Soamente tres premios Max chegaron aos escenarios galegos no último ano

Max aprobado

Dos diferentes premios que existen no Estado para valorar as artes escénicas, os de máis sona son os Max. Tendo en conta que son considerados un aval de garantía e de calidade dos espectáculos, mergullámonos nas programacións teatrais do último ano para ver cantos finalistas e gañadores destes coñecidos premios puidemos ver no noso país. Se quitamos as producións que figuran na categoría de “Mellor autor teatral en galego”, só chegaron tres espectáculos e, sumados todos, apenas chegaron a dez funcións.

“La Cabra o quien es Sylvia?”, “Trece rosas” e o “Hamlet” (que presentou o Teatro Arriaga de Bilbao, o Teatro Español e Teatro Lliure) teñen en común dúas cousas: primeiro, que comparten un premio Max e, segundo, que son os tres espectáculos con este recoñecemento que se puideron ver en Galicia no último ano. Son, canda os dous gañadores (ex aequo) da categoría de “Mellor autor teatral en galego”, as obras representadas que puidemos gozar dentro da extensa programación teatral do noso país.

Max que si
A dirección que José María Pou fixo do texto con que o norteamericano Edward Albee (“A cabra ou quen é Sylvia?”) gañou tres Pullizter, fíxolle merecedor de tres premios Max. Unha obra que ten máis de corenta anos, que foi estreada en numerosas linguas e moitos máis países chegou a Galicia da man de Caixanova. Foi a programación cultural da entidade financiera quen achegou ata Vigo e Coruña este espectáculo que rexistrou unha gran demanda por parte do público. Canda a el, a proposta que protagonizaron Teatro Arriaga de Bilbao, o Teatro Lliure e o Teatro Español de “Hamlet”, foi outra das obras que recibiu un premio Max que puidemos ver en Galicia. Foi en Lugo, nun único pase, dentro da programación da Mostra de Teatro Clásico que organiza o concello en colaboración con Caixa Galicia. Polo demais, é outro concello, o de Carballo, o que está detrás da outra produción galardoada cun Max “13 rosas”. Formou parte do programa da pasada edición (a de 2006) do Festival Internacional de Teatro de Outono de Carballo, que desenvolve desde hai máis de quince anos e que conta co apoio financeiro de Caixa Galicia.

As ausencias
Revisando o cartel que chegou a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, das entidades financieras que programan obra teatral (Caixanova e Caixa Galicia, aínda que desenvolven modelos moi diferentes), así como as numerosas mostras e festivais teatrais (Rivadavia, Cangas, Carballo, Lugo, principalmente) que hai no país, existe unha ausencia significativa no listado dos Max. Trátase de “Divinas palabras,” a produción do Centro Dramático Nacional que foi premiada con dous Max na última edición. Malia poñer en escena a obra dun dramaturgo galego como é Valle Inclán o espectáculo non chegou a Galicia, aínda que si estivo de xira por diferentes cidades españolas (Bilbao, Pamplona, Santander, Cáceres, Sevilla, Málaga e Barcelona), mesmo chegou a representarse en Nova York. A última vez que a compañía de teatro estatal estivo no noso país foi en 2002 cunha obra sobre Castelao: “Os vellos non deben de namorarse”. Foi cun elenco de marcado acento galego: Manuel Guede na dirección, escenografía de Antonio F. Simón e música de Bernardo Martínez.

A programación
A principal vía de exhibición teatral no noso país pasa pola Rede Galega de Teatros e Auditorios. Ou o que é un mesmo un circuíto creado a mediados dos anos noventa polo goberno do país e que integra a medio centenar de teatros, auditorios e salas de toda Galicia. Tal e como figura no web do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais “A Coruña conta con 20 espazos, Lugo con 7, Ourense con 3 e Pontevedra con 15”.

Segundo figura no sitio web do IGAEM, “os obxectivos prioritarios da Rede son lograr unha maior optimización de recursos públicos e privados en canto á organización da programación escénico-musical de Galicia, facilitar o intercambio de teatro e as xiras artísticas dentro de Galicia, así como contribuír a incrementar o número de consumidores de espectáculos culturais galegos e mellorar os resultados socieconómicos das súas funcións". A Rede, segundo os datos que facilita mensualmente o E-scena é o principal lugar de representación teatral do país. Canda a eles, tanto Caixa Galicia como Caixanova programan representación teatral, aínda que cada entidade faino dun xeito diferente. Mentres Caixanova contrata directamente, a Fundación Caixa Galicia faino dun xeito indirecto, con convenios cos diferentes concellos (as principais cidades de Galicia), as catro deputacións; ou diretamente con compañías galegas ou coa xestión do Teatro Colón desde este mesmo ano (ao gañar o concurso público convocado para a súa xestión).