Logo de participar no programa galego do Saló del Còmic de Barcelona, El Patito Editorial comeza a presentación das súas novidades en Galicia. Por unha banda, a biblioteca Ánxel Casal acollerá o mércores 23 de abril ás sete e media da tarde a presentación de Os compañeiros. A orde da pedra, primeiro título da Biblioteca Feima de Clásicos da Historieta Galega que recupera as tiras que Miguelanxo Prado realizou entre 1980 e 1981 para La voz de Galicia. Para o vindeiro sábado, será Jacobo Fernández quen presente as súas Aventuras de Cacauequi no centro comercial FNAC da Coruña. A editora anunciou tamén que "Home sweet home", un libro de Eduardo Galán, "Dudi", será o segundo título da Biblioteca Feima e estará listo para o vindeiro Viñetas desde o Atlántico.