A Aula de Ecoloxía Urbana de Ferrol permítelle aos seus habitantes coñecer o medio das vilas

O medio da cidade

Non cómpre saír da cidade para coñecer mellor e polo miúdo o noso medio. A pouco que se saiba observar, o contorno inmediato pode achegar importantes leccións sobre os ecosistemas e a nosa influencia nos mesmos. En Ferrol téñeno claro e desde hai seis anos contan un aula de ecoloxía urbana que incide nestas cuestións para o máis pequenos.


“O proxecto foi unha iniciativa do Concello. Pensaron que moitas aulas de medio ambiente pero ningunha orientada ás cidades, que é precisamente onde está maioría da poboación”, lembra Sonia Aguiar, unha das responsables das actividades deste centro. E é que á hora de falar de medio adoitamos pensar en espazos rurais, cando o contorno urbano conta tamén cos seus propios ecosistemas, problemáticas e especies animais e vexetais. “Moitos rapaces coñecen o medio que existe no monte e no rural pero non o seu contorno inmediato. Para explicalo precisamos falar de cuestións coma o problema dos residuos, a enerxía ou o consumo de auga”, explica Aguiar.

Exposición e actividades
Deste xeito, o parque Santa Sofía, no corazón da cidade, acolle de 2002 esta Aula de Ecoloxía Urbana, un edificio no que unha exposición permanente permite facer a primeira aproximación ao noso contorno cunha nova perspectiva. A arquitectura, a historia das cidades, a contaminación nas súas diversas variantes, o clima ou as especies coas que compartimos espazos son algúns dos temas que están abertos ao público en xeral. No entanto, a maior parte do traballo que se fai na aula está dirixido ao público máis novo e céntrase en actividade de dinamización. “Somos dous educadores que traballamos con grupos organizados e facemos obradoiros, charlas e xogos arredor deste tema”, explica Aguiar. A maior parte das visitas que recibe o centro son centros de ensino da comarca que aproveitan esta instalación para tratar cuestións ambientais cos seus alumnos. O pasado ano foron máis de 2.300 persoas as que acudiron ao centro, entre elas varios colexios doutras áreas que participan no programa de intercambio do Proxecto Terra, que organiza o Colexio de Arquitectos de Galicia.

Como ensinar o medio
“En xeral traballamos con grupos de vinte persoas. Logo o tipo de actividades depende moito das idades”, lembra esta educadora. É difícil pensar, por exemplo, en como se lle poden explicar cuestións ambientais a unha nena ou un neno de catro anos. “Falámoslles de coñecementos básicos. Ensinámoslle a diferenza entre un parque e unha cidade e coñecementos básicos sobre o seu contorno. Tamén traballamos moito a reciclaxe e facemos xoguetes con refugallos, para que vexan que o que se considera lixo pode empregarse para outras cousas e que non todos os xoguetes teñen que levar pilas”, indica. A falar doutras idades, nun paseo pódense ensinar os animais que habitan na cidade, outro pode centrarse nas plantas, unha actividade amosa as cadeas alimentarias que se desenvolven na zona e noutra proposta incídese no problemas dos residuos ou do impacto ambiental. Dentro das iniciativas de coñecemento máis ou menos interactivo, neste espazo tamén teñen propostas de creación, coma obras de teatro, xogos de taboleiro ou propostas de rol nas que os participantes deben pórse no lugar dos representantes de tres pobos que deben dar unha solución conxunta aos seus residuos.

Aproveitar o lugar
E é que realmente non cómpre moverse moito da Aula para dar a coñecer os ecosistemas urbanos, e é certo que a localización da aula no parque facilita en boa medida estas actividades. “Empregamos a saída ao parque para facer por exemplo un percorrido botánico, ou as plantas do contorno para facer unha recollida de plantas medicinais e identificar especies”, explica Aguiar. “Hai un programa de ordenador que explica a fauna e a flora da cidade, aos máis pequenos ensinámoslle a diferenciar vertebrados e invertebrados, en flora aprenden sobre as plantar ornamentais ou as diferenzas entre un bosque autóctono e un xardín”.

Sumar visitas
Malia a que están pensadas como unidades independentes, as actividades da Aula están a conseguir, no entanto, que un bo feixe de rapaces e rapazas poidan coñecer diferentes cuestións encol do medio dun xeito global a través de diferentes visitas. Polo xeral, os centros que se achegan á Aula repiten ano a ano, de xeito que os seus alumnos van abordando en cada ocasión diferentes cuestións ambientais. A maiores dese traballo, cada ano desenvólvense unhas xornadas de portas abertas nas que calquera neno interesado pode se achegar, en horarios concretos, ao centro. “Nestas actividades ao final contas cun grupo constante de rapaces que participan e podes facer unha programación completa con eles tratando diferentes temas”, explica Aguiar. A proposta didáctica, centrada nas vertentes máis lúdicas, consigue chegar aos máis novos. En xeral, o que lles sorprende aos rapaces que veñen é o xeito en que abordamos os contidos. Por exemplo, eles na clase tratan a auga, e aquí abordámolo cun xogo”, lembra esta educadora. Está por ver se, co tempo, xorde unha xeración de ferroláns e ferrolás cunha especial conciencia ecolóxica a partir deste traballo de semente.