Joan Nogué: “En temas de paisaxe estámonos a comportar como novos ricos”

A paisaxe ten lei

É o director do Observatori da Paisatge de Catalunya, a primeira entidade deste tipo que hai en España e de próxima creación en Galicia, cando se aprobe a Lei da Paisaxe, actualmente en trámite parlamentario. Joan Nogué explícanos a súa experiencia aproveitando a súa presenza no foro “Olladas críticas da paisaxe”.

Falar da paisaxe é algo relativamente recente en todo o Estado. Mentres noutras zonas de Europa lévase décadas definindo os parámetros, creando entidades que se amparen nunha normativa xurídica para regular a cuestión, en España todo isto resulta novidoso. Joan Nogué, que tamén é catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Xirona, asegura que “estivemos corenta anos baixo a dictadura, despois chegou a democracia e, había tantas cousas por facer como a dotación de servizos, augas, en tema de medio ambiente, de residuos, de depuradoras… que cando xa estabamos preparados para abordar o tema, chega este novo desenvolventismo inmobiliario, que parece que nos devolve a outras épocas”. En pleno bum urbanístico en todo o Estado, Cataluña foi pioneira en aprobar no 2003 unha lei da paisaxe na que se inspirou o texto galego que agora está en plena fase parlamentaria. Unhas medidas que serviron para por en valor o noso contorno.

A necesidade da paisaxe
“Se asumimos que somos un país, que temos unha lingua, que temos unha paisaxe, entón ¿por qué non coidamos a paisaxe do mesmo xeito que coidamos a lingua?” pregúntase Joan Nogué para o que o concepto está moi claro. “Paisaxe é, tal e como figura no convenio europeo que foi froito dun longo debate, é o producto final nun territorio determinado, da interacción entre unha dimensión natural, física e cultural. Este produzo final cunha intervención histórico cultural é, ademais, percibido pola sociedade local ou o visitante, dun determinado xeito, porque esta paisaxe transmite símbolos, ideas e emocións”. Para Nogué definir a paisaxe non é complicado (de feito fíxoo o Observatori que el dirixe, está na Lei da Paisaxe de Cataluña, no Convenio Europeo da Paisaxe) o que para el resulta moi complexo “é conseguir que a paisaxe como tema penetre nas políticas de ordenación e xestión urbanísticas e, polo tanto, na sociedade. Isto leva moito tempo, porque leva parello un cambio de chip. Á xente pódeselle ensinar a mirar e non parto dun certo despotismo ilustrado, senón que é a realidade”. E nesa dirección funciona o Observatori.

Un centro para ver a paisaxe
O Observatori da Paisatje de Cataluña leva catro anos constituído e tres funcionando a pleno rendemento. Non é unha entidade executiva, polo tanto, todo o traballo que desenvolve é de carácter asesor e consultivo. Sen embargo, neste trienio de traballo xa conseguiu sensibilizar á opinión pública e orientar algunhas actuación administrativas. “É certo que non temos competencias na materia, porque non somos a Administración, pero a nosa opinión comeza a ser importante e a ser escoitada” apunta Joan Nogué. O Observatori desenvolve a súa actividade en moitas frontes: ten un centro de documentación que arquiva todo o material publicado sobre o sector; desenvolve unha política de comunicación para poder informar con precisión; conta con campañas de concienciación social; programa actividades no mundo da educación para poder explicar estes conceptos desde a época escolar e, en termos de ordenación do territorio acaba de concluír os catálogos de paisaxe. Esta última foi a actividade que máis tempo ocupou ao equipo do Observatori porque había que partir de cero, crear unha metodoloxía e validala. O resultado desta última sección foi un documento de oitenta páxinas que contén os parámetros e os indicadores (que inclúen desde o urbanismo e os condicionantes sociais ou fenómenos locais) para poder identificar e definir os diferentes tipos da paisaxe e que son exportables.

Unha experiencia interesante para coñecer, agora que Galicia terá un centro de características similares, tal e como figura na lei da paisaxe. Aínda que non é amigo de ofrecer consellos, para Joan Nogué “hai que ter claro que un organismo deste tipo sempre funciona, aínda que non teña competencias directas”. Na súa opinión porque é “como un gran paraugas no que se meten todas as institucións e as entidades interesadas nesta materia”, por iso aposta pola máxima pluralidade para este tipo de iniciativas, que permite ter sentados na mesma mesa tanto aos grupos ecoloxistas como aos empresarios, xunto cos representantes da administración. “Este centro está a medio camiño entre a sociedade civil e a administración, o que a sitúa nunha posición privilexiada”, asegura Joan Nogué.

En todo caso, estas entidades só conseguirán para acentuar un cambio na percepción da paisaxe, que é un tema de cultura social. “Son cambios xeneracionais, que se producen moi lentamente” afirma Nogué que se van apreciando pouco a pouco. Na opinión deste experto, “nos últimos quince anos asistimos a unha presión urbanística brutal; unha barbarie que chegou no peor momento posible, xa que non chegara para nada o cambio cultural. Isto fixo que como país nos comportáramos como novos ricos, que da noite para a mañá se viu con cartos, e actuou motivado polo feito de que tiñamos cartos, sen ningún tipo de planificación. ¿por que hai que ampliar unha carreteira rural a penas transitada? ¿por que hai cartos para facelo? Hai que xestionar os recursos con criterio”.