Os estereotipos que as postais amosan do noso país apenas mudaron en cen anos

Un país de postal

6/3/2008 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
32 lecturas | Compartido 0 veces
Todos as temos visto. Mozos e mozas vestidos cun traxe máis ou menos tradicional ao carón dun carro de vacas. As postais que retratan o noso país levan máis dun século a amosar unha imaxe de nós mesmos que non sempre está moi relacionada coa realidade. O antropólogo Paulo Jablonski fixo unha primeira achega a este mundo de imaxe, e descubriu que hai constantes entre a representación da Galicia de hoxe e a de finais do século XIX.
“A fotografía en si é xa unha imaxe esterotipada. Poucos de nós temos unha foto no baño, cando se tiran faise cunha pausta social. E as postais levan iso á máxima expresión. Ao se enviaren e distribuíren supoñen toda unha carta de presentación colectiva”, explica este investigador por que se dedicou a reflexionar sobre este medio. Segundo recoñece, no seu interese hai “un certo gusto persoal polas postais e a fotografía”. Desde un punto de vista máis académico, Jablonski sinala que a Antropoloxía da Imaxe non se desenvolveu apenas no noso país, “En casos coma o da colonización británica de África ou o da francesa en Alxeria, as fotografías eran o auténtico brazo visual do colonialismo coas súas representacións”, explica. A orixe da postal A nivel histórico, as reflexións deste investigador levárono á explosións das postais a finais do século XIX. “A primeira postal faise no Estado Español en 1896, e suponse que por esa mesma época xurdirían as primeiras en Galicia”, explica. De xeito curioso, neste primeiro momento, o produto xorde coma un obxecto de colección. “Hai unha grande explosión de coleccionistas que intercambiaban postais e tiñan mesmo revistas de cartofilia”, lembra. De feito, e segundo análises coma a que realizou Núñez Seixas encol das relacións epistolares dos galegos coa emigración, estes cartóns apenas eran empregados para se comunicar cos ausentes. “As cartas eran o único xeito que tiñan para se comunicar, e dan contar máis. As poucas que aparecen son de felicitación ou de santos”, explica. “A socialización e o emprego masivo das postais ven a partir dos anos sesenta, e teñen máis o sentido de `eu estiven aquí´ favorecendo o elemento transmisor da imaxes”. A mirar polas postais de Galicia, Jablonski explica que as súas reflexións centráronse “nas postais nas que aparecen persoas. Non fixen análise dos bodegóns barrocos dos anos sesenta nin das imaxes de cidades”. Nese sentido, “comecei a ver pautas que se repetían tanto en postais do século XIX como do XX en canto ás persoas galegas que se podían ver”. Como rapidamente podemos adiviñar, en todos estes anos predominaron as imaxes de persoas vestidas con traxe máis ou menos tradicional en contornos rurais e mariñeiros, pero hai diferenzas segundo a época. As primeiras fase “Na Idade de Ouro das postais, entre finais do século XIX e o final da I Guerra Mundial, existía un modelo galego de postal que foi a base da que despois se nutriron as postais do século XX. Nela amósanse figuras supostamente galegas en escenas populares, mariñeiras ou agrícolas”, explica este investigador. “Maiormente son persoas de clases baixas, no caso de que se retraten clases altas aparecen en contexto moi determinados, coma balnearios ou ceas”, completa. Desta mesma época son series de “tipos do país”, “son persoas que se retratan por parellas ou individualmente ataviados cunha interpretación do traxe tradicional que se lle apón ao conxunto do país”, indica. Malia ás melloras técnicas da fotografía que deron a partir dos anos 20, non se pode dicir que houbese moita evolución na imaxe que lle dábamos ao mundo a través destas tarxetas. “Hai unha repetición dos modelos. Tamén se empregan escenas populares de canto e baile, e cando aparecen persoas co traxe tradicional son de extractos ruralizados ou mariñeiros, non se ven imaxes das cidades”. A difusión No entanto a apoteose desta tendencia chegaría cara aos anos sesenta. “Dáse unha terceira etapa do franquismo caracterizado polas fantasías costumistas. É dicir, “a xente xa non aparece co traxe tradicional, mais co que se toma coma traxe tradicional, e reflicten características do que se supón debería ser o galego. Persoas do medio mariñeiro e rural, despreocupadas, pacíficas e harmónicas”, explica. “As persoas aparecen descolocadas, con traxes supostamente de gala imitando facer tarefas agrícolas, onda un carro de bois, unha meda ou un canastro. Tamén hai moitas bailando ou cunha parella que simula o cortexo”, completa. Para Jablonski, esta tendencia relaciónase coa política estatal de “reducir as diferencias nacionais do Estado a elementos folclorizados coma o baile e a música”, explica, unha aposta na que tiñan un papel fundamental os grupos de coros e Danzas. Últimas modas Malia ás mudanzas políticas, a imaxe que damos nas postais non mudou moito desde a fin do franquismo. “Dáse unha repetición dos modelos que realmente é unha reedición, nos anos oitenta e noventa, de postais feitas nos sesenta. De volta non vemos ningunha imaxe de galegos como irían vestidos nesta época. En moitos casos fanse pequenas variacións, introdúcese unha marxe branca na imaxe ou inclúese un rótulo”, completa. A última reviravolta nesta mesma tendencia prodúcese “a finais dos noventa e comezos dos anos 2000, cun intento de voltar ao realismo costumistar recuperando fotografías antigas, onde ás veces aparecen persoas de clases sociais baixas en branco e negro, dándolle un halo de antigüidade que evita enfrontarse á realidade galega actual”. Causas Este antropólogo avanza a súa visión sobre como é posible que teñan variado tan pouco a imaxe dos galegos neste medio. Segundo el, “Mantéñense t un pouco porque, como se ve noutros planos da vida, aínda está aí unha pegada do franquismo. E iso vese especialmente no mantemento de estereotipos, sobre todo referidos ao caso galego”, explica. Para alén “desde o ámbito galego non se tomou a serio aínda o coidado da construción da identidade cultural ou nacional a través de elementos coma as postais. Levamos moitos anos de Autonomía e non ser revisaron reflexivamente os modelos tanto a este nivel coma a outros”, completa. Liñas de desenvolvemento Malia ao interesante das súas conclusións, Jablonski advirte que estas son produto de “reflexións nas que se mestura a formación académica, a profesional e tamén o gusto persoal”. Nese sentido, apunta as liñas de traballo que cumprirían para sistematizar este estudo. “Falta analizar os emisores e os receptores destas postais, e investigar as fábricas, que hai algunhas que son as que concentran a produción desde os anos cincuenta e sesenta. Mesmo se podería entrevistar a xente que facía de modelo para as imaxes, hai moita que aínda vive e que se repite en moitas postais diferentes, eran auténticos modelos profesionais”.

Universo culturagalega.gal

03/08/2018

Ollarnos a través da festa

As celebracións declaradas de interese turístico achegan unha imaxe do país non sempre achegada á realidade