“True North” acada a Calpurnia nun festival de Ourense que inicia unha nova etapa

O festival reinventado

Esta fin de semana concluíu en Ourense a duodécima edición do seu festival de cine. Dunha banda, coa entrega de premios que apostaron por traballos de carácter social e de denuncia. Da outra, coa compilación de ideas e propostas para modificar o certame, tal e como pretendía o seu director, Enrique Nicanor. Ourense reinvéntase e nesta edición marcou o seu camiño de cara o futuro. Empeza unha nova etapa que o seu director asegura será “completamente diferente”.

Foi en agosto cando tivo lugar o inicio do cambio. Daquela, Enrique Nicanor aceptaba asumir o temón do Festival de Cine Independente de Ourense e marcou tres liñas claras para poder traballar, tendo en conta que as datas do festival estaban comprometidas. A primeira, había que mudar a etiqueta de “independente” por “internacional”. A segunda, esta edición sería fiel ás anteriores coa mesma estructura e esquema pero debía albergar o debate entre os profesionais do sector para marcar as liñas do futuro e a terceira, que non volvería coincidir con Cineuropa, a outra referencia cinematográfica deste mes de novembro. En só dous meses, fíxose a selección oficial, os convites e estableceuse un aparataxe que permitiron que do 17 ao 24 de novembro Ourense tivera o seu festival. Unha cita que deixou tras de si premios e moitas ideas.

O palmarés
Tres xurados para tres tipos de producións diferentes: longametraxes, curtas e documentais. En total once profesionais que mantiveron coas súas decisións, unha liña coherente coa denuncia social e comprometida para achegar o seu gran de area para erradicar algunhas das lacras da sociedade actual. Foi así como “True North” se fixo co Gran Premio Calpurnia a mellor película (18.000 euros). O filme conta a historia do “Providence”, un barco pesqueiro escocés con graves problemas económicos para pagar a fianza e con capturas cada vez máis escasas. Por iso, o fillo do vello patrón acepta resignado unha cuantiosa oferta para transportar inmigrantes chineses desde o Mar do Norte a Gran Bretaña. O xurado presidido por Patricia Ferreira destacou que o filme era “unha magnífica película con temática universal e que, ao mesmo tempo, aborda cuestións tan próximas a Galicia como a crise do sector pesqueiro e a rede de tráfico de inmigrantes”. A longametraxe tamén se fixo co premio a mellor dirección (Premio Calpurnia “Carlos Velo” dotado con 4.000 euros) pola “excelente dirección de actores “ a “difícil posta en escena no interior dun barco”, en palabras do xurado. Canda el, tamén concederon unha mención especial a “A viaxe de Iska” do húngaro Csaba Bollok.

No apartado documental o xurado formado por David Blaustein, Alberte Pagán e Pablo García recoñeceu “Skyggenes Dal” (Morvary Samaré e Astrid Schau-Larsen) como mellor documental (2.000 euros) polo “tratamento dun tema enormemente conflictivo, como é o abuso sexual infantil, realizado con sutileza e respecto”. O mellor director de documentais foi Driss Deiback por “Os perdedores” no que denuncia a presenza de moros nas tropas españolas na Guerra Civil Española por orde das autoridades do momento.

No apartado de curtametraxes, Tim Reford, Comba Campoy e Alfonso Pato decidiron recoñecer o traballo da cinta eslovaca “Tricko” (A camiseta) na que conta o conflicto que se produce cando un rapaz leva unha camiseta que ofende as crenzas doutro que coñece nunha viaxe a Eslovaquia. Simon Ellis (mellor dirección de curtas), Natalia Dicenta (mellor actriz por “Propiedade privada”) e Jimmy Lindstrom (mellor actor por “Berusningstudiem”) e a cinta “Temporada 92, 93” (premio Eixo Atlántico) completan o palmarés de curtametraxes.

As ideas
Éxito de público, apoio institucional e moitas ideas por parte dos profesionais do sector. Son as características que marcou a outra cara do festival, esa que segundo o seu director, tiña que “reinventarse” e ofrecer solucións para vindeiras edicións. Unha vez rematado o festival comeza o traballo e o seu director-xerente, Enrique Nicanor, non ten reparos en coñecer que está contento porque houbo festival, “pero este tipo de eventos non se vai repetir nunca máis porque o que se facía aquí non era un festival, era outra cousa”. Nicanor deixa claro cales han de ser os pasos para a nova etapa que comeza hoxe mesmo. “O primeiro que temos que facer é crear unha estrutura propia do festival. Un comité de expertos de recoñecido prestixio de Galicia e doutras zonas, como América Latina que poida analizar as ideas, os proxectos e definir claramente un proxecto de futuro”. Unha vez creado ese comité e esa estrutura sólida, lonxe do voluntarismo de edicións pasadas, terá lugar a valoración de ideas e de propostas que se fixeron nesta duodécima edición. Nicanor recoñece que neste proceso participativo houbo un sinfín de propostas. “Hai ideas de todos tipos, di o director-xerente, como unha que propón a presentación de películas de xeito itinerantes que mimetiza un modelo que funciona en Canadá. Propostas que poñeremos enriba da mesa para ver se son viables ou non”.

Ademais, Enrique Nicanor xa se puxo mans á obra para traballar na vindeira edición e asegura que “hai que estudar o calendario e ver que non podemos coincidir nin con Cineuropa pero tampouco con Turin, Tesalónica ou Viena, porque hai que ter en conta que Europa, que é tanto ou máis importante que o acontece aquí, e tentar evitar que coincida con certames próximos en temática ao noso”. Ademais, asegura que outra das vías abertas pasa por crear alianzas con outros festivais. “É un dos traballos que imos facer agora, coñecer como se organizan outros certames que están a desenvolver e promover identidades culturais e iniciar contactos para fortalecer o noso evento” asegura un Enrique Nicanor que ten claro o que a vindeira edición será “completamente diferente ao que se ten feito ata o momento que, na miña valoración personal, foi moi pouco serio”. O festival de cine de Ourense inicia hoxe o seu cambio cara unha nova etapa.