A cartografía amosa a evolución de Galicia ao longo do tempo

O país deseñado

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:

O Grove era unha illa. Vigo e A Coruña ocupaban tanto coma Ortigueira. O país estaba levemente inclinado cara ao mar, e non todos os ríos tiñan o seu curso actual. Os mapas antigos achégannos unha Galicia diferente á de hoxe e permítennos ver, canda a evolución da cartografía, o xeito en que foi mudando o noso país. Agora, unha exposición no Museo do Pobo amósanos unha selección destes testemuños de cómo eramos.

Unha ollada ás vellas Galicias
1/8
Unha ollada ás vellas Galicias
2/8
Unha ollada ás vellas Galicias
3/8
Unha ollada ás vellas Galicias
4/8
Unha ollada ás vellas Galicias
5/8
Unha ollada ás vellas Galicias
6/8
Unha ollada ás vellas Galicias
7/8
Unha ollada ás vellas Galicias
8/8

Dise que foi o Mapa de Domingo Fontán o que levou ao galeguismo moitos dos membros da Xeración Nós, e así o retratou Otero Pedrayo en “Arredor de si”. En xeral, non se pode negar que a posibilidade de ver impreso o conxunto do noso país ten a súa parte no desenvolvemento da idea de Galicia coma entidade. Canda a esta primaria función, a cartografía achegou un bo feixe de posibilidades á hora de desenvolver obras públicas e, simplemente, coñecer o contorno. E nese traballo, Fontán non estivo só, outros nomes menos coñecidos, preocupáronse de recoller sobre a papel as liñas que definen as formas do país. A exposición “Cartografía Antiga de Galicia”, que organiza a Asociación Galega de Cartografía e Sistemas de Información Xeográfica (AGACeS) achega ao Museo do Pobo Galego, ata o vindeiro dezanove de outubro, sete mapas orixinais e trinta e cinco reproducións que permiten achegarse a esta historia.

As técnicas e a imaxe

A proposta da exposición xorde vencellada a un vindeiro congreso que se vai celebrar no noso país. Segundo explica Ramón Lorenzo, comisario do proxecto, “o vindeiro mes de outubro hai un congreso sobre infraestruturas de datos especiais, o que é unha expresión moderna da cartografía. Para entendernos, unha referencia disto que chega a todo o mundo é Google Earth”, explica. “Entón pensamos que esta exposición era unha antesala axeitada”. Deste xeito, a mostra escenifica como foi evoluíndo historicamente a reconstrución de Galicia nos mapas. “A cartografía ten unha continuidade ao longo do tempo en relación coa expresión do territorio. En cada época o mapa é unha representación do territorio que se apoia nas tecnoloxías dispoñibles”. Onte a pluma, o gravado e o ollo. Hoxe as computadoras e o satélite.

A evolución

“A exposición dá un fío desa evolución da cartografía”, resume Lorenzo. “O público vai ver unha síntese do que foi a cartografía galega. Os mapas de Ojea, os das costas española de Vicente Tofiño, e despois os mapas de Fontán e de Coello”. Como é de agardar, ao tempo que as técnicas mudaron tamén os resultados. “Os primeiros mapas de Galicia eran moi figurativos. O debuxo da liña da costa non era moi axeitado ao real pero era unha expresión dese contorno”, explícanos Lorenzo. Dentro desta evolución, un nome destacado foi o de Tomás López, que baseou a súa recollida de datos nunha ampla enquisa que fixo por todo o país, e que debuxou o seu mapa a partir das indicacións que, por correo, lle remitiron os seus colaboradores. Un curioso “wikimapa”, que diríamos hoxe.

O efecto Fontán

De calquera xeito, non se pode falar de cartografía no noso país sen falar de Domingo Fontán. Para alén dos efectos inspiradores do seu coñecido mapa, Fontán foi, a mediados do século XIX, un auténtico renovador da cartografía a nivel estatal, e a el lle corresponde a primeira representación de Galicia mediante o sistema de rede xeodésica e cálculo matemático. “Fontán é un referente indiscutible da cartografía en Galicia, un adiantado na cartografía española”, recoñece Lorenzo. “Foi a primeira persoa que meteu un rigor metodolóxico en España neste campo. Os mapas inmediatamente anteriores son os de Tomás López, que amosa as antigas provincias, pero é case unha expresión naïf do territorio”. Nese sentido, sobre o traballo de Fontán desenvolvéronse moitos dos mapas posteriores de Galicia.

De calquera xeito, e tal e como amosa esta exposición, durante séculos a representación en mapas do noso país dependeu de investigadores foráneos. Segundo Lorenzo, “en todos os países europeos é unha realidade que a cartografía non ten un arraigo local. En Galicia, en todo caso, o antecesor de Fontán é José Rodríguez, que tamén era matemático e foi quen o introduciu no estudo das matemáticas e no posicionamento astronómico”. Non se pode, pois, falar dunha escola cartográfica propia. A partir de 1870, a creación do Instituto Cartográfico estatal deu no desenvolvemento sistemático de mapas científicos e a fin da cartografía histórica. Para saber máis, haberá que se achegar polo Museo do Pobo.

Que che parece esta nova?
55 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Cartografías colectivas

Cartografías colectivas

O proceso de elaboración de mapas achega múltiples posibilidades de mobilización social

Mapas en conflito

Mapas en conflito

O potencial da cartografía para a denuncia e a mobilización social tamén se aproveita no noso país

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con A Coruña, Grove, Ortigueira, Vigo...