A terceira xeira das xornadas Mu2 poñen de relevo o cine mudo en Vigo

A iniciativa desenvólvese ata o 30 de agosto no xardín da Fundación Sales

Desde este 27 de agosto, e ata o vindeiro día 30, o xardín da Fundación Sales, en Vigo acolle a terceira edición de Mu2. Este encontro, centrado no cinema mudo acompañado de música ao vivo, achega proxeccións de clásicos como A casa da Troia, de 1925, que abre a programación.

Canda a esta, o día 28 poderá verse o filme xaponés E con todo, nacemos, dirixido por Yasujiro Ozu en 1932. Para o 29 o clásico Nosferatu, de Murnau, ocupará a pantalla, mentres o día 30 unha dupla sesión proxectará Go West de Buster Keaton e The Kid Brother de Harold Lloyd. Todas as proxeccións estarán acompañadas de música ao vivo ao cargo do colectivo Caspervek, que tamén organiza o evento.

De xeito previo a cada filme realizaranse proxeccións de fotografías realizadas polos membros dos colectivos Hablar Photo, Pabellón de Inadaptados e Ollo Atlántico. O programa inclúe tamén unha selección de curtametraxes mudos e, nas seccións paralelas, escape rooms temáticas sobre diferentes filmes do programa.

Continúa nesta xeira a iniciativa de realidade aumentada que permite coñecer contidos 3D relacionados coas proxeccións en diferentes espazos do xardín da sede. As xornadas atenderán tamén á música do primeiro terzo do século XX con sesións sonoras específicas. Como novidade, o espazo Cámara oscura achegará proxeccións continuas de instalacións audiovisuais vencelladas a cada un dos filmes programados.
Ligazóns