Tres novas exposicións do máis variado marcan a actualidade artística

Fotos, cadros e instalacións

A Casa das Artes de Vigo acolle desde hoxe unha mostra do traballo de nove artitas galegos en diferentes campos. Pola súa banda, o Centro Torrente Ballester de Ferrol continúa o seu ciclo "Miradas Virxes" cunha instalación de Alberto Carou, e no Casino do Atlántico da Coruña poden verse os últimos cadros de Jorge Cabezas.

Fotografía




"Transversais. Visións fronteirizas da fotografía en Galicia" é o título da mostra que se inaugura esta tarde na Casa das Artes de Vigo. A exposición, organizada pola Fundación Laxeiro e o Centro Galego de Artes da Imaxe recolle os traballo de nove artistas galegos. Instalacións, cadros, esculturas, videos e traballos fotográficos xirando sempre arredor da fotografía conforman esta mostra. Segundo o comisario, Xosé Luis García Canido, este encontro de artistas pretende promover o debate osbre a evolución da fotografía en Galicia. Os artistas escolleitos para abordar eses xeitos limítrofes de traballar coa fotografía son Xoan Anteo, Vicente Blanco, Salvador Cidrás, Vari Caramés, Tono Carbajo, Carlos Nieto, Simón Pacheco, Alberto Varela Ferreiro e Manuel Vilariño. A exposición poderá verse ata o día quince de xullo.












Instalacións




Unha instalación é a cuarta mostra do ciclo "Miradas Virxes" que acolle o Centro Torrente Ballester de Ferrol desde esta mesma tarde. O fotógrafo coruñés Alberto Carou emprega cámaras de vixilancia, luces e sombras en "Digitown", nunha metáfora das olladas ás que están submetidos os cidadáns. Segundo o artista a súa proposta é "unha resposta acerca de onde vai a cidade neste mundo virtual noso, cunhas cámaras que son coma os satélites que nos vixían, todo isto con sons ambientais electrónicos".












Cadros



O Casino do Atlántico da Coruña acolle desde onte unha mostra do pintor Jorge Cabezas. Case vinte obras, fundamentalmente acuarelas, e algunha pintura grande compoñen esta exposición, a primeira do pintor nos dous últimos anos. Tamén se inclúe unha carpe con tres serigrafías, que continúan o movemento e a presencia do espido comúns nas obras de Cabezas.