As apostas máis persoais do cine galego non atopan vías de distribución

Os problemas de chegar ao público (e III)

A todo o cine que se produce en Galicia non se lle pode colgar a etiqueta de comercial. Canda eses títulos hai algún productos, que teñen un selo máis personal e que están máis próximos á etiqueta “cine de autor”. Xavier Bermúdez e Mario Iglesias son dous expoñentes deste tipo de traballos que tamén teñen os seus problemas por chegar ás salas.

Presentouse en Málaga e foi a arma arroxadiza da prensa local contra a organización por ter seleccionado un filme en galego. Falamos de “Rafael” a última produción de Xavier Bermúdez (autor da multipremiada “León e Olvido” ou de “Nena”), director que conta cun estilo propio, máis realista, próximo ao cine de autor. Unha onda na que tamén se sitúa Mario Iglesias, que ten o mérito de ser o realizador galego con catro longametraxes pero que ningunha delas se puido ver aínda nas salas comerciais.

Rafael
“Teño tendencia a facer un cine de corte realista e desde este punto de vista, o mais normal era que a xente falara en galego ou en castelán, en función de onde se desenvolvera a acción”. Asegura un Xavier Bermúdez, que acudiu ao último festival de cine español de Málaga cunha película en galego. “Hai xente que utilizamos as dúas linguas e o cine ten que retratar isto” respóndelle o director aos que amosaron unha actitude belixerante coa produción. Vai un pouco máis alá e advirte que "os cineastas galegos temos unha débeda coa lingua, a maior parte das axudas que hai en Galicia están en base a ter unha segunda lingua oficial, neste sentido é raro que facendo cine en Galicia non se recolla o idioma nas producións. É unha cousa moi estraña. Hai unha débeda e haina que pagar. Eu fíxeno con Rafael e seguireino a facer”. Unha ousadía que está por ver como responde o público, tan afeito a ver as producións dobradas ao español.

En todo caso, Bermúdez afirma que os obstáculos non pasan por rodar en galego. "Non tiven ningún problema pero tampouco ningunha axuda en especial. Ademais, aquí hai actores bos dabondo que, neste sentido, usar o galego non presenta moito problema; onde si están os atrancos é na distribución e na comercialización. Bótase en falta algunha liña de axudas, porque hai un funil moi grande para chegar á salas que non é de todo motivado pola calidade. No ano pasado houbo nas salas españolas máis de 600 títulos americanos. Eles programan en salas e o único xeito é entrar cun respaldo económico forte e que haxa distribuidoras e cadeas de distribución que aceptarían a entrada dos nos produtos”. Con todo, avoga por ofrecer as películas en versión orixinal, que serviría para defender o cine do país e mellorar a aprendizaxe de linguas.

De momento, teremos que esperar para ver “Rafael”, que inicia agora un percorrido por festivais. Unha vía que seguen moitos títulos que acoden a certames na procura da crítica especializada mentres negocian os dereitos de autor e que serve para darlle prestixio ao filme. “Esperamos que "Rafael" vaia a máis festivais e non só para esta, senón para calquera película ir a festivais é un dos camiños potenciais que existen para darse a coñecer por todo o mundo, e polo tanto para abrir vías de rendibilidade culturais e económicas. Outra cousa é que che vexan méritos suficientes ou non para ser seleccionado para festivais importantes”.

Mentres tanto, Bermúdez non descarta ningunha vía "nin típica nin atípica" para que se vexa a súa produción, aínda que supoña saírse dos camiños establecidos polas majors. "O noso obxectivo é sempre que unha película, que inevitablemente leva moito esforzo e risco facela, teña o maior número posible de oportunidades de ser confrontada co público”, asegura o director.


Cos dedos dunha man
Con Mario Iglesias pasa algo semellante pero multiplicado por catro. Non é que teña unha película que aínda non chegara a carteleira, senón que está a preparar a súa quinta longametraxe cando aínda non vimos ningunha das anteriores. A que estivo máis preto de chegar a carteleira foi “De bares” pero as rutinas do mercado acabaron por impedilo. “De bares tivo moi boa distribución en festivais e estivo probando sorte en distribuidoras, de feito, houbo varios amagos porque houbo varias interesadas pero ao final a que presentou máis atención acabou afogada por outras distribuidoras. Era unha empresa catalá e na primeira semana, con todos os esforzos que estaban a facer, resulta que estrearon unha película de Nicole Kidman con 800 copias e obrigaron aos exhibidores a quitar todo o que estaba previsto e a poñer esta película. Hai unha serie de abusóns neste sector que é difícil vencer e esta empresa como era pequena afogouse”.

Mario Iglesias asegura que todas as súas producións, agás “Catalina” que responde a patróns máis clásicos, “están dentro dunha óptica moito máis artística que mercantil, porque estou comprometido co aspecto estético e porque se algo podo achegar é a miña visión persoal das cousas”. Un estilo que tampouco o favorece nada dentro do sistema actual da exhibición. “Os criterios de distribución obedecen a pautas de mercado, que son gustos que se foron creando e marcaron unha impronta nos exhibidores, que xa non arriscan. Cousa lóxica porque están pechando cines e a soga vaise apretando. Nas salas comerciais a cousa está moi dura”.

Malia a desazón de non poder chegar ao público, Mario Iglesias é optimista porque pensa “que hai unha distribución esperando aí, que son as salas dixitais e a Internet ou mesmo a televisión que estamos nun momento de cambio e hai que agardar a ver que pasa”. Os dereitos de reprodución televisiva da súa primeira longametraxe, “De Bares”, mercáronos TVG e TVE polo que, cedo ou tarde, acabaremos por vela.

A distribución dixital
De momento, desde a Axencia Audiovisual Galega estase a ensaiar un modelo de rede de distribución dixital que chamaron “Cinemas dixitais”. Unha iniciativa que para Manolo González, director da Axencia, supuxo “unha aposta por democratizar primeiro as imaxes e segundo o consumo, tendo en conta as características peculiares da nosa orografía”. Neste primeiro nivel, a Axencia pretendeu vertebrar un mecanismo que obriga a programar series de entre 8 e 13 trabalos con horarios fixos para crear hábitos de consumo. Con catro ciclos (telefilmes, documentais, curtametraxes ou cinema árabe) que chegan a máis de 160 concellos e que, no futuro, podería ser o xermolo para promover as exhibición e, abrir novas posibilidades de distribución para outras producións galegas, como as longametraxes.