Animación e ficción centran a aposta do audiovisual do país para o próximo ano

Chega o cine

A segunda edición dos encontros “Galicia, Terra de Cine” deixou tras de si un regueiros de títulos, proxectos e previsións que marcan o que veremos nas carteleiras e na televisión nos vindeiros meses. “A noite que deixou de chover”, Donkey Xote”, “Os atlánticos” ou “Non me toques” son algunhas das producións que debemos agardar con entusiasmo. Son os froitos da terra.

A segunda edición do encontro orquestrado polo Consorcio Audiovisual de Galicia serviu para poder achegarse ás principais tendencias que están a argallar desde a fábrica de soños do país. O noso Gallywood (nome dado á recente industria cinematográfica galega) está a innovar nos xéneros buscando mergullarse nas posibilidades creativas para ofrecer produtos máis atractivos que resistan o empuxe cultural doutras factorías. Ao dominio absoluto da ficción, acábanselle de sumar as posibilidades dos documentais que tiveron un repunte nos últimos meses. Canda eles, as series están a recuperar o seu momento dourado xunto cun interese crecente polos espazos de telerrealidade (véxase o éxito de “A casa de 1906”) e pola animación. Neste último aspecto cómpre destacar o movemento da industria por contar con factorías propias para desenvolver proxectos animados. As grandes produtoras (Continental, Filmanova…) xa abriron as súas divisións para facerse cargo deste xénero, que se viu acompañada pola chegada de novas produtoras. Artefacto, Domovoi e Perro Verde son algunhas das empresas que viñeron para quedarse.

Son novos camiños deseñados para combater o frouxo momento que vive o audiovisual, ao que non é alleo as factorías galegas. De feito, segundo datos facilitados polo Consorcio, no 2005 estreáronse 10 películas con participación galega que deixaron 1.981.868 espectadores e 9.777.041 euros, que no 2006 se pasaron a ser 11 títulos pero menos espectadores (1.330.501) e menos recadación (6.884.490)

A ficción
“A noite que deixou de chover” é a primeira longametraxe do compostelán Alfonso Zarauza pero tamén un dos primeiros proxectos que asume a produtora de Manuel Cristóbal, Perro Verde Films. Un traballo que conta a viaxe inesperada entre Spleen (Luis Tosar) e a Rusa (Nora Tschiner) na primeira noite seca despois de tres meses de chuvia. Un drama que está en fase de postprodución e que ten prevista a súa estrea en salas para 2009. Outro drama, esta vez inspirado en feitos reais, é o que leva a Adivina Producións a Castrosil, un suposto concello do interior de Galicia. É alí onde vive Lisa, unha rapaza de quince anos que un día, ante o atraso do seu pai, sobe no coche do seu padriño e alcalde da localidade que se ofrece para levala a casa. Unha decisión que cambiará a súa vida para sempre.

Moito máis cedo, para febreiro de 2008, chegará a disparatada e divertida comedia de Mass Visual, “Shevernatze” unha road movie “marcha atrás”. Porque precisamente, ir de Madrid a Ávila marcha atrás é o que pretende facer un profesor de autoescola común e corrente, Jonás, para entrar no Guinnes e así recuperar a súa ex-moza (María) da que está namorado. Inicia así unha viaxe pola mesma estrada que a súa namorada está co seu amante a vivir un excitante intercambio de parellas. Dúas historias e un perigoso pirómano que se cruzarán nun punto do camiño esta historia que dirixe Pablo Palazón. No mesmo ton, está “Os mortos van á présa”, a conflictiva produción de Anxo de la Cruz que despois de suspenderse a rodaxe agora volven da man da produtora Artemática e con financiamento cen por cen galego. Agora, con algún recorte sobre o proxecto inicial, verá a luz en setembro de 2008.

Pechamos o capítulo da ficción con outro drama, que está en fase de prostprodución. “A mariñeira”, dirixida por Antón Dobao, da man de Ficción Producciones recupera a historia da Guerra Civil e os primeiros anos de posguerra cunha ollada feminina.

A animación
Filmax presentará este Nadal a súa aposta forte. Falamos de “Donkey Xote”. Unha produción de nove millóns de euros (a máis custosa deste xénero no noso país) para recuperar unha versión actualizada do clásico de Cervantes. Canda eles, a produtora Domovoi dixital presentou a serie de animación “Os polacos”. Unha curiosa serie de animación protagonizada polos irmáns “Kieskwasky”, dous rapaces polacos mellizos, que traballan nun bar galego, que é unha tapadeira da mafia turca.

O documental
Galicia é unha terra de gaitas. Pero non é a única, Asturias, Escocia, Irlanda, Bretaña, Hungría... en cada un deses territorios, este instrumento ten a súa peculiaridade, a súa singularidade e cada un defende o seu como propio. Pero, o conflicto xorde neste mundo cada vez máis globalizado. Sobre este tema, moi de actualidade no noso país, está “Gaiteiro!”, o documental proposto por Pascana Films que estará listo para o 2009. Un proxecto interesante deste xénero, que está en fase de financiamento, é “A ollada de Anna”. Un filme que recuperará o traballo da fotoxornalista catalana, Anna Turbau que precorreu os conflictos sociais galegos dos setenta. Neste mesmo estadio están “Leo Basi, o clown da conciencia” (previsto para 2009) e “Alfonso, a vida segundo un limpiabotas” (previsto para o 2008). Rematamos este repaso polos futuros documentais con “Os reis do K.O”, que tentará achegarse a traxectoria persoal e artística dos novos músicos do blues galegos, que viviron entre Santiago, Madrid e Berlín.

Outros formatos
Canda a recuperación de espazos de telerrealidade (“A casa de 1907” ou “O gran camiño”) destaca “Made in Galicia” de Voz Audiovisual. Un interesante proxecto que se achega ao reto que supón para os integrantes do colectivo inmigrante a integración cultural. Neste sentido, esta serie documental, amosa como diferentes inmigrantes aprenden un oficio vencellado á tradición galega. Un proxecto didáctico que transmite moi boas vibracións grazas, en parte, á boa selección dos alumnos e profesores escollidos.

Hai, polo tanto, boas perspectivas no ámbito da produción cinematográfica. Tanto polo número como pola calidade dos proxectos que se están a asumir, tanto en produción propia como en coprodución.