Varios concellos optan por sistemas participativos para definir a súa política cultural

Consellos municipais

Á hora de decidir qué se fai culturalmente en todo o concello, non sempre a última palabra está en mans do concelleiro de turno. Cada vez máis concellos están a apostar por crear órganos de participación social e de opinión que asesoren ou decidan de xeito colexiado encol das actuacións que se desenvolven a nivel local. Recentes iniciativas amosan as posibilidades que achegan os padroados ou consellos culturais.

Tanto os padroados locais de cultura coma os correspondentes consellos teñen en principio moitas semellanzas. Nos dous casos falamos de órganos corporativos nos que se debate e se desenvolve, sexa de xeito vinculante ou non, a política local no ámbito que lles ocupa. Ademais, tanto nuns como noutros é habitual que na súa composición se conte con representantes de colectivos ou persoeiros destacados do concello correspondente. A partir de aí, a principal diferencia é precisamente as competencias que ten cada un destes órganos. Polo xeral, os padroados contan con entidade xurídica, orzamentos propios e as súas decisións inciden directamente na vida local dos concellos, mesmo encargándose en ocasións da xestión directa de instalacións e programas. Pola súa banda é máis común que os consellos locais de cultura non posúan esa entidade xurídica e desenvolvan unha función basicamente consultiva que deixa en mans da concellaría correspondente a toma de decisións e mais a execución correspondente.

A xestión padrón
Os motivos para optar por un ou outro modelo son moi variados. Un dos concellos onde o Padroado da Cultura ten maior importancia é o de Narón, onde xa desde comezos dos anos oitenta esta institución mantén a súa actividade. Segundo explica o web deste organismo “toda a actividade cultural municipal, salvo a institucional e a de concesión de axudas e subvencións, canalízase a través do Padroado da Cultura”. Entre outras iniciativas, xestiona as escolas de teatro, música, danza e gaita, ademais de se encargar da programación cultural e mesmo da organización de festas coma os Reis, o Entroido ou os Maios. Evidentemente, o Padroado é tamén responsable da grande actividade escénica coa que conta o Concello, con programas coma o Outono de Teatro, o que demostra as posibilidades que posúe un organismo deste tipo.

Facilidades
Sen chegar tan lonxe, en Lalín contan desde comezos dos anos noventa cunha institución deste tipo composta por dez representantes, cinco dos grupos políticos locais e outros cinco escolleitos entre persoas vencelladas á cultura. Segundo explica o seu vicepresidente, Manolo Gómez, esta opción adoptouse fundamentalmente con vistas a que o organismo se dedicase á xestión de determinados equipamentos municipais. “Cando se formou buscábase unha fórmula que facilitase a contratación de persoal, e optouse por esta figura”, lembra. Na actualidade, “o padroado xestiona o Conservatorio de Música Tradicional, a radio local e mais o Seminario de Estudos do Deza”, lembra Gómez, “ademais, en ocasións organiza algunhas actividades culturais, pero non hai interferencia co traballo da Concellaría”. En xeral, Gómez salienta a coordinación entre as dúas entidades, xa que son varios os membros do padroado que tamén desenvolven o seu labor no departamento municipal, entre eles a propia concelleira de Cultura. O feito de que o padroado se renova logo de cada convocatoria eleitoral facilita o bo entendemento continuo coa administración.

Consello seminal
Pola banda dos consellos municipais de cultura, unha das iniciativas máis recentes foi a de Tomiño. Coma noutros casos, neste concello optouse por crear un organismo consultivo que, no entanto, nace coa vocación de evoluír ata xestionar a política cultural local. Segundo Xesús Castiñeira, concelleiro de Cultura e promotor desta iniciativa, “no fondo da decisión está o tratar de democratizar un pouco a xestión da cultura e facer máis participes das decisión e das estratexias culturais ás asociacións e ás persoas que mais saben sobre isto. Queremos que a xente saiba que se conta con tela”. Nese sentido, o organismo naceu incorporando membros de case unha vintena de asociacións locais aos que se sumaron a título individual cinco persoeiros destacados no ámbito da cultura. A maiores, Castiñeira apunta o obxectivo de que “a medio ou longo prazo, o concelleiro de cultura sexa un mero coordinador dos orzamentos e na apliación dos recursos. Existe un compromiso persoal meu en que as decisións do Consello se teñan en conta, sempre que se tomen de xeito reflexionado”. De feito, non desbotan a posibilidade de, vendo como avanza o proxecto, se chegue a crear un Padroado con entidade propia “que tamén permita a diferentes entidades achegar fondos e darlle máis forza ao proxecto”. A proposta de Tomiño pretende servir como referente para que outros concellos do contorno aposten por un sistema participativo no deseño das súas políticas culturais. Malia a este vocación de continuidade, polo de agora o regulamento do Consello da Cultural Local contempla que este se renove logo de cada convocatoria electoral. “Aínda que debería existir consenso abondo para que seguise funcionando de xeito independente, mentres non cheguemos a esa situación preferín que cesase co goberno. O desexable é que sexa un órgano apolítico que sirva a calquera goberno e sexa totalmente aséptico, e ese é un dos obxectivos cos que nace", adianta o concelleiro.

A aposta capital
A nivel de grandes cidades, a última que apostou por unha iniciativa deste tipo foi Compostela. Segundo explica o responsable da concellaría correspondente, Néstor Rego, “pareceunos que esta fórmula é a que máis se axeita á realidade local e mesmo a nivel normativo, xa que en leis coma de Bases de Réxime Local está prevista a existencia de consellos asesores para a participación cidadá”, explica. Un dos traballos fundamentais que terá que abordar ao pouco de se constituír este organismo será colaborar na elaboración dun Plan Estratéxico de Cultura. Esta ferramenta, prevista cunha vixencia de oito anos, deberá guiar as actuacións institucionais neste ámbito. “Entendemos que este documento será o de máis interese para debater no Consello, entre outras razóns porque se trata de facer unha folla de ruta para asentar Compostela coma unha capital cultural de referencia e consolidala como unha cidade na que, alén de divulgación, hai tamén un enorme potencial na creación de produtos culturais”, sinala Rego.

Permanencia
De calquera xeito, o organismo nace con vocación de manter o seu traballo alén da aprobación dese plan, e de feito está previsto que a súa renovación se faga de xeito autónomo a respecto das eleccións municipais. “A idea é conseguir que non haxa ningún momento de parálise na actividade do Consello. Se a renovación coincidise coas eleccións, podería supor un período de seis meses ou un ano para botalo a andar de novo. Así conséguese que no primeiro pleno municipal logo das eleccións se designen os representantes do Concello no organismo e que sexa despois dun ano cando se renovan os diferentes sectores, permitindo que estea a andar de xeito inmediato”, explica Rego. Esta fórmula, así coma outras peculiaridades do regulamento do organismo, derívanse en boa medida da experiencia que existe no concello con órganos consultivos. “No consello hai xa unha ducia de consellos sectoriais a funcionar, e tivemos en conta tamén a experiencia doutras cidades. Apostamos por un modelos amplo de consello porque pensamos que hai mecanismos, coma comisións e grupos de traballo, que permiten funcionalidade nos debates e nas propostas”, completa o concelleiro. Está previsto que para o vindeiro mes de xullo quede fixada a formación inicial deste órgano, no que estarán representados, alén dos colectivos culturais locais, as industrias do sector con presenza na cidade e mesmo organismos, coma o Consello da Cultura, a Universidade ou a propia Consellaría de Cultura, que desenvolven o seu traballo deste a capital. É posible que a ambiciosa aposta compostelá sexa un exemplo que anime a outros concellos a apostar por unha fórmula que, en maior ou menos medida, facilita a implicación social no deseño das políticas culturais.