Diferentes iniciativas aproveitan en Galicia as posibilidades da tecnoloxía GPS

Galicia Positioning System

Poucas tecnoloxías teñen maior matiz de globalidade que o GPS ou Global Positioning System. Esta plataforma universal, que nos permite localizar con exactitude calquera punto xeográfico do planeta, está a desenvolver un bo feixe de aplicacións que facilitan o intercambio de datos e de coñecementos a escala planetaria. Mais, malia a esa vocación universal, as aplicacións do GPS non escapan de ter o seu quiñón galego. Son as nosas achegas ao Posicionamento Global.

¿Qué pode achegar un país pequeno coma o noso a unha tecnoloxía coma o GPS, instalado a nivel mundial e con constantes innovacións? Aínda se vai facendo algo. Por exemplo, a empresa compostelá Blusens, especializada na produción de aparellos electrónicos, anunciaba aínda este mes de agosto que se vai introducir no negocio destes aparellos que che indican en cada momento onda estás. A súa achega particular é a fabricación de modelos que acheguen a información xeográfica sobre a base de fotografías, no lugar dos gráficos aos que nos teñen acostumados estes aparellos. Deste xeito, as rutas marcadas no terminal poderán verse representadas con todo luxo de detalles, amosando mesmo edificios e peculiaridades dos lugares polos que se pasa. Toda unha innovación nuns trebellos que se fan cada vez máis populares e que son habituais, sobre todo, nos nosos vehículos.

Seguir o sinal
Para alén da produción de aparellos de xeolocalización, no noso país tamén existen experiencias de desenvolvemento de software específico que aproveita esta tecnoloxía. Así, por exemplo, hai xa un ano que existe na Coruña o proxecto Hipoqih. Esta iniciativa propón un sistema que aproveita os sinais dos aparellos GPS para permitir a localización inmediata dos mesmos a través do web. A tecnoloxía, que polo momento pódese empregar de balde, aproveita a aplicación Google Maps e permite aos usuarios saber, por exemplo, onde están en tempo real os contactos cos que comparte este servizo. Aínda máis, esta tecnoloxía permite inserir “avisos”, en determinadas xeolocalizacións que xorden automaticamente no terminal GPS ao chegar a el, e compartir estes mesmos avisos con outras persoas. “O noso sistema vaise desenvolver en dúas direccións, por unha banda, estamos a crear unha comunidade virtual que desexa compartir información xeolocalizada en tempo real” explica Javier, un dos membros do proxecto. “Pola outra banda, o sistema proporcionará unha plataforma coa que un empresario saiba onde se atopa o seu vehículo de transporte, un taxista poda estar localizable en todo momento por se xurde algún problema, unha empresa de transportes poda mostrar ós usuarios onde se atopan os buses de cada liña... As posibilidades son moitísimas”, conclúe.


Ampliando a localización
A proposta, que xurdiu dun grupo de profesionais do sector da Información e da Comunicación e “fans dos trebellos electrónicos”, segundo confesan, “aposta polo Internet móbil e o GPS integrado dos teléfonos e PDA, e semella que mercado vai máis nese sentido”, explica Andrés, un dos promotores do proxecto. Na actualidade preparan unha nova versión do programa e mais do web. “Imos tentar que teña un interface máis vistoso e que sexa máis amigable”, completa. Versións para Linux e Mac, novos idiomas e algunha nova funcionalidade son as vindeiras novidades Hipoqih. Malia a que, polo momento, todo o servizo é gratuíto, o colectivo non desbota en absoluto tirar proveito económico da súa idea. “O noso obxectivo é ofrecer servizos de localización e obter ingresos pola publicidade no web e, máis adiante, nos dispositivos móbiles. Se conseguimos un número importante de usuarios, cremos que o proxecto pode ser rendible”, completa Andrés. Pola súa banda Javier vaticina a multiplicación de dispositivos deste tipo; “O número de usuarios que levará consigo un dispositivo GPS con capacidade para conectarse a Internet aumentará moi rapidamente nos vindeiros meses, xa que o prezo destes servizos será cada vez máis reducido. A partir de aí, as posibilidades de negocio serán inmensas para os que se teñan posicionado para aproveitalas”.

Escolas e mapas
Non só de programas e aparellos se compón a contribución galega ao GPS. No noso país tamén pomos o noso gran de area á hora de achegar ideas para empregar este sistema. No concello de Mazaricos, por exemplo, levan xa anos a traballar na aplicación desta tecnoloxía, canda a outras do campo da Información e da Comunicación. Cos proxectos europeos Chimer primeiro e AITMES na actualidade, os escolares deste concello documentaron elementos patrimoniais e subiron á rede contidos xeolocalizados deste tipo. “Co Chimer fixemos buscas do tesouro con mapas e GPS que funcioaron moi ben cos nenos”, explica José Ramón Esperante desde o concello. Na actualidade Mazaricos aborda, no marco do programa AITMES, unha cartografía dixital do concello aproveitando o sistema que desenvolveu na Coruña Carlos Weiss, que tamén estivo implicado no programa Chimer. “Temos un mapa único con estradas, parroquias e aldeas. A partir de aí imos establecer un sistema de capas no que se reflectirán empresas, comercios ou rutas turísticas e culturais”, explica. Todo baixo a premisa de que se poderá consultar e actualizar desde dispositivos móbiles, e perfectamente localizado coas súas coordenadas. “Hai tres anos ninguén podía aventurar o emprego dos GPS como unha ferramenta semellante ao do móbil”, lembra.

Máis lugares
Canda ao concello de Mazaricos, centros coma A Nosa Señora do Faro, de Ponteceso, e outros agrupados na rede Craescuela.net desenvolveron actividades educativas vencelladas ao sistema de posicionamento dentro do programa Chimer. Para alén destas propostas, podemos falar, por exemplo, das aínda tímidas iniciativas de Geocaching no noso país. Esta afección consiste en buscar, coa axuda de pistas e destas tecnoloxías pequenos “tesouros” que deixan os diferentes participantes. Así, por exemplo, lugares coma o Monte Pedroso, en Santiago, ou Fisterra, reciben a miúdo a visita de buscadores de tesouros. Dándolle unha volta ao tema, a empresa Dimensiona iniciaba esta primavera as probas para desenvolver rutas guiadas por GPS no noso turismo rural. Tamén se aplican as posibilidades destes sistema no proxecto de Telexerontoloxía que están a desenvolver diferentes universidades e institucións do noso país, para controlar a distancia a localización de persoas maiores que teñen algún grado de dependencia. Xa falando a nivel técnico de novo, temos casos coma o da empresa ferrolá Intega, que foi a encargada de fabricar os primeiros chalecos salvavidas equipados con esta tecnoloxía a nivel mundial. A ferramenta, que permitirá localizar con exactitude os náufragos que o leven. Fíxoo, iso si, a partir do deseño que realizou a firma Indra. Son só algúns exemplos. Pouco a pouco, a posición global vai ocupando novos espazos nas nosas vidas. Tamén con ideas e produtos feitos aquí mesmo.