Malia a que o teatro é unha das artes máis antigas que existen, as posibilidades de achegar novas propostas desde as táboas non desaparecen. Nese sentido, o noso país non é unha excepción, e as novidades chégannos tanto da man das vangardas artísticas como de enfoques orixinais encol do propio feito teatral. Sen vocación de ser exhaustivos, botamos unha ollada a algunhas obras que poderemos ver esta temporada e que destacan pola súa orixinalidade.
Polbo á vangarda
Unha obra vangardista que fai unha homenaxe ás polbeiras de Arcos, no Carballiño, non é algo que se vexa todos os días. Pero si é, en certo xeito, o que nos achega Nove Dous teatro en Ás veces sentímonos tan cansos que facemos estas cousas. Segundo sinala Jouse García, un dos actores do espectáculo escollemos uns textos de Rodrigo García que tiñan en común unha relación coa enfermidade e o cansazo, e que ademais carecían de referentes escénico concretos. A partir diso, o director, Roberto Cerdá, empregou a enfermidade como nexo de unión e de aí foi xurdindo a escenografía, explica. Un suposto quirófano, con moito material clínico e que inclúe elementos persoais dos actores, alberga a acción. Arredor destes elementos, a obra é unha reflexión sobre a enfermidade do home. Consideramos que actualmente a sociedade está enferma.
Paciente octópodo
Para alén do vangardista ou orixinal que nos poida parecer esta proposta, a obra inclúe un detalle que a fai autenticamente multimedia. Simbolizamos o sufrimento e a morte a través dun polbo que se lava, mázase, cócese e cómese durante o espectáculo, indica Jouse. Deste xeito, para alén do puramente visual, tamén o olfacto fai parte da obra co cheiro da cocedura que enche a sala e, segundo recoñecen na compañía, e posible que ás primeiras filas lles cheguen as salpicaduras do mazado do polbo. Nove Dous recoñece tamén que nesta presenza do animal na obra hai unha certa homenaxe ás polbeiras da aldea de Arcos, de onde procede boa parte da compañía. A vangarda e a tradición unidas sobre as táboas.
Mallar nas táboas
Cunha vocación aínda maior de homenaxe á nosa cultura tradicional chegará ás nosas táboas Pan. Esta produción de teatro Volta e Dálle quere trasladar ao teatro elementos da malla tradicional. Deste xeito, un equipo composto por catro actores e directores de escena, unha coreógrafa, dous músicos e cinco actores leva desde o mes de agosto a visitar diferentes festas de recuperación deste labor. A proposta colectiva pretende ir construíndo a obra mediante o traballo conxunto de todos os participantes no evento, a través de diferentes ensaios nos que non se parte dun texto fechado. A malla como símbolo da perda das tradicións, a dureza do traballo colectivo, o erotismo e o ambiente festivo inherente a estes proxectos... todo se mestura nesta proposta aínda aberta, que quere propor unha autopsia cultural didáctica.
Tremoia aberta
Outra proposta curiosa é a que vén desde a produtora Ciudadano Frame. Juanito Perighro é unha obra que, segundo Pedro Alonso, director e actor da montaxe. funciona como se o público estivese vendo un estudo de rodaxe. O decorado e a tremoia están á vista, e non se ve só o que é o desenvolvemento dos actores. Así, o músico que se encarga de poñer a música, o técnico de luces, o atrezzo, as mudanzas de mobiliario e mesmo a estrutura das luces son completamente visibles para o público. Ten tanto interese a acción coma a maquinaria que a acolle. Queremos reivindicar o multimedia para que tamén a xente que ven concertos de música vaia ver este espectáculo híbrido, explica Alonso.
Cousas do Perighro
Proxeccións de luces e, en breve, contidos audiovisuais que amosarán detalles da acción representada, completan esta orixinal aposta. A historia parte dun texto de Koltés no que se narra o último segundo de vida un personaxe, o Juanito que lle dá o título á obra. Fixemos unha versión heterodoxa, puxémoslle o nome ao personaxe en honra de varios Juanitos que coñecín. É un percorrido pola consciencia do protagonista no último segundo da súa vida. Trátase dun personaxe kamikaze, alguén que, coma o seu nome indica, ten moito perigo, completa Alonso. As celebracións dos 125 anos de teatro recollerán cinco montaxes deste espectáculo, que pretende despois continuar o seu camiño polo noso país.
Son só unha pequena mostra de todo o que poderemos ver nos nosos escenario ao longo do outono. Ideas diferentes que poden animar a moitos a se achegar á táboas.
Escenas para o outono
Unha das imaxes da malla tradicional coas que se documenta "Pan" de Volta e Dálle. Imaxes cedidas pola compañía.
Escenas para o outono
Unha antiga foto da malla, da man de Volta e Dálle. Imaxes cedidas pola compañía.
Escenas para o outono
Outra das imaxes da malla que recompilou Volta e Dálle. Imaxes cedidas pola compañía.
Escenas para o outono
Outra malla tradicional, recompilada por Volta e Dálle. Imaxes cedidas pola compañía.
Escenas para o outono
Un momento de "Juanito Perighro". Imaxes cedidas pola compañía.
Escenas para o outono
"Juanito Perighro" transcorre nun escenario aberto. Imaxes cedidas pola compañía.
Escenas para o outono
O traballo de Alonso en "Juanito Perighro". Imaxes cedidas pola compañía.
Escenas para o outono
Escena de Ás veces sentímonos tan cansos que facemos estas cousas. Imaxes cedidas pola compañía.
Escenas para o outono
A preparación do polbo en Ás veces sentímonos tan cansos que facemos estas cousas. Imaxes cedidas pola compañía.
Escenas para o outono
Outra escena de Ás veces sentímonos tan cansos que facemos estas cousas. Imaxes cedidas pola compañía.