El Corte Inglés anuncia a remodelación das actividades culturais cunha maior presenza da cultura galega

De cando a cultura se vende (II)

A semana pasada analizamos a presenza da cultura galega nos produtos de venda das grandes superficies comerciais do país. Agora chega o momento de ollar para a actividades (concertos, presentacións…) que organizan e ver que papel xoga a nosa cultura nelas. Os responsables da FNAC, Casa do Libro e “Ámbito Cultural” de El Corte Inglés analizan a pegada galega nas súas actividades.

Ramón Pernas, director do Ámbito Cultural de El Corte Inglés asegura “a lingua marca a impronta das actividades culturais en Galicia. Temos literatura propia, cultura propia e os debates que facemos nos ámbitos culturais teñen que ver coa produción cultural galega”. O feito de que Pernas sexa galego engádelle a esa vontade un carácter persoal que apunta novos cambios para despois do verán. “Estamos refundar Ámbito Cultural porque o contorno medrou moito e queremos sistematizar a oferta cultural; para o vindeiro outono será máis elaborada e máis pegada á realidade galega” asegura Ramón Pernas. Tamén é certo que o panorama non é o mesmo. Cando “Ámbito cultural” iniciou a súa andaina en Galicia (conta con tres superficies comerciais en Santiago, Vigo e A Coruña) era o único centro destas características. En 2001 abriu en Vigo a “Casa do Libro”, unha tenda da editorial Planeta especializada no universo do libro. Recentemente, acaba de aterrar na cidade herculina, e os rumores planan agora sobre Vigo, a FNAC. A multinacional francesa caracterízase, ademais dos seu amplo fondo cultural de venda (2.000 títulos en Galicia no día da súa inauguración), por contar cunha potente actividade cultural. O seu director, Antonio Serrano asegura que na súa declaración de principios “temos unha liña moi definida de apoio á diversidade e queremos manter un equilibrio entre o global e o local cunha oferta diaria”.

O modelo cultural
Ramón Pernas explica que o “Ámbito cultural” organiza preto de duascentas actividades ao ano en cada un dos seus centros. Pero a súa actividade trascende en moitas ocasións o seu propio espazo físico. “Somos patrocinadores directos e únicos do Boletín galego da literatura que fai a USC con Anxo Tarrío; somos anunciantes de Grial, Tempos Novos… que é unha forma de apoio á cutura galega moi cara pero efectiva, porque contribuímos ao mantemento deste tipo de produtos, é parte do noso labor, e cando montamos isto pensei que deberiamos de insistir nesta forma; temos un premio que convocamos conxuntamente con Espiral Maior que está dotado con 12.000 euros, participamos activamente nos relatos de verán de La Voz de Galicia...” son algunhas das actividades que Ramón Pernas ten programado, así como convenios con fundacións, coa Consellaría de Cultura para promover actividades.

No que atinxe aos actos que se organizan no propio espazo, Ramón Pernas asegura que desde Ámbito Cultural establecen o 50%, o 30% responde a convenios coa actividade cultural mentres que o 20% restante acostuman a ser actividades que propoñen os propios interesados, xente que se achega ata El Corte Inglés para ofrecer un acto.

Pero isto é o que acontecía ata agora, á volta de verán este panorama mudará. “Teño un compromiso real que se verá nos vindeiros meses que supón un cambio moito máis amplo: facer espazos máis grandes para a promoción dos produtos culturais, incorporación de personal adecuado que se convirtan en prescriptores do libro galego. E isto ímolo facer pouco a pouco e co meu persoal compromiso” asegura o responsable mentres di que “o produto galego non pode ser un produto residual, a nosa publicidade empeza a ser importante en galego, a política de comunicación externa de El Corte Inglés é ao 50% e na nosa lingua”.

Juan Carlos González, director da “Casa do Libro” é moi claro:“non podemos pensar a nosa programación cultural sen pensar no contorno no que nos integramos”. Por iso, este espazo que pertence ao grupo Planeta está moi preocupado de que a edición galega estea ben representada. As súas actividades están directamente relacionadas coa súa área de negocio: o sector editorial. “Temos actividades estacionais que corresponden a efemérides puntuais como o día do libro, día da poesía. Despois está a tertulia dos lectores, os ciclos de contacontos, outro sobre conferencias de astronomía, exposicións de pinturas cada quince días, ademais de cousas puntuais como as presentacións dos libros”.

“Na FNAC temos a intención de poñer un pouco de todo” asegura Antonio Serrano. E que mellor declaración de intencións que o exemplo da súa primeira semana. A inauguración a cargo de Antón Reixa, Deluxe e Teresa Salgueiro, a primeira exposición fotográfica é do fotógrafo italiano Gabriele Basilico e leva por título Bord de mer. “A nosa intención é ir alternando un pouco de todo e na próxima mostra seguro que hai xa un artista galego” asegura Antonio Serrano mentres afirma que a programación está perfectamente consensuada entre el, “Elena Feito que é a responsable de Comunicación e o director cultural tamén galego que é Ramón Reboiras”. Como multinacional, completará a súa acción cultural con proxectos que fan parte da filosofía da cadea. Dunha banda o “ClubCultura”, o portal cultural da FNAC que se alimenta coas páxinas oficiais de autores españois e iberoamericanos, e da outra a “Revista ClubCultura”, de periodicidade bimensual e que conta co máis destacado da creación cultural con entrevistas, adiantos literarios e contribucións de autores recoñecidos de diferentes campos.

O espazo
Todas as actividades teñen lugar nun espazo físico. A Casa do Libro conta cun espazo grande de 200 metros cadrados e un salón de actos para unhas cen persoas. No caso de El Corte Inglés, A Coruña ten espazo para unhas 80-100 persoas, Santiago conta co espazo máis grande (para 200) mentres que Vigo ten lugar para unhas 100. Hai que ter en cona que, co cambio de orientación da actividade de Ámbito Cultural, haberá unha reformulación de espazo. Polo demais, a FNAC é a superficie que coida máis este aspecto. Antonio Serrano explica que “temos un espazo de cen metros cadrados, que está situado no medio da tenda cun equipo de son que nos envidiarían moitos profesionais, de feito, temos un equipamento que mesmo nos permitiría producir ata un grupo musical, para nós é algo destacado”. A este espazo reservado para a acción cultural chámanlle Fórum. Está fisicamente situado no medio da tenda, visible desde calquera lugar da superficie e permitirá acoller as actividades que terán “case un mes de anticipación, para que os artistas que cadren coas súas axendas, tratamos de ter moita variedade”.

A FNAC ten apenas unha semana de vida, haberá que agardar para ver cómo se concreta o seu modelo cultural no que atende ás actividades. A isto engádeselle o compromiso adquirido por Ramón Pernas por refundar ámbito cultural no noso país e ver que papel xogará a cultura galega.