Galicia comezará a recibir soamente a TDT de xeito gradual a partir de decembro deste ano

Coberturas e sombras da TDT

Cada galego destina unha medida de 181 minutos para ver a televisión. Pero a tele, tal e como a estamos recibir hoxe, está a mudar de sistema cara a TDT (televisión dixital por ondas terrestres). E para poder seguir véndoa, a Xunta, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, elaborou un plan que contempla os pasos para que ninguén deixe de ver a televisión. Hoxe, o director xeral, Manuel José Fernández, presentou o calendario no que cesarán as emisións analóxicas, así como as infraestruturas que nos permitirán dar o cambio. Ademais, coñece no documento en cal é o prazo do teu concello.

Aínda que non o saibamos estamos xa inmersos no proceso de transición da televisión analóxica á dixital. Iso é o que explica que vexamos as cadeas tradicionais no mesmo receptor e que, ao mesmo tempo, tamén as vexamos no receptor TDT que todos oportunamente compramos. Pero chegará un tempo no que só as vexamos a través do TDT. Para iso, a Secretaría Xeral de Comunicación acaba de anunciar o despregamento, a través do operador público Retegal, 51 novos centros emisores de telecomunicacións para garantir a transición.

O calendario
E o calendario é escalonado e diferente en función das zonas. Os primeiros en recibir a televisión só en dixital (a través da TDT) son os veciños da Fonsagrada no vindeiro mes de abril. É aquí onde se desenvolve un proxecto piloto que se escolleu, en palabras do director xeral, “polas súas características de dispersión poboacional, do perfil do seus habitantes e as súas condicións de recepción de sinal”. Era o caso máis extremo e máis difícil para implantar a TDT, polo que as dificultades que se alí se presenten servirán de aprendizaxe para o resto do país.

A seguinte zona na que só se recibirá a TDT é Ourense Leste e Zamora Norte, que afecta a 44.184 habitantes. A de Santiago (que recolle desde Ames ata Negreira) deberá agardar ata xuño de 2009, as zonas de Meda e Ares ata decembro de 2009 e as últimas zonas será Domaio e o Páramo que serán para o 3 de abril de 2010.

A transformación tecnolóxica
Chegar á cobertura actual de televisión analóxica (a que temos hoxe en día) levounos máis de trinta anos, pero temos só cinco para adecuarnos ao novo sistema de televisión, a famosa TDT (televisión dixital por ondas terrestres). Un feito que indica o reto tecnolóxico de mudar as infraestructuras para que sexa posible poder ver a tele. Deste xeito, na rolda de presentación das infraestruturas o director xeral asegurou que a “Xunta fará todo o posible para garantir a máxima cobertura”, ao tempo que recoñecía que vai haber zonas de sombra, é dicir, espazos nos que non recibirán a televisión. Ademais, como servizo público que é, isto afecta só ás televisións de cobertura autonómica e só ás galegas, é dicir, as dúas cadeas de Televisión de Galicia, a futura cadea da Cadea Cope e a do Grupo Voz. O operador que se encarga de establecer a infraestrutura tecnolóxica destas cadeas é Retegal, o operador público que investirá quince millóns de euros no período 2007-2009.

O resto das cadeas, é dicir as privadas de cobertura estatal (Telecinco, Antena 3, La Sexta....) van á parte, a través do operador Abertis Telecom tal e como asinaron nun convenio. Un documento que establecía un escenario en dúas fases. A primeira, que finaliza en xullo de 2009, permitirá ampliar a difusión do sinal dos programas de TVE, en TDT, ata cumprir co obxectivo de proporcionar a súa recepción por un 96% da poboación de Galicia. A segunda estendíase ata o 2010 e tiña como obxectivo chegar ao 98% da poboación. Nesta segunda fase, prevese ademais o mantemento das prestacións técnicas e económicas segundo criterios pactados para o fin do proceso anterior.
¿Cando se producirá o "apagón dixital" no teu concello?.
O seguinte documento explica e pon data ás fases do apagón analóxico, e o inicio das emisións únicas da TDT nos concellos galegos.