Surrealismo, representacións e intimidades: arte en Galicia

Visións

| Santiago.Redaccion | Seccións: Arte
Compartir:

Ferrol, A Coruña e Santiago presenta novidades artísticas para esta fin de semana. A proposta máis innovadora chega da exposición que se presenta na Fundación Luis Seoane, onde un grupo de oito artistas reflexionan sobre o engano das imaxes que nos chegan diariamente. Por outra banda, o Centro Torrente Ballester acolle a exposición da obra surrealista do artista chileno Roberto Matta. E para rematar, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle unha retrospectiva do Premio Nacional de Artes Plásticas, Darío Villalba.

O engano do que vemos


Cada día estamos expostos á mensaxe dunha grande cantidade de imaxes. E analizar a súa presencia e a repercusión na memoria, individual e colectiva, é o cometido dun grupo de oito artistas (David Casado, Rosendo Cid, Dionís Escorsa, Arturo Fuentes, Carlos Nieto, Martín Pena, Tania Sanjurjo e Cristina Varela). O resultado deste interés é "Trompe-la memoire. Dispositivos de temporalidad y puesta en escena", unha mostra artística que fai parada e revisión das imaxes de ritmo vertixinoso e dos medios que as fan posibles. O cinema, a televisión, internet e a fotografía son o obxecto sobre o que se reflexiona nesta exposición que alberga a Fundación Luís Seoane.




Surrealismo ferrolano

A obra de Roberto Matta (Chile, 1911), un dos artistas surrealistas máis recoñecidos, acaba de chegar a Ferrol baixo o nome "O ano dos tres 000". Unha mostra que estará aberta ata o próximo 28 de abril e que a través de catro esculturas, unha ducia de gravados e vinte óleos pretende recuperar a súa obra surrealista. Roberto Matta, mentres realizou os seus estudios de arquitectura estivo en contacto con artistas como Le Corbusier, Gropius, Moholy-Nagy e Magritte, que tiveron unha fonda pegada nel, visible na súa obra.




E intimidades no CGAC

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle dende onte a obra íntima de Darío Villalba (Donosti, 1939) . O Premio Nacional de Artes Plásticas acaba de presentar os seus Documentos Básicos, unha escolma dos seus corenta e tres anos adicados á arte.

Que che parece esta nova?
37 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Chile, A Coruña, Rosendo Cid...