O CDG aposta polos monicreques para enganchar ao público adolescente

Mulleres articuladas

Non é frecuente que se fagan produtos de títeres para o público adolescente. Como tampouco o é que este tipo de espectáculos se convertan nun dos pratos fortes para a programación de diferentes escenarios. Á marxe de festivais especializados neste xénero das artes escénicas, os monicreques acaban sendo sempre produtos á marxe. Este é un dos motivos polos que destaca Valdemuller, a aposta do Centro Dramático Galego que une adolescencia e monicreques.

Hai varias “estreas” en Valdemuller, pero destacan principalmente dúas. Primeiro, que é a primeira obra de Xosé Antón Neira Cruz que se adapta para o teatro e, en segundo lugar, que é a primeira obra que dirixe Pablo Vergne que traballa con personaxes caracterizados como "reais" . “Valdemuller” é ese pequeno universo no que dezasete monicreques que non chegan aos 60 centímetros de altura contan unha viaxe iniciática. A que emprende “Mina”, unha rapaza de quince anos, que recibe como agasallo de aniversario un colgante de sete puntas que lle abre as portas a un regueiro de misterios familiares.






Unha historia chea de aventuras e perigos, pensadas para un esixente público adolescente que está de xira por toda Galicia (en funcións para escolares e sesións para todo tipo público). “Tiña medo da reacción dos rapaces pero despois das primeiras funcións estou moi contento e satisfeito”, asegura Pablo Vergne. Pero entre o texto que pensou (e publicou Xosé Antón Neira Cruz en forma de novela) e o que se conta nesta representación teatral hai moitas diferenzas. Principalmente porque, tal e como asegura o director “era unha novela complexa de difícil adaptación para títeres e para a que houbo que darlle moitas voltas”. Mudar personaxes, mesmo crear outros novos, e adaptalo para a interpretación foi un proceso laborioso no que participaron, ademais do director, as actrices da obra: Gena Baamonde, Alba Grande, Montse Piñón, Raquel Queizás e Manuela Varela.

Os outros protagonistas
Pero existen outros protagonistas nesta historia. E son esas dezasete personaxes feitas en madeira, goma espuma e látex que durante máis de sete meses elaboraron Ricardo Vergne, Gustavo Brito, Javier Gallego e Bernardo Rodríguez que axudaron a caracterizar e construír ese microcosmos que é “Valdemuller”.