Santiago homenaxea a Manuel Balboa, coñecido compositor de bandas sonoras

Música de homenaxe

Moitos lembrarán del a música que compuxo para as películas de José Luis Garci (principalmente “O avó” ou “Canción de berce”, pola que foi candidato aos Goya) pero Manuel Balboa (A Coruña, 1958- 2004) foi moito máis ca iso. Foi un dos músicos máis significativos da súa xeración e finou en pleno proceso creativo. Agora, cando se cumpren catro anos do seu pasamento diferentes concertos pretenden recuperan a súa figura.

Hai dúas constantes que caracterizan a expresión musical de Manuel Balboa. Dunha banda a súa inspiración romántica e intimista e, da outra, a súa refinada expresividade e as constantes referencias literarias (cómpre lembrar que en 1988 gañou o accésit do premio que convocaba a Fundación Guerrero pola súa ópera nun acto “Romeo ou a memoria del viento”, sobre textos propios e de Alvaro Cunqueiro). Ese carácter musical débese en parte aos seus mestres e principais inspiradores, como foron o galego Roxelio Groba e o catalán, tamén finado, Federico Mompou.

Manuel Balboa morreu moi novo, con corenta e catro anos, despois dunha longa enfermidade que imposibilitou a súa proxección musical. Unha faceta que o actor desenvolvía en múltiples frontes e que agora, o Grupo Instrumental Século XX quixo recuperar con dous concertos que fan parte do proxecto “Os nosos músicos, os nosos sons” que pon en marcha a Consellaría de Cultura.

Un músico con banda
O carácter taciturno e calado de Manuel Balboa contrastaba coa proxección musical que lle daba compoñer bandas sonoras para o cinema. Foi candidato a un Goya por “Canción de berce” de Jose Luis Garci, co que tamén traballou neutros proxectos como “O avó”. Pero no seu haber figuran máis producións audiovisuais como “Divertimento”, “O Baile das ánimas” ou “Martes de Carnaval”. Ignacio Vilar, para o que compuxo a banda sonora de “Ilegal” asegura que era “unha persoa entrañable, pero fondamente perfeccionista que procuraba mellorar cada nota e que dominaba a música dunha forma impresionante”.

O Balboa máis intimista
Pero Manuel Balboa desenvolveu unha ampla produción no ámbito da música clásica e en diferentes campos: ópera, cámara e mesmo para a escena. De feito, neste último eido compuxo para máis de corenta titulos para directores como Xulio Lago, Manuel Guede, Eduardo Alonso, Xosé Blanco, Juanjo Granda, Francisco Nieva ou José Luis Alonso. Mantivo unha relación coa Orquestra Sinfónica de Galicia que mesmo lle chegou a encargar unha obra e que está a preparar unha publicación sobre el.

En canto á súa música de cámara, a mesma que está a tocar o Grupo Intrumental Século XX nos concertos de homenaxe a Balboa, resulta melancólica e pousada. Florian Vlashi director deste grupo, explica que a “son pezas curtísimas, a máis longa dura oito minutos e a máis breve non chega aos dous. Non fai falla ser máis extenso, con catro notas é capaz de transmitir unha forza expresiva moi fonda. De feito, se tivera que comparalo con alguén diría que me lembra a Matisse que con poucas trazadas perfila unha figura”. Florian coñeceu personalmente a Balboa, pero a súa temprana morte fixo que esa relación non fora máis fonda “Quedoume a impresión de que a súa música de cámara reflectía ao Balboa en estado puro, porque transmitía esa tristeza profunda que o definía. Ademais, era unha persoa cunha amplísima cultura e creo que a súa música de cámara é unha síntese de todas estas facetas”. Para Florian Vlashi boa parte das súa obras de cámara podería quedar nos repertorios do música. “É un gran olvidado” asegura.