O MARCO achega a retrospectiva máis importante sobre a animación artística

Políticas animadas

4/3/2008 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: Arte
3 lecturas | Compartido 0 veces
Que sabemos da animación? Posiblemente pouco. Que é un xénero adscrito aos debuxos animados e que está en boga no mundo cinematográfico. Pero isto é só unha pequena parte. A animación é moito máis, é unha das formas de expresión artísticas contemporáneas máis fortes e innovadoras. “Xeopolíticas da animación”, a última mostra do MARCO, fai un percorrido por este tipo de animación, a que se recolle desde o punto de vista da arte. Descúbrea na nosa fotogalería!
“Todos almorzamos, merendamos e ceamos coa animación” asegura Juan Antonio Álvarez, comisario da exposición “Xeopolíticas de animación” que acaba de inaugurar o Museo de Arte Contemporánea de Vigo e que nos achega a unha animación diferente do que estamos acostumados a ver. Como o traballo de Zhou Xiaohu (Changzhou, 1960), un artista que vai pintando figuras animadas sobre o seu cuerpo nunha historia de sexo e humor; ou o surafricán William Kentridge que con carbón e un toque de vermello ou azul pastel creou animacións nas que ten unha maneira peculiar de representar o seu pais, como pode ser o curioso modo de vida dos brancos durante o Apartheid. Mostras que evidencian que a animación ten un punto de vista artístico e que a arte non é allea á política.

Xeopolítica
“Cremos que a animación non é algo inocente, senón que conta unha maneira de contar o mundo” explica o comisario da mostra. Para defender a súa tese, Juan Antonio Álvarez tomou como modelo o libro de Frederick Jameson que se titula a “Estética geopolítica”, que analizaba a política mundial a partir da cinematografía de cada país, e tróuxoo ao campo da animación. “Se o cine que xurdía en diferentes lugares era distinto e tiña a súas propias representacións simbólicas, no mundo da animación pasaba algo semellante” apunta.

Álvarez eleva un lustro traballando sobre a animación no campo das artes visuais, e descubriu o potencial expresivo en diferentes partes e sentidos. Ese traballo de investigación e reflexión tivo a súa saída cando o Centro Andaluz de Arte Contemporáneo (que xa espuxo a mostra) e o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, MARCO. Por todo isto, a exposición é un mapamundi artístico das diferentes formas de expresión de valores e modelos culturais. Burkas, veos, conflitos raciais son algunhas das iconas que se poden ver reflectidas nesta mostra.

“Tendo en conta que a animación nos fai baixar as barreiras e os prexuízos”, explica Juan Antonio “gustaríame que a xente pudiese comprender a constitución política do presente e que vea como as formas van dun lugar a outro, e como cando migran van mudando de significado”.

A exposición (que estará ata o 1 de xuño na planta baixa do MARCO) compleméntase cun ciclo de proxeccións e varias actividades paralelas. “O programa de vídeo “Historias de aquí” son dúas horas de visionado que reflexiona sobre o significado da animación, ademais de facer un percorrido polo presente da animación española” explica Juan Antonio. Canda el, un obradoiro permitiralle aos máis pequenos realizar as súas animacións e reconstruir os seus propios universos.

Universo culturagalega.gal