas facetas están desenvolvidas polo miúdo no Plan Galego das Artes Escénicas, un documento que concreta en 83 puntos agrupadas en cinco sectores, a folla de ruta que debe seguir este sector ata o 2011. Analizamos o documento para coñecer o percorrido do teatro.

Con Quico Cadaval como maestro de cerimonias e con Mofa e Befa poñendo a nota cómica, os representantes do sector e da consellaría de Cultura presentaron, ante un Salón Teatro abarrotado, o Plan Galego das Artes Escénicas. Ou o que é o mesmo a “biblia” pactada polos diferentes axentes implicados que compoñen isto que chamamos artes escénicas e que non só fixa os obxectivos, senón que establece como e con que cartos se ha de conseguir darlle unha nova orientación ás artes escénicas.

E cada un dos que interviron no acto foron perfilando diferentes visións ou definicións. Para Celso Parada, representante de Escena Galega é “un plan de goberno que pon cartos na transformación”; segundo Miguel Martín, xerente do IGAEM, “é un documento de compromiso con medidas concretas, orzamento, que se pon en marcha no 2008 e que rematará no 2011 triplicando os cartos que se destinaban a esa materia en 2005”. Vicente Montoto destacou a creación dunha comisión de seguimento que avaliará o grado de execución e analizará os resultados unha vez que se poña en marcha este documento que, na súa opinión “debería servir para colgarnos unha medalla porque somos pioneiros”. E por último, a encargada de pechar o acto foi Ánxela Bugallo que falou de que este plan “marca un fito porque estamos decididos a levalo adainte cun compromiso orzamentario”.

Un documento de goberno
O primeiro de todo é que se trata dun documento consensuado polas distintas partes, que sentou á mesa a negociar ás diferentes entidades que compoñen o sector (empresarios, directores, actores, técnicos….), pero tamén a varias áreas de goberno. O documento está promovido pola Consellaría de Cultura pero non é a única entidade implicada en traducir o papel en feitos concretos. De feito, cada un dos piares que contén o documento afecta a un ou varios departamentos de goberno. Así, o eixe primeiro que se centra en “promover a dimensión sociocultural das actividades escénicas” afectaralle á dirección xeral de Creación e Difusión Cultural que introduce a comarcalización como criterio á hora de desenvolver a implicación social na cultura. Un ámbito novo no deseño das políticas culturais, que ultimamente puñan o acento nos ámbitos municipais e para o que o plan reserva 13.300.000 euros. O segundo eixe céntrase en “consolidar e fomentar os procesos de creación, innovación e formación e poñer en valor o patrimonio escénico galego”. Unha área na que a consellaría de Educación é a principal implicada e para a que contará con 3.742.000 euros nos vindeiros catro anos.

A futura Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) que se poñerá en marcha despois da publicación da lei no DOG, ten asignadas os eixes terceiro e cuarto dese documento, o prato forte. Son as áreas que fan fincapé en potenciar e promover as industrias culturais e consolidar o mercado das artes escénicas. Un total de trinta e cinco millóns de euros pretenderán crear e consolidar salas de teatro privadas (con axudas e subvencións directas), conseguir que as fundacións privadas programen espectáculos de compañías galegas, coñecer o público o mellor posible, aumentar a porcentaxe de axudas directas ao sector, introducir o patrocinio de empresas privadas no financiamento de proxectos de produción e distribución, impulsar a figura dos teatros asociados ao Centro Dramático Galego, entre moitas outras.

Pero claro, o teatro galego non só debe quedar nas nosas fronteiras senón que debe buscar vías para difundirse no exterior. É aquí onde actúa o quinto e último eixe, que ten asignado 14.601.000 euros e que pretende “situa o sector como un dos referentes para a proxección e difusión da cultura e identidade galega no exterior”. Neste punto é onde o Plan reserva un espazo importante para a Cidade da Cultura, da que di debe ser un referente na “exhibición e produción e coproducción e coprodución pública de artes escénicas”.

En total, nos vindeiros catro anos destinará 65.766.00 millóns de euros, pero como dixo Miguel Martín, “que ninguén pense que van sobrar cartos”, o plan inclúe tantas liñas que estará ben repartido na promoción da maxia, novo circo, danza e teatro de autor. Como engadiu a propia Ánxela Bugallo ao remate da súa intervención trátase dun “camiño compartido que hoxe comezamos”.