Exponav achega a Ferrol a historia da construción naval

Como construímos o mar

En sabendo a tradición marítima e de construción de buques que existe en Ferrol, non é de estrañar que sexa esta cidade a que alberge Exponav. O proxecto, que ocupa o antigo edificio de Ferrarías, consiste nunha exposición permanente que quere explicarlle ao público profano as dificultades desta arte, ao tempo que achega un percorrido histórico sobre a mesma. A maiores, este novo espazo quere servir para que o sector poida reflexionar e investigar o seu futuro. Unha aposta completa.

Son máis de catro mil metros no que antano fora parte do Arsenal Militar de Ferrol os que se albergan Exponav, a Exposición Permanente sobrea a Construción Naval. O edificio das Ferrarías foi rehabilitado ao xeito do século XVIII incluíndo as máis recentes técnicas para facer del un espazo sustentable. “O proxecto naceu xa a comezos dos anos noventa coa intención de crear unha mostra da construción naval española”, explica José Castro Luaces. Este almirante é tamén xerente da Fundación para o Fomento e o Coñecemento da Construción Naval, coñecida coma Fundación Exponav, que se creou especificamente para este proxecto. “Viuse que o esforzo era tan grande que non abondaba cunha mostra itinerante, e entón apostouse por este formato”. Desde aquela, cumpriu a implicación do 1% cultural do Ministerio de Fomento, o de Defensa e a Consellaría de Cultura entre outras entidades ata completar os cinco millóns de investimento cos que se quere desenvolver unha mostra que sexa un referente mundial.
Do estaleiro ao museo
A cuestión de musealizar a construción naval é sen dúbida complexa. Segundo explica o almirante José Castro Luaces, xerente do proxecto, “O problema de crear un discurso museolóxico da construción naval é que falamos dun compendio de técnicas e de ciencias, que van desde as matemáticas á física, a química ou a metalurxia, e difícil de explicar”. A través de sucesivas versións, resumos e revisións sobre como tratar distintos ámbitos, e coa participación de empresas xa especializadas na elaboración de proxectos deste tipo, creouse finalmente un percorrido por diferentes áreas temáticas. “A idea era facer unha presentación que fose agradecida para o visitante e accesible para todo o mundo”, lembra Castro Luaces. “
Mar didáctica
Deste xeito, a vocación didáctica da mostra imponse desde a mesma entrada. “No primeiro momento explícase o que é un barco de xeito que o entenda todo o mundo”. A continuación, a mostra pasa a se centrar nas diferentes modalidades de construción naval seguindo unha orde máis ou menos cronolóxica. “Vese como evolúen os estaleiros, o proceso de botadura, ou o xeito en se empregaba a madeira” explica o xerente do proxecto. “Aquí temos, por exemplo, un bote polbeiro de nove metros cortado lonxitudinalmente para que se vexa o seu interior ou un pesqueiro de madeira dividido en tres seccións”. Continúa o percorrido polos procesos de construción en ferro e en aceiro e a evolución dos planos “desde a única folla que eran nos séculos XVII e XVIII ata a todas as carpetas que ocupa un proxecto actual”, lembra o almirante. Logo da construción amósase como funciona un barco no mar. Aí ten o público á súa disposición toda unha serie de contidos multimedia “un autómata, una maqueta dun buque, pantallas onde se pode ver a estática e a dinámica dun barco” e mesmo un tanque interior no que os visitantes poderán manexar dous modelos de embarcacións a escala.
Pezas reais
Para alén das dificultades inherentes a explicar o proceso de construción, facer unha mostra sobre este tema ten aínda complicacións engadidas, especialmente polo tipo de pezas que cómpren para explicalo. “As pezas de construción naval son moi caras de rehabilitar e teñen serios problemas para se presentar”, lembra Castro Luaces. “Durante moito tempo estivemos tentados de resolver informaticamente moitas destas cuestións, porque é máis sinxelo facer filmes do que ensinar as pezas reais. Finalmente chegamos a un punto intermedio entre as dúas vías, e incluímos tamén pezas de época que pensamos debe ver quen queira coñecer o que é a construción naval”. Entre elas, para alén das xa comentadas, atopamos mesas de deseño, caldeiras de vapor abertas, pranchas remachadas ou tubos soldados, lámpadas, unha máquina de radiografías, sextantes, remos, velas, distintos tipos de hélices, motores e servomotores de distintas épocas, reconstrucións de camarotes ou unha báscula-áncora. Todos eles contextualizados e explicados.
Vindeiros pasos
Logo da inauguración oficial o pasado dez de marzo, o museo ten pendente a súa vindeira apertura ao público, que se agarda sexa inminente logo de rematar os últimos detalles para que a visita sexa sinxela e segura. “O seguinte paso é rematar o primeiro andar, que pretendemos estea en marcha este mesmo ano”, explica o xerente. Este espazo estará centrado no marco histórico da construción naval. “Vaise amosar a historia do edificio e o que pasaba neste mundo desde o XVIII para acó baixo pabillón español, cos estaleiros da Habana ou de Filipinas, por exemplo. Amosarase unha tipoloxía dos buques que se construían e logo cuestións coma os portos, as compañías navieiras e tamén unha zona dedicada á bibliografía”, completa. Será tamén neste andar onde se estableza o espazo de mostras temporais, para o que xa está previsto unha programación de dúas exposicións anuais.
I+D no museo
Alén do puramente expositivo, Exponav quere servir como espazo de reflexión para un sector tan complexo nos últimos tempos como é o da construción naval. Deste xeito, a entidade organizará diferentes simposios para tratar distintos ámbitos da cuestión. A incidir no vencello profesional do proxecto, tamén se prevé un espazo centrado na Investigación e o Desenvolvemento. “É óbvio que para que a mostra teña valor, ten que estar actualizada e debe permitir ver o estado do sector, a súa evolución ao longo dos anos e como se debe evoluír”, apunta Castro Luaces, “pode ser un escaparate importante e abrir vías por onde investigar”, asegura. Unha fiestra cara o futuro do mar.