Comeza o festival de cine euroárabe mentres o de Ourense perde a etiqueta de independente

Invasión audiovisual

Hoxe comeza en Santiago a quinta edición do festival de cine euroárabe Amal, o terceiro máis importante dos que teñen lugar con esta temática en Europa. Un total de 47 filmes encherán a cidade, tomando o relevo deixado por Curtocircuíto, que concluíu este sábado coa entrega de premios. Mentres, o Festival de cine de Ourense anuncia unha reestructuración da súa programación ao tempo que perde a etiqueta de "independente".


Continúa a nova aquí


Como xa é habitual, o festival Amal pretende achegar unha visión descoñecida da sociedade e da cultura árabe a través de filmes e dunha exposición. Malia que a cuarta edición do festival comezou a semana pasada cunha das actividades paralelas, o prato forte comeza hoxe coas proxeccións nas diferentes seccións de documentais, longametraxes e curtametraxes. Fóra do programa oficial, programouse “From the Middle East with Love”, unha sección na que os máis novos creadores amosarán as súas propostas máis innovadoras e creativas.

Palmarés de Curtocircuíto
Susana Rey por “Cousas de Kulechov” foi a gañadora do Premio á Mellor Curta Galega do festival Curtocircuíto, dotado con 1.500 euros e un trofeo conmemorativo. O palmarés desta IV edición complétase cos premios de Mellor Videocreación, obtido pola curta africana ‘The tale of how’; o Premio Anacos á Mellor Micromovie foi para a chilena ‘Mestizaxe’; o de Mellor Animación para a croata ‘Leviathan’; Mellor Ficción recaeu na libanesa ‘We will win’ e o de Mellor Documental para ’Les intestins de la Terre’ chegada desde Francia. En total entregaron 16.700 euros

Por último, sete cintas fixéronse merecedoras do Premio Onda Curta, que concede a Radio Televisión Portuguesa, e comprará os dereitos das mesmas para a súa exhibición: ‘I want to be a pilot’ de España; ‘Los individuos’ de España; ‘Dreams and desires’ de Reino Unido; ‘The tale of how’ de Sudáfrica; ‘Raymond’ de Francia; ‘Face’ de Francia; e ‘Codehunters’ de Reino Unido. Durante a gala estreouse a curta ‘Historia da Arte’ gañadora do premio ‘Compostela Plató’, dotado con 40.000 euros que fixeron posible a súa produción.

Ourense reinvéntase
O novo director-xerente do Festival de Cine de Ourense, Enrique Nicanor, anunciara hai unhas semanas que esta edición do certame (do 17 ao 24 de novembro) ía ser diferente. Foi entón cando anunciou como lema “Reinventar un festival” pero esa idea acabouse de perfilar estes días, cando se coñeceu o programa oficial. Este ano, o Festival perde a etiqueta de “independente” e será unha edición “de transición” cara ao gran festival que pretende ser no vindeiro ano. Entre a súa vocación está o de emerxer para ser o gran referente de Galicia e pon no seu punto de mira establecer vínculos co audiovisual que se fai en América Latina. De feito, desde o seu renovado sitio web anuncian que será “un festival con raíces en Galicia-Europa con vocación de viaxe americana, como a propia historia de Galicia foi. Un festival tamén con profundos lazos lusófonos por historia e lingua compartidas”.