Touriño convoca unha mesa de diálogo para frear a división do sector audiovisual

Fracturación de cine

Os profesionais e empresarios do audiovisual consideran que a política seguida desde a administración non está unificada. Primeiro foi o tempo que se tardou en nomear ao director do CGAI, despois a duplicidade de liñas de axudas, máis tarde a guerra dos sitios web con catálogo incluído, pero a gota que rebordou o vaso foi a publicación de datos macroeconómicos a nivel estatal que apuntaban a un receso. Foi entón cando o sector dixo basta.

Nunca tantos cartos se repartiron en axudas para o sector audiovisual. Tamén é certo que nunca tantas curtametraxes se fixeron nesta época, nin se rodaron tantas películas en Galicia e por produtoras galegas. Sen embargo, o sector audiovisual galego, malia ser estratéxico por lei segue a perder peso no conxunto estatal e segue sen ter saída tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

As cifras
Vicente Montoto, presidente da AAAG e representante de todos os colectivos do sector que se reuniron o luns co presidente da Xunta afirma que “os datos macroeconómicos a nivel de España nos que o audiovisual chegou a ocupar o terceiro posto, hoxe pasou ao quinto posto, con outras comunidades que non teñen lingua propia que xa se puxeron por diante. Cremos que non é bo sinal”. Un dos indicadores que desatou a tormenta foi o último anuario da Federación de Produtores Audiovisuais (FAPAE) que situaba a Madrid, Cataluña, Andalucía antes que Galicia en función do índice de produción. Galicia descendía un posto tal e como establecía a mesma fonte en anos anteriores. Un documento que tamén destacaba que o sector do noso país recibiu en 2006 7.7 millóns en incentivos públicos, o 24% do total das subvencións concedidas en todo o Estado, mentres que a súa facturación foi de 52 millóns, que supón o 3% en comparación co resto. Pero este non era máis que un síntoma de que algo estaba a acontecer.

“Un dos problemas é a falta dun compromiso real da Televisión de Galicia, que é un instrumento esencial para apoiar as producións galegas independentes, aínda que non son as habituais teleseries, non está cumprindo co compromiso de achegar o 5% do seus presupostos ao apoio do conxunto do audiovisual” asegura Vicente Montoto. Como interlocutor de todos os colectivos do sector, considera que isto se traduce en que “haxa menos traballo, que as empresas teñan dificultades para sobrevivir, e se dificulte a consolidación dun tecido empresarial impensable para unha industria como é o audiovisual”. No último ano, no 2007, Televisión de Galicia non emitiu ningún telefilme dos que, por outra banda, ten comprados os dereitos.

A vía do diálogo
Ante esta situación, as entidades que agrupa a realizadores, actores, produtores indepentes, e guionistas acordaron reunirse para analizar a situación e buscar posibles solucións. “Os debates que se celebraran en maio do ano pasado fixemos un decálogo asumido por todos e no mes de xuño (de 2007) solicitámoslle ao presidente do goberno galego manter unha reunión”, explica o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Todos os representantes do sector tiñan claro cales eran as demandas, que sintetizaron en dez puntos. O decálogo incluía desde unha aplicación estricta do fixado na lei do Audiovisual para evitar a “paralización do sector por mor de criterios contrapostos dentro da Administración”, introducir o audiovisual como materia no ensino obrigatorio e conseguir que participe o sector nos órganos de dirección das entidades xestoras da política audiovisual galega, así como un cambio na actitude da Televisión de Galicia. É precisamente a esta entidade á que lle dedican ata catro dos dez puntos que contén o decálogo, esixíndolle que cumpra coa lei que lle obriga a destinar o 5% do seu orzamento á produción independente, que poña en marcha a segunda cadea, e que se coordine coa Axencia Audiovisual Galega para conseguir

Con ese decálogo debaixo do brazo chamaron á porta do presidente da Xunta este luns, case un ano despois de que o sector detectara os primeiros indicios de que as cousas non marchaban ben. “A impresión e aínda que a tardanza é difícil de xustificar, o resultado foi moi satisfactorio” asegura Vicente Montoto. Os diferentes colectivos reuníronse unicamente con Emilio Pérez Touriño, naquela xuntanza non había ninguén máis da administración (a esa hora o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, e o director da Axencia Audiovisual Galega estaban na rolda de prensa de presentación de Curtocircuíto no concello de Santiago).

O resultado
O sector propúxolle que se comprometera a organizar unha mesa de diálogo na que se sentaran todos os representantes do goberno con competencias na materia. “O Presidente asumiu a nosa proposta e ademais comprometeuse persoalmente cara setembro, despois de iniciar os traballos desa mesa, volver a vernos para facer o seguimento desa mesa” asegura Vicente Montoto que traslada a satisfacción xeral do sector polo compromiso de Emilio Pérez Touriño. Haberá que agardar entón a ver en que momento ten lugar a xuntanza e se isto supón unha reordenación dos órganos de goberno que rexen a máis potente das industrias culturais.
DECÁLOGO.
Demandas do sector audiovisual galego ao goberno galego.