Múltiples iniciativas aproveitan en Galicia as posibilidades dos espazos abandonados

A cultura do abandono

Almacéns abandonados. Fábricas en ruínas. Edificios que xa non cumpren a súa función poder vivir unha nova vida da man da cultura. Desde intervencións artísticas ata auténticas ocupacións con motivos socioculturais, no noso país existen múltiples iniciativas que apostan por darlle un novo valor a inmobles que semellaban condenados ao esquecemento.

Non son os autores de graffitis os únicos que ven, nas paredes baleiras de espazos en ruínas ou abandonados, un espazo de expresión artística. É ben certo que son as pintadas de todo tipo, con maior ou menor compoñente creativo e preocupación estética, as máis habituais formas de arte que podemos atopar nun edificio baleiro ou nos restos de vellas construcións. No entanto, con discursos quizais máis elaborados, creadores máis convencionais apostan tamén por estes espazos coma base para as súas creacións.

Pintar as ruínas
Na máis pura tradición de arte urbana, Nano4814 é o máis internacional dos nosos autores de graffitis. A súa obra, presente este mesmo verán na Tate Modern de Londres, visitou tamén o Museo de Arte Contemporánea de Vigo en 2006. No centro o autor achegou “Luces urbanas”, unha proposta de reciclaxe e modificación de carteis luminosos que instala en edificios abandonados, achegándolle iluminación ao tempo que xoga co concepto publicitario orixinal destes produtos. A pintura sobre muros degradados é tamén parte do traballo de Carlos Maciá, que expuxo a súa obra na galería Casaborne, de Antequera.

Imaxes da degradación
Os espazos abandonados son tamén o espazo predilecto de traballo de Antía Moure, que fotografía e modifica achegándolles frases gravadas nas paredes ao xeito de confesións. Segundo o texto que ela mesma escribiu para unha exposición na galería C5 de Compostela retrata “lugares anónimos cuxo vínculo emocional se debe ao mesmo abandono que compartimos e sofremos. As súas paredes desgastadas e descoidadas polo devir do tempo albergan pequenas confesións que en forma de pintada saen ao encontro de quen queira observalas”. As fotografías de espazos abandonados, desta volta a fachada de edificios ruinosos, protagonizaron tamén a mostra “Casas doentes” que Manuel Sendón amosou en Vigo e na Coruña en 2007. Félix Fernández, posúe coa mesma temática a serie “Festa Branca” que presentou no Museo Provincial de Lugo o pasado verán e na que xoga co dramatismo de lugares que sofren o paso do tempo para encenar as súas imaxes.

Ollar os espazos baleiros
Tamén traballou arredor do abandono, e en concreto da desaparecida fábrica Álvarez que no seu día artellou o barrio vigués de Cabral, a artista Carme Nogueira. A súa proposta incluíu a exposición, onda o vello espazo industrial, dunha maqueta que recollía o antigo aspecto do barrio e coa que se animaba os veciños a reflexionar sobre as súas mudanzas e a organización rururbana. Unha das últimas propostas que puidemos ver neste sentido foi a da aragonesa Lara Almarcegui, que presentou no CGAC ata o pasado mes de marzo o proxecto “Levantar o chan”. Esta proposta documentaba a xeito de guía turística e animaba a visitar un solar da capital galega en estado de abandono e a piques de desaparecer pola evolución urbana da cidade. Aínda máis recente, a sala Zona C de Compostela acolle deste onte unha exposición de Manuel Eirís. Dentro desta proposta, inclúese unha exposición de cascallos recollidos de demolicións nas rúas de Lisboa, auténticos anacos de ruína a disposición do público. Como podemos ver, os espazos abandonados teñen unha presenza variada na nosa arte.

Ocupación artística
A traspasar ese emprego basico da ruína como base creativa da arte, outras iniciativas vencéllanse ao aspecto máis social do abandono e tentan que a súa propia creación supoña unha revitalización do espazo no que se desenvolva. Neste sentido atopamos no noso país iniciativas coma do Laboratorio de Creación Artística do colectivo Alg-a. Segundo explica Roi Fernández, un dos responsables deste proxecto, “Alg-a naceu como unha comunidade virtual, pero segundo se foi sumando xente, vimos a necesidade de contar cun espazo físico no que facer actividades. Como viamos que conseguir un espazo fixo ía para longo, decidimos montar o laboratorio alí onde houbese un espazo que nos cedesen ou que tomásemos durante o tempo que fose”.

Reflexión sobre a ruína
No seu texto fundacional, o laboratorio explica que “Galiza está na cabeza de edificacións abandoadas (de vez que tamén sufre unha moi forte especulación e construcción desmedida no seu chan). Ligada á nosa cultura de Periferia, tamén arrastramos unha cultura do abandono”. Ao tempo, aposta pola “recuperación activa dos espazos abandoados nas poboacións, para cubri-las necesidades culturais dos poboadores (espazos-obradoiro, salas temporais de exposición, etc)”. “Con estas ideas fixemos a ocupación simbólica das naves de Renfe en Pontevedra. Traballamos co entorno e fixemos proxeccións e concertos. Despois mantivemos ese mesmo espírito de que o laboratorio está onde se fan as actividades e fixemos encontros en Belas Artes e na Serra de Outes, nun espazo cedido”, lembra este membro do colectivo. Na atualidade o Laboratorio conta con instalacións permanente no barrio vigués de Valladares, grazas á cesión de terreo dun particular e da achega, por parte do arquitecto Santiago Cirujeda, de varios contedores acondicionados. No entanto, o colectivo pretende continuar as súas accións neste sentido. “O que máis nos interesa é traballar co contorno que temos arredor”, explica Fernández. De feito, tamén no seo deste colectivo naceu o documental “Topografías do abandono”. “Céntrase nos espazos baleiros, solares e edificios abandonados de Vigo, e incide no seu posible emprego social”, completa. Acorde con esta idea, o documental tense proxectado sobre as paredes de espazos degradados.

Outros xeitos de ocupar
Unha proposta no estilo foi a iniciativa “A chocolataría”, que reformou unha antiga fábrica deste dóce nun espazo expositivo e cultura no casco histórico de Santiago entre 2005 e 2006. A iniciativa desenvolveuse co apoio dos propietarios do local e funcionou coma unha galería temporal con grande éxito de público e de crítica. Máis centrados, se cabe, no emprego social dos espazos abandonados, o colectivo A cultura preokupa mantén desde o pasado mes de marzo un centro de dinamizacíón sociocultural nun baixo de Monte Alto. A proposta, enmarcada na dinámica máis común da ocupación, pasou por entrar e acondicionar un espazo sen emprego e comezar desde aquela a desenvolver nel todo tipo de actividades culturais. Concertos, danza, conferencias, proxeccións, obradoiros e outras propostas están a facer do que era un baixo desocupado un auténtico centro cultural no barrio que mesmo leva as súas actividades á rúa. Malia a que a ocupación naceu como unha proposta en principio efémera polo momento a proposta continúa co apoio dos veciños do lugar e enfrontándose a posibilidade dun desaloxo. Outra experiencia deste tipo foi a da Casa Encantada en Compostela, que logo de anos de funcionamento foi finalmente desaloxada e derrubada, malia a unha intensa campaña de actividades artísticas e culturais que mobilizou boa parte da cidade en 2003.

Como podemos ver, os inmobles e mais os espazos urbanos que xa non cumpren a súa función protagonizan un bo feixe de propostas. E é que, para ben ou para mal, materia prima hai abonda no país para lle meter man.