O Proxecto Galicia cumpre dez anos exportándose a Andalucía

Proxecto Galicia

O proxecto de desenvolver unha enciclopedia que recollese todos os aspectos do país, o Proxecto Galicia, vénde cumprir dez anos. E faino con seiscentos mil exemplares da obra vendida no país, coa edición dun novo volume e coa exportación da idea a Andalucía, onde se veñen de presentar os catro primeiros tomos. Onda o éxito desta iniciativa, temos que falar da recente morte de Silverio Cañada, o asturiano que puxo en marcha a edición da "Gran Enciclopedia Gallega".

Proxecto Galicia



Hai xa dez anos que comezou a funcionar o Proxecto Galicia, unha enciclopedia que pretende albergar todo o saber sobre o noso país visto desde as máis distintas áreas, en tomos de cincocentas páxinas que contan coa colaboración dos máis reputados especialistas do país en Historia, Xeografía, Antropoloxía, Literatura... Precisamente esta semana se está a presentar por toda Galicia o último tomo editado nesta iniciativa, o quinto dedicado á Literatura Galega e que abrangue entre 1936 ó ano 2000. Este volume fai o XXXIV da colección total, contou con corenta colaboradores e está editado, coma os anteriores, por Hércules de Edicións.
Hai só dúas semanas que se presentou en Andalucía a versión correspondente a esta comunidade da idea. O Proxecto Andalucía, tamén coordinado por Francisco Rodríguez Iglesias e pola fundación que leva o seu nome. Esta nova iniciativa constará de cen volumes de trescentas cincuenta páxinas, e xa están na rúa os catro primeiros tomos, con grande éxito de vendas. A versión galega do proxecto xa vendeu, segundo os seus promotores, seiscentos mil exemplares.
O secreto do éxito do proxecto é, segundo o seu promotor, o sistema de venda porta a porta, moi descoidado por outras editoriais. No vindeiro mes de setembro a fundación Francisco Rodríguez Iglesias abrirá a súa sede na Coruña.














Enciclopedia Gallega



O pasado domingo dezanove de maio falecía ós sesenta e catro anos Silverio Cañada, o editor asturiano que puxo en marcha a "Gran Enciclopedia Gallega". Cañada publicara en Asturias a "Gran Enciclopedia Asturiana" e a "Enciclopedia Temática Asturiana". En 1970 decidiu exportar a súa idea a Galicia e puxo en marcha a "Gran Enciclopedia Gallega", coa colaboración de Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Alonso Montero e Basilio Losada entre outros. O proxecto comezaría a editarse en 1974 por fascículos, estando a venda en quioscos e mediante subscripcións. A enciclopedia acadou vender 20.000 exemplares, consolidándose coma unha obra de referencia no país.