A información sobre o audiovisual galego repítese en máis de dez portais de Internet

O portal está de moda

Na rede existen máis de tres catálogos de producións audiovisuais feitas no noso país ademais de múltiples portais nos que coñecer a actualidade informativa. Isto, sen ter en conta que cada produtora conta co seu propio sitio web no que dá conta dos seus traballos. No fondo acaba por evidenciar unha abondosa redundancia informativa tanto en sitios mantidos por entidades públicas como privadas.

Audiovisualdegalicia.es, Axenciaaudiovisualgalega.org, AVG, cinegalego.es, Consorcioaudiovisualdegalicia.es…. son só algúns dos nomes dos dominios que existen na rede con información relativa ao sector audiovisual. Desde que en 1996 Margarita Ledo crease, no seo da Universidade de Santiago, o “Observatorio do Audiovisual Galego” foron agromando múltiples iniciativas, iso si, todas abandeiradas baixo a intención de “fomentar e potenciar” o audiovisual da terra.

Similitudes e diferenzas
En primeiro lugar, o denominador común a todas as iniciativas que se manteñen na rede arredor diso que chamamos “audiovisual galego” teñen como principal fío común promover o audiovisual. Así, no web da “Axencia Audiovisual Galega” o obxectivo que figura “é consolidar un audiovisual con identidade de seu e fortaleza suficiente para situarse nun mundo globalizado”. Para a ferramenta “Cinegalego.es” o sitio web é “unha nova vía para a promoción e difusión das obras feitas en Galicia” e, entre os seus obxectivos, figura “promocionar o noso audiovisual e servir de apoio ás accións de márketing desenvolvidas polas produtoras e distribuidoras”. AVG, o primeiro portal informativo nesta materia leva a etiqueta de “O soportal do audiovisual galego”.

Todos os sitios web que aparecen detallados a continuación teñen unha sección informativa para atender aos feitos de actualidade, e ademais desta multiplicidade informativa hai tamén varios catálogos onde coñecer os detalles das producións. Pero non todos manexan as mesmas cifras. AVG ten 3.389 entradas (entre producións, entidades e profesionais), a Axencia Audiovisual Galega ten 3.625 (entre producións e profesionais), Cinegalego.es ten 246 traballos. Isto, máis o “agregador” de “Audiovisualdegalicia.es” que, tal e como se dixo na súa presentación pretende agrupar os contidos dos diferentes portais. Estes tres catálogos parten dunha mínima información común (sinopse, ficha técnica e ficha artística) pero hai diferencias notorias entre eles. Para comprobar as peculiaridades e as diferenzas recomendamos un paseo atento pola rede e, para os que o prefiran, aquí teñen unha análise de cada sitio web (ordenadas por data de creación do sitio web).

OBSERVATORIO DO AUDIOVISUAL GALEGO
Enderezo: ODA
Data: 1996
Entidade: Universidade de Santiago. Facultade de Ciencias da Comunicación. Dirixe Margarita Ledo.
Descrición: O Observatorio do Audiovisual (ODA) forma parte do programa TV e interculturalidade: Comunicación na Periferia Atlántica" do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. O ODA ten por obxecto o seguemento sistemático da producción, modo de financiamento e circulación das obras cinematográficas e audiovisuais galegas, a súa catalogación e a actualización permanente dunha base e datos e documental arredor desta ponla da industria da comunicación e da cultura. Creado en 1996 o observatorio está dirixido por Margarita Ledo.
Contidos:
-Informe Televisión e Interculturalidade en Bretaña, Galicia e País de Gales (1997-1998)
-Cara un servicio europeo de televisión en linguas minoritarias (1998 - 1999)
-Catálogo de produccións galegas (1997 - 1998)
-Catálogo de produccións galegas (1999 - 2000)
-Catálogo de produccións galegas (2001 - 2002)


ASOCIACIÓN GALEGA DE PRODUTORAS INDEPENDENTES
Enderezo: Agapi
Data: A entidade foi creada en 1994 (sitio web 1998, a última renovación do sitio web é de xullo de 2007)
Entidade: Asociación Galega de Produtoras Independentes
Descrición: Esta entidade, que desenvolveu un papel clave no desenvolvemento do audiovisual galego, renovou o seu sitio web en xuño de 2007. Naquel momento, a súa presidenta Dolores Ben, anunciou que se trataba dunha ferramenta importante “para dar a coñecer as producións das 35 empresas que constitúen AGAPI”.
Contido:
-información corporativa
-listado de empresas
-catálogo
-revista (información de actualidade)
Catálogo:
144 producións diferenciadas por formato, xénero ou empresa (as fichas de cada entidade conteñen información básica: sinopse, equipo técnico, localizacións, clasificación da película)

AVG. O SOPORTAL DO AUDIOVISUAL GALEGO
Enderezo: AVG
Data: outubro de 2000 (De 2000 a 2003 chamouse “Cinema soportal” e desde entón pasou a chamarse AVG)
Entidade: Consello da Cultura Galega
Descrición: A canle temática de audiovisual que se integra dentro de Culturagalega.org, o portal de divulgación cultural que mantén o Consello da Cultura Galega. AVG foi presentado ao público en xaneiro de 2003 e conta con dous piares: un informativo (reportaxes e novas) e un de catálogo permanente do sector (que se pode incorporar a outros sitios webs desde novembro de 2007)
Contido:
-información (novas, reportaxes)
-historia
-documentos
-catálogo
-certamen
-servizo de boletíns
Catálogo:
-Produccions 839
-Persoas 2140
-Entidades 419
-Material multimedia:
-40 dossieres
-981 fotografías
-4 guións
-3 manifestos
-9 informes
-47 cancións
-4 citas de audio
-44 mostras de bandas sonoras
-166 vídeos íntegros
-4 entrevistas en audio
-15 making
-189 trailers
-4 vídeoclips


ASOCIACIÓN DE EMPRESAS GALEGAS DO AUDIOVISUAL
Enderezo:: AEGA
Data: Constituída en xullo de 2001 por 9 empresas do sector audiovisual galego
Descrición: Ten como principais obxectivos fomentar a relación entre os seus asociados, velar polos seus intereses nos pertinentes foros e promover e impulsar o desenvolvemento e internacionalización dun sector estratéxico como é o audiovisual.
Contido:
-información corporativa
-actualidade (novas, convocatorias, estreas e ligazóns)
-catálogo
Catálogo:
Fichas das 9 entidades que a agrupan


ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL
Enderezo: Academia
Data: 17 de maio de 2002
Entidade: Entidade de dereito público formada por profesionais do sector.
Descrición:Entre os obxectivos da Academia, tal e como figuran no seu sitio web, figura “desenvolver, identificar e promover as necesidades de todos os profesionais do panorama audiovisual galego en todas as súas vertentes; académica, creativa, industrial, técnica, artística, cultural e mesmo científica, promovendo o recoñecemento social e profesional de tódolos membros e auspiciando a normal participación de todos”.
No fondo, isto é o que desenvolve a Academia cun sitio web no que pretende dar cobertura a todos os seus socios
Contido:
-información corporativa
-información actualidade do sector (novas, reportaxes…)
-galería fotográfica
-documentos
-axenda


CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA
Enderezo: Consorcio
Data: Entidade creada no 2002 e o sitio web no 2003
Descrición: Entidade de dereito público de carácter interadministrativo, con patrimonio e personalidade xurídica propia e co fin primordial de contribuír ao desenvolvemento e consolidación do sector da imaxe nesta comunidade.
Descrición: O sitio web contén parte da actividade diaria realizada por esta actividade. A súa creación vén contemplada na Lei 6/1999 de 1 de setembro. Se nun primeiro momento, foi a entidade convocante das axudas ao audiovisual que lle correspondían á Secretaría Xeral de Comunicación, últimamente destínase só as actividades de formación e divulgación do audiovisual.
Contido:
-Información (actualidade)
-convocatorias de axudas
-Publicacións
-Legislación
-Ligazóns
-Catálogo
Catálogo:
Actualmente esta sección non se atopa disponible na rede.
Desde o 2003 o Consorcio, dentro da súa actividade de divulgación puxo en marcha unha serie de catálogos que estaba máis unidos a unha campaña de promoción e divulgación das producións galegas. Naceron así “Curtas” e “Documentais” que contan xa con varias edicións anuais.



CLÚSTER DO AUDIOVISUAL GALEGO
Enderezo: Clúster
Data: Febreiro de 2003
Descrición: O Clúster do 2003 nace en febreiro de 2003 como organización independente para consolidar a produción do sector a nivel empresarial. Entre os proxectos que ten previsto desenvolver para este ano, ademais da posta en marcha da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega (que pretende impulsar todos aqueles produtos relacionados coas tecnoloxías audiovisuais en rede. Principalmente en tres ámbitos: formatos e deseño de contidos; animación e xogos; e sistemas avanzados para a produción e a xestión) e o proxecto “Vixía (para orientar as empresas nas súas tomas de decisión) está a pubicación na rede dun catálogo sectorial. En decembro de 2006, o presidente do Clúster e o conselleiro de Innovación asinaron un convenio para por na rede un catálogo. A información deste proxecto, que estará operativo ao longo deste ano, chéganos a través da súa memoria de actividades 2007 que explica que “obterá información relevante e actualizada sobre as empresas, os seus produtos, a súa área de actividades, contactos e páxina web).
Contido
-información (novas, entrevistas, billeteira, axudas, histórico)
-axenda
-ligazóns de interese

ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES DE GALICIA
Enderezo: AAAG
Data: 1985 de creación da asociación, sitio web de 2004.
Descrición: É unha entidade sen ánimo de lucro con personalidade xurídica propia que actúa como organismo autoxestor e autónomo agrupando aos/ás actores/actrices e directores/as de Galicia. A AAAG ten a súa sede en Santiago de Compostela e desenvolve as súas actividades principalmente en Galicia.
Contido:
-información corporativa
-actualidade informativa
-servizos da asociación
-publicacións
-foros
-catálogo
Catálogo:
146 actores (con descrición física e contidos)

OBSERVATORIO AUDIOVISUAL
Enderezo: Observatorio
Data: xullo de 2005
Entidade: Secretaría Xeral de Comunicación. Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual
Descrición: A súa finalidade, segundo figura no seu sitio, “proporcionar unha información permanentemente actualizada sobre o sector audiovisual, dirixida aos axentes implicados, tanto empresas como institucións
Contido:
-estadísticas (do sector, de audiencias de mercado)
-listaxes (producións feitas en Galicia, empresas…)
-marco normativo
-Centro de documentación (publicacións feitas en Galicia)
É o material que mantén o Libro Branco do Audiovisual, documento do que, a día de hoxe, só hai unha edición (a de 2005 e elaborada pola Consellaría de Cultura que mantiña Pérez Varela).

CURTAS NA REDE
Enderezo: Curtas
Data: 7/03/2006
Entidade: A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual
Descrición: O sitio web explica que “esta iniciativa naceu co propósito de explorar a creatividade de calquera persoa con inquedanzas na creación audiovisual e conxugala cun novo escaparate: Internet. Esta é a aposta que permite Curtas na Rede: amosar toda a creatividade que está a latexar fóra da industria audiovisual galega, e, á vez, facer da rede un espazo de creación e comunicación”.
Naceu ao abeiro dun concurso cinematográfico do mesmo nome que pretende promover o audiovisual galego non profesional, e empregar a rede como telón de fondo. Todos os proxectos están colgados na rede
Contidos:
-curtametraxes nas diferentes categorías
-bases
-ligazóns ao blogs

AUDIOVISUALDEGALICIA.ES
Enderezo: Audiovisualdegalicia.es
Data: Reutilizado o 13/02/2008 (O 6/11/2006 foi presentada como un espazo na rede no que os escolares, estudantes das facultades de comunicación, das escolas de FP e todos aqueles interesados poidan subir o seu traballo. O proxecto tamén ofrecía servizos como buscadores, almacenamento para descargar en “streaming” os seus traballos e unha presenza continuada na rede)
Entidade: Secretaría Xeral de Comunicación Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual
Descrición:Na súa presentación pública chamóuselle a “porta de entrada única do audiovisual”. É un “agregador audiovisual” en tanto en canto os seus contidos proveñen de fontes externas relacionadas co audiovisual galego.
Contidos:
-trailers
-agregador de contados de diferentes fontes
-ligazóns


AXENCIA AUDIOVISUAL GALEGA
Enderezo:Axencia
Data: 28/11/2006
Entidade: Consellaría de Cultura. Dirixe Manuel González
Descrición: Na súa presentación no ano 2006 foi definida como a unidade relativa ao audiovisual da Consellaría de Cultura e que tiña como principal obxectivo “consolidar o audiovisual con identidade propia”. O sitio web era o lugar de encontro entre a empresa e os profesionais e para iso, a conselleira definiuno naquel momento como “a casa do audiovisual”. Daquela, Manolo González definiu o sitio web como unha ferramenta de traballo que ofrece información en tempo real de cada proxecto e que se centraba en catro aspectos:
-taboleiro
-oficina de produción (núcleo forte do produto web)
-actividades de promoción e difusión
-catálogo
Catálogo: Nesta sección figuran as fichas definitivas dos proxectos audiovisuais rematados -subvencionados ou non- e dos que dispón copia a Axencia Audiovisual Galega. Podes consultalos segundo diferentes criterios de busca.
- Producións: 1.732
- Profesionais: 1.893
Material multimedia
-11 guións
-34 imaxes
- Teasers e trailers do audiovisual galego: 5
- Videoxogos: 8
- Webs de peliculas galegas na rede: 12
- 74 vídeos completos (animación, curtas de ficción actuais, curtas de ficcion anos 80-90, curtas feitas nas escolas)

CINEGALEGO.ES
Enderezo:Cinegalego.es
Data: 13/02/2008
Entidade: Secretaría Xeral de Comunicación. Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual
Descrición: O Cine Galego Na Rede nace como unha iniciativa da Secretaría Xeral de Comunicación - Direción Xeral de Comunicación Audiovisual para promocionar o audiovisual galego a través de Internet.
Esta canle abre unha nova vía para a promoción e difusión das obras feitas en Galicia e tamén permite abrir unha nova ventá de explotación comercial, aproveitando as vantaxes de inmediatez e universalidade que ten a rede.
Os obxectivos fundamentais deste proxecto son:
- Facilitar o acceso os contidos audiovisuais as canles de televisión locais e da TDT, permitindo o acceso os datos fundamentais para negociar a súa emisión.
- A dixitalización das obras audivisuais galegas, facilitando o camiño cara ás novas demandas que se producirán no sector nos vindeiros anos.
- Clasificar as producións galegas seguindo estándares internacionais.
- Promocionar o noso audiovisual e servir de apoio ás accións de marketing desenvolvidas polas produtoras e distribuidoras.
Estas accións levaránse a cabo en tres fases, traballando de forma contínua para acadar os obxectivos no medio prazo. Este proxecto conta co apoio e colaboración de Televisión de Galicia.
Catálogo:
-Curtametraxes: 69
-Documentais: 54
-Longametraxes: 54
-Series de Ficción: 17
-Series documentales: 44
-TV Movies: 8