WOS Festival esgota abonos co cartel completo

O festival de música electrónica de vangarda comeza a oitava edición o vindeiro día 11

O festival de música electrónica de vangarda comeza a oitava edición o vindeiro día 11
WOS Festival 2023 © Leo López
Tras un ano de pausa o WOS Festival X SON Estrella Galicia regresa coa súa oitava edición entre os vindeiros 11 e 14 des setembro a Santiago de Compostela. O festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda que trae a Galicia a artistas internacionais de complicada distribución ofrecerá nas súas catro xornadas en máis de dez espazos emblemáticos da cidade unha programación de concertos audiovisuais e inmersivos, noites de clube e performances.

O programa de actividades completarase nos vindeiros días. De aforo limitado, debido ao dispar dos espazos, a organización ven de anunciar xa o esgotamento dos abonos e a posta á venda das entradas de día. O evento, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, e que nos Iberian Festival Awards foi galardoado á Mellor Promoción Turistica 2018 e como Mellor Festival Indoor Nacional 2023, conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e Deputación da Coruña e Concello de Santiago; ademais de Gadis e Fundación Japón, Madrid.

Case trinta propostas conforman un cartel que inclúe catro artistas galegos e suma oito estreas en España en canto a electrónica de vangarda e exploración sonora e visual. É o caso de Carrier (Rhythm Immortal, con visuais de Riyo Nemeth), da escocesa KAVARI (premiere estatal do novo EP este outono), da londinense Klein (co seu último traballo thirteen sense), dos norteamericanos Purelink (co seu segundo LP, Faith), da tríade Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori (coa súa performance audiovisual A Forbidden Distance), e dos concertos audiovisuais de Sara Persico & Mika Oki (Sphaîra), do inglés Rainy Miller (Joseph, What Have You Done?) e do exipcio ZULI (Lambda). O programa ao completo con horarios xa pode consultarse no web do festival.

A presenza galega trae tamén novos proxectos
A presenza galega ven da man de catro propostas, a artista Carme López, BFlecha b2b Mwëslee, cun dj set deseñado especialmente para WOS polo 15ª aniversario do selo Arkestra. Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, unha confluencia americana e galega nada en Barcelona. Completa a presenza da escena galega Malandrómeda & Caamaño, proxecto musical que Hevi (Malandrómeda) e Sabela Caamaño (Caamaño & Ameixeiras) darán a coñecer en Santiago.