Play Doc cumpre catro edicións converténdose nun referente a nivel internacional

Un play para un documental

“Nós comezamos sempre desde moi abaixo, xa non desde cero, senón desde menos nove e así, imos pouco a pouco, explorando sempre novos camiños” asegura Ángel Sánchez, codirector de Play Doc. Quizais sexan estes os ingredientes do éxito deste festival que con só catro edicións se converte nun referente internacional e que non para de medrar. Desvelamos as claves e repasamos o programa desta edición que comeza mañá en Tui.

Os seus 100.000 euros de orzamento, os cinco días de programa e a súa colocación atípica no mapa de festivais (sitúase en Tui, unha localidade sen ningunha tradición cinematográfica) indican un festival modesto, de medio formato para o que son os festivais de cine. Pero se nos fixamos un pouco máis e vemos que ten unha traxectoria de só tres edicións, un éxito de público (o 70% chega de fóra de Tui) e que este ano recibiu máis de seiscentos traballos chegados desde máis de corenta países, vemos que algo acontece en Play Doc, que o converte nun certame moi especial. Unha selección esmerada, unha programación moi coidada e un xénero en boga converten este festival nun referente a ter moi en conta.

O documental, ese gran descoñecido
“Cada vez facemos unha selección máis arriscada” explica Angel Sánchez, codirector do Play Doc, e que considera que o seu éxito se debe á imaxe moderna do festival, ás actividades paralelas, sempre relacionadas co audiovisual, e a un público entregado. “Non hai un perfil tipo de público, en parte aquí está o éxito; hainos de aquí, de Tui, pero tamén os hai que chegan doutras partes de España, que están máis acostumados a ver este tipo de cine e que nos dá ese empuxe para seguir medrando” asegura. Pero tamén a que apostaron por un xénero infrecuente como é o documental. “É certo que non é un xénero habitual, hai poucos festivais deste tipo, e o resultado sáese un pouco do convencional, porque non hai grandes produtoras por detrás, nin tan sequera a televisión programa este tipo de traballos. De feito, cando comezamos tiñamos que explicar que era isto do documental, que non era científico, nin didáctico, e introducimos un concepto novo no ámbito cultural”. E deron coa fórmula do éxito.

Foi así como Play Doc, foi mergullándose en novos horizonte, explorando novos camiños e buscando traballos cada vez máis independentes e arriscados. “Ese risco de seguir medrando e ese empuxe que notamos grazas ao público” asume Ángel Sánchez. Pero sobre todo, cun programa coherente e ben feito onde todo pasa polas “catro mans” de Ángel Sánchez e Sara García, as dúas persoas que fixeron posible o Play Doc. Concibiron un programa para cinco días de festival onde as proxeccións se combinan con actividades paralelas que, ademais de interesantes, teñen moito que ver co documental. “Todos as actividades paralelas, como poden ser os concertos, as exposicións teñen unha relación moi directa co festival, un feito que fan de gancho para xente que non están implicadas co audiovisual” asume Ángel. E a fórmula funciona.

O reto: seguir medrando
“Somos un festival pequeno en canto a días, son 5 días que podería entrar algún filme máis, pero hoxe por hoxe decidimos non ampliar, porque non queremos facer unha sección competitiva que dure 16 horas diarias. Sería inviable” asegura o director. E por aquí poden ir as miras de cara o futuro. Malia que Ángel non é moi partidario de falar do que pode ser, prefire ir dando pequenos pasiños en cada edición e ir explorando cada vez novos camiños. Son moitas as frontes por medrar e só dúas personas para organizar todo.

Este ano, volven dar un paso cara adiante na produción de determinados documentais. Comezaron no 2006 con “Fronteiras” e agora repiten experiencia con “Nacional VI” de Pela del Álamo, que se presenta nesta ocasión. De momento, son tímidos intentos que evidencian un interese por axudar na produción deste tipo de traballos. Non o fan achegando cartos, senón contactos, abrindo portas e ofrecendo solucións. Unha vía tímida para un festival ao que lle falta tempo e persoal para ver o que pode dar de si.

Para esta edición
Para abrir boca, o festival comeza cunha película Georgi Lazarevski, que estivo o ano pasado no Play Doc e que presenta “O xardín de Jad”, no que fala da historia dunha residencia de anciáns moi próximo ao leste de xerusalén, onde se está a construír o polémico muro que separa israelís de palestinos. A denuncia social, inherente ao xénero documental, está máis presente que nunca nesta edición do festival no que hai un capítulo dedicado á violencia de xénero. “Os documentais animados que estarán por aí pululando, a clase maxistral de Leo Kovalski, que achegará un xeito de facer documental moi arriscado e moi innovador e unha cita imprescindible para os amantes do cine independente” son algunhas das referencias a ter en conta para esta cita.

Entre as cita a anotar no calendario están os tándems concerto+documental. O venres 14, estará “Rossenberg trío” que virá acompañado da proxección de “Jimmy Rossenberg- o pai, o fillo e o talento” que conta a historia de Jimmy, un rapaz que con 13 anos estaba considerado o mellor guitarrista do mundo, pero que cae nunha espiral de drogas que, sen mermar a súa calidade como músico, complica a súa traxectoria musical. O sábado, a outra cita dobre é a que trae o concerto de Siniestro Total xunto coa proxección do documental “Que parezca un accidente”, no que se conta nos 25 anos de traxectoria do grupo vigués.