Curtocircuíto refórzase para converterse no festival de referencia internacional da curtametraxe

A curta faise grande

Combina proxeccións gratuítas para todos os públicos cun mercado para darlle proxección e saída ás curtametraxes. Pero non se queda niso, inclúe obradoiros, sesións paralelas especializadas en diferentes temáticas e uns premios moi relevantes. Ten un novo director, Tim Reford, que se encarga de coordinar o evento cuxa semana oficial comeza hoxe e que pretende converterse nun referente no mundo da curtametraxe.

Comeza en Compostela o prato forte de Curtocircuíto coa parte expositiva (proxeccións gratuítas diarias) e cun mercado paralelo. Unha cita que está pensada tanto para público en xeral, como para compradores, distribuidores, programadores e outros profesionais do mundo da curtametraxe. “A curta é unha forma de arte, unha carta de presentación pero é un xénero que ten moito de si, non é casual que autores como Jean Pierre Jeunet combinen a realización de curtametraxes con longametraxes” asegura o Tim Reford, o director dun festival ao que chega con moitos proxectos por abrir.

Os ingredientes
Curtocircuíto combina diferentes elementos que garanten a súa pervivencia, a súa singularidade e o seu atractivo. En primeiro lugar, o festival conseguiu implicar á cidadanía e que non se reducira a unha semana ao ano. O programa “Curtocircuíto na rúa” que se desenvolve os xoves de xullo e agosto chegou a congregar a máis de 500 persoas na Praza de Cervantes para ver unha selección das mellores curtas de animación a nivel internacional que chegaban a Santiago co aval de ser as máis premiadas en festivais de todo o mundo. Tanto Tim Reford como Francisco Arnoso, “Pixi”, responsable de contidos do evento, aseguran que o obxectivo é conseguir que Curtocircuito se extenda a todo o ano a través de convenios con centrosocioculturais que perpetúen un circuito de exhibición sólido. Pero isto é un proxecto a longo prazo que precisa de concretar moitos fíos.

En segundo lugar, conta cunha semana forte que ofrece, en sesión gratuíta e a un horario apto para todos os públicos, bloques de proxeccións temáticas, así como a selección a concurso (135 traballos dos máis de 2.700 que se inscribiron) combinada de xeito optimizado para poder ver o maior número de traballo posibles. Dentro deste aspecto, Tim Reford asegura que o incremento de máis de trescentos traballos este ano foi posible grazas a que Curtocircuito pasou a integrarse dentro da base de datos do Short Film Depot que creou o festival francés Clermond Ferrand.

En terceiro lugar, nun momento no que existen numerosos certames de corte audiovisual no noso país, Curtocircuito soubo integrarse en todos eles tecendo redes de colaboración que, en todo caso, se irán embastecendo co longo do tempo. “Hai moitos e bos festivais e a nosa intención é crear unha coordinación de festivais en Galicia para facilitar a distribución da curtametraxe” asegura Tim Reford que xa iniciou contactos co Play Doc, Cans, Amal e Mr Misto. En todo caso, tanto o director do programa como o de contidos teñen claro que o obxectivo último é promover a curtametraxe. Por iso, a sección expositiva compleméntase cun mercado básico para buscar novas saídas á cantidade de curtametraxes que se producen a día de hoxe. Uns 120 produtores, profesionais, distribuidores e exhibidores estarán estes días en Compostela para abrir vías de contacto, facer negocio e buscar novas posibilidades para un xénero que gaña en entidade propia co paso do tempo.

Ademais, o evento celébrase entre dous dos máis importantes Mercados da curtametraxe: Cinema Jove (Valencia) que ten lugar en xuño e Clermont-Ferrand (Francia) en xaneiro, o que posibilita que o asistente descubra as últimas novidades do sector.

Un nome propio: Tim Reford
Tim Redford aterrou no mes de marzo para porse á fronte de Curtocircuíto. Baixo o brazo traía a súa experiencia na coordinación de Festivais, a dirección do Proxecto/Festival Signals Media, en Colchester, Reino Unido, a coordinación internacional do Festival de Curtas de Clermont-Ferrand e a coordinación do Xurado Internacional do Festival Internacional de Curtametraxes de Bristol, entre outras actividades. Malia o seu currículo, Tim esfórzase en asegurar que Curtocircuíto é un “proxecto de equipo” sen o que todo isto non sería posible. “Hai un potencial increíble, un gran apoio por parte das institucións, un público consolidado e é un festival que temos que ir desenvolvendo” asegura.

En todo caso, o que Reford achega ata Santiago é a experiencia e os traballo noutros festivais que se traducen en numerosos contactos que lle permiten abrir novas vías. “Este ano comezamos cun proxecto infantil da man de Caixa Galicia que pretende achegar o audiovisual aos nenos, pero non é máis que o principio dun longo camiño para o que temos moitos proxectos” puntualiza. Hoxe abre as súas portas as primeiras proxeccións, o xoves comezará o mercado e o sábado terán lugar a entrega de premios. A semana das curtas acaba de comezar.