A gala dos premios María Casares homenaxeará os profesionais que fan posible o teatro

Todos queren a María

Comeza a conta atrás. Mañá entregaránse na Coruña (Teatro Rosalía, ás 20:30 horas) os premios que pretenden recoñecer as mellores producións dramáticas do último ano. Falamos cos directores das tres montaxes favoritas “As últimas lúas”, “Noite de Reis” e “A Piragua” para que nos conten as súas impresións sobre o teatro. Será unha noite na que se homenaxeará a todos aqueles que fan posible que haxa teatro, electricistas, vendedores de billetes, porteiros….Érguese o pano.

Unha das máximas do teatro é que “o espectáculo debe continuar”. Por iso, cando faltan case vinte e catro horas para que comece a gran festa do teatro, sacamos aos directores dos seus ensaios para preguntarlles como se viven os momentos previos a esta reválida. “Se temos en conta que son os premios que vota a propia profesión resulta realmente destacado porque é o recoñecemento que che dan os compañeiros” asegura Quico Cadaval, candidato a mellor director por “Noite de Reis. Ou o que queirades”, a montaxe do Centro Dramático Galego, finalista en nove categorías. “A que me fai máis ilusión de todas é o de mellor espectáculo, asegura Cadaval, porque é un premio colectivo. Isto aínda non é como en Hollywood e nos Goya, que este premio o recibe o produtor, senón que aquí se reparte a cousa entre todo o equipo”. Unha categoría que tamén lle fai especial ilusión a Ernesto Chao. “Gustaríame levar o premio ao mellor espectáculo pero témolo moi difícil porque os outros dous son moi bos. Entendo que para un votante non involucrado nos espectáculos lle resulte difícil decidir” asegura Chao que está especialmente satisfeito pola resposta do público. “Este espectáculo para nós era todo un reto porque polo propio texto podía ser arduo. Pero pasado o medo inicial vimos que o público estaba esperando este tipo de espectáculo e isto foi o que máis satisfacción. Isto nos decanta por unha liña a seguir”.

A gala
A gala vai resaltar os oficios que hai arredor do teatro, a xente que fai posible que haxa unha función máis alá dos actores e dos directores, senón que ten que ver con esas profesións que habitualmente no quedan recoñecidas: os porteiros, os que venden os billetes.... sobre esas profesións tan invisibles como necesarias. Canda isto, haberá tamén animación na Rúa Real da Coruña e algunha cousa máis que se irá desvelando a medida que tamén se vaian coñecendo os gañadores de cada unha das candidaturas. Canda isto, o escritor Suso de Toro será o encargado de ler o manifesto que conmemora o trinta aniversario do teatro profesional do país e no que apunta, entre outras cousas, que “aínda ten que inventar o seu público. Mais ese é o condicionante que ten case calquera actividade social ou artística no noso país, un país por facer: un país sen masa crítica cívica, con moi débil vida urbana…, con pouco público”.

As materias pendentes en trinta anos
Os tres directores coinciden en que nestes trinta anos de profesión non está todo conseguido. Pero o principal campo de batalla é o público. Quico Cadaval asegura que “o público é irregular, pero non só no teatro senón en toda a cultura galega. Habería que seguir sempre buscando un diálogo co público, consideralo como un público adulto. O público é igual e máis listo ca nós e debería deixar de consideralo como tonto”. Ernesto Chao considera que “hai bastantes materias pendentes, pero o primeiro é acabar de conectar co público”. “É a gran materia pendente” asegura Cándido Pazó que cre que “cando se di público dise programacións regulares, fomentar hábito, que o público coñezas as programacións e que teña un espírito crítico. Malia que avanzamos moitísimo, para min é tan importante esta que esquecería provisionalmente as outras”.

Pero hai outras. Para Ernesto Chao hai que “quitarse o sambenito de teatro galego, penso que non existe ese teatro en galego entre comiñas, senón un teatro en galego. O teatro galego como signo de identidade non existe ou non debe existir. Salvo o idioma non debe de diferenciarse doutras formas de facer teatro da Península”. No caso de Quico Cadaval “o primeiro traballo de todos nos é eliminar as pantasmas, eliminar esa desconfianza, esas sospeitas de persoas interesadas de que os que estamos no teatro temos algún tipo de vontade política, que creo que é moi pernicioso. Os autores e creadores parece que temos que demostrar algo que non é, e ademais, facer bos espectáculos.
Manifesto de Suso de Toro: 30 anos de teatro(profesional) .
Documento que lerá Suso de Toro no transcurso da gala de entrega de premios María Casares. Fonte: Asociación de Actores e Actrices de Galicia
Candidatos aos XII premios de teatro María Casares .